Venres. 29.03.2024
El tiempo

Artistas costeiras participan na exposición feminista “Sempre marzo”

  • A exposición conta coa colaboración de 33 artistas: 21 creadores (17 delas mulleres e 4 homes) e 12 poetisas.
  • Todas as obras son inéditas e realizáronse ex profeso para este proxecto
  • Pode visitarse na entrada do Pazo da Deputación Provincial de Pontevedra ata o vindeiro 7 de novembro 
sempre marzo exposicion
Libro que inspira a exposición do mesmo nome, "Sempre marzo".
Artistas costeiras participan na exposición feminista “Sempre marzo”

A exposición “Sempre Marzo” nace da man de Xosé Manuel Calviño, editor de A Xanela Editorial, quen hai dous anos apostou pola creación dun libro no que participasen varias artistas galegas e que reivindicase a continua e necesaria loita feminista pola igualdade. No proxecto participaron un total de 33 artistas, 29 delas mulleres, entre creadoras e poetisas. Unha plantilla case na súa totalidade feminina. Ademáis, varias delas  pertencen á Costa da Morte ou manteñen un vínculo especial coa zona.

O libro é unha obra de arte de principio a fin, tanto no interior coma na súa parte máis externa. A cuberta está presentada en forma de estoxo de madeira, feita de maneira artesanal. Posteriormente, no interior atópase o libro, composto por dúas tapas, tamén de madeira e cosido a man. Ademais, acompáñano un certificado de autenticidade e dúas carpetas que conteñen as serigrafías de cada artista, feitas por un taller de serigrafía artesanal. 

En QPC tivemos o pracer de contactar coa artista Viki Rivadulla, coruñesa de nacemento mais muxiana de corazón, que foi unha das participantes de “Sempre Marzo”. Segundo comenta Rivadulla, ela, unha artista á que a arte e o feminismo son os dous motores da súa vida, non dubidou un instante en canto lle fixeron a proposta para colaborar nesta idea. “Quen se ía a negar a un proxecto tan bonito coma este?”, cuestionaba retóricamente a artista.

A obra de Viki Rivadulla en “Sempre Marzo”

A idea que lle transmitiron a cada unha das pintoras era a de realizar dúas obras en lenzo que tivesen unha temática relacionada coa igualdade, o feminismo ou empoderamento feminino, seguindo ademais unha serie de requisitos técnicos nunha delas. As artistas debían pintar con pinturas planas e non utilizar máis de seis cores, xa que posteriormente esa obra ía a ser serigrafiada. 

Viki Rivadulla, que está moi acostumada a utilizar un gran rango de cores nas súas creacións, tivo que adaptarse a esta limitación, mais “o resultado foi fantástico, eu quedei moi contenta”, afirma a muxiana. A obra en cuestión chámase “Navegar”, coa que transmite un símbolo de liberdade e empoderamento a través da muller que toma as rendas da súa vida, que vai ao mar, en lugar de estar esperando no peirao.

Pola contra, a segunda obra era de técnica libre, o que permitiu a Rivadulla recurrir a un dos seus símbolos máis destacados, o da muller navegando. A pintura chámase “ O Bruar” e amosa a unha muller balea que está a tocar unha buguina pola que sae simboloxía feminista.

Outras artistas costeiras colaboradoras 

De todo o extenso elenco de artistas que participaron neste proxecto, varias delas pertencen á Costa da Morte. Ademais de Viki Rivadulla, tamén colaboraron as poetas María Lado, de Cee, e Rosalía Fernández Rial, nacida en Carballo. Porén, non podemos obviar a participación doutras artistas que, a pesares de non pertencer a esta zona, si teñen certa vinculación con ela.

Este é o caso da poeta Emma Pedreira, gañadora do Premio de Poesía Gonzalo López Abente, da escultora Soledad Penalta, creadora de dúas esculturas que se encontran expostas na Praza do Coído de Muxía, ou da pintora Carmen Hermo, quen adoita participar en varias actividades da nosa comarca coma os Encontros de Arte e Natureza no Faro Lariño ou na Fundación Man de Camelle. Esta última incluso publicou recentemente un libro ilustrado sobre O Man.

Unha visita obrigada

Agora, dous anos despois, todo o traballo invertido para a creación do libro converteuse finalmente nunha exposición onde os asistentes poderán desfrutar de primeira man os orixinais destas obras.

Para todos aqueles que estén interesados en coñecer este magnífico proxecto, poderán visitarlo na entrada do Pazo da Deputación Provincial de Pontevedra ata o vindeiro 7 de novembro, onde atoparán as creacións de Ángeles Jorreto, Carmen Hermo, Chelo Rodríguez, Ehlaba Carballo, Irene Silva Xiráldez, Isabel Pintado, José María Barreiro, Leandro Lamas, Lucía López, María Xosé Leira, María Manuela, María Xesús Díaz, Novais, Ramón Astray, Rut Martínez, Sabela Arias Castro, Sabela Baña, Soledad Penalta, Vanessa Lodeiro, Viki Rivadulla, Xosé Vizoso, María Xosé Queizán, Helena Villar Janeiro, Marilar Aleixandre, Pilar Pallarés, Eva Veiga, Olga Novo, María do Cebreiro, Yolanda Castaño, Emma Pedreira, María Lado, Miriam Ferradáns e Rosalía Fernández Rial.

Unha exposición moi importante e necesaria pola súa temática. No que vai de ano, máis de 60 mulleres foron asasinadas por violencia de xénero, unha cifra alarmante. Ademais, unha semana antes á presentación da exposición en Pontevedra, cinco mulleres foron asasinadas en mans de un home. En palabras de Viki Rivadulla, “é absolutamente necesario seguir traballando dende todos os ámbitos, e a arte é un ámbito máis do que podemos falar, denunciando o que está pasando e os feminicidios que está habendo”, afirma a artista. Así, esta debería ser unha exposición de visita obrigada, sen dúbida.

Comentarios