Xoves. 28.03.2024
El tiempo

Brais Doval descobre as “Historias do Último Camiño”

Mazaricos
Brais Doval ao seu paso por Mazaricos
Brais Doval descobre as “Historias do Último Camiño”

Xa está a piques de saír á rede un proxecto interactivo para dar a coñecer a última fase do Camiño de Santiago. “Historias do Último Camiño” ten xa activadas as súas redes sociais, e pronto poderemos ver como Brais Doval percorre as nosas corredoiras nunha web interactiva, e nun vídeo.

Quen mellor que o divertido presentador para animar a toda a mocidade galega a facer este percorrido senlleiro, a disfrutar da nosa xente.

O noso camiñante percorre as catro etapas que separan Santiago de Fisterra, a fin do mundo, e polo camiño, ademáis de descubrir lugares fascinantes, aproveita para coñecer ás persoas que hai arredor desta ruta. Homes e mulleres das aldeas e vilas polas que pasa, que falarán con oso condutor para contarlle as historias das que son testemuñas día a día, e que forman parte, coas súas vidas e traballos, da esencia do Camiño.

A aventura de Brais seguindo o Camiño e entrevistando aos seus veciños, é a protagonista do documental. Este será accesible ao público na rede, en forma de webdoc interactivo. O usuario poderá escoller se ver o documental completo, cada unha das etapas, ou pezas individuais de lugares e personaxes, e poderá acceder tamén a contido adicional (mapas, infografías…).

Brais Doval Camino
A rodaxe polo Facho e o Cabo Fisterra

Xuntanzas veciñais

Por outra banda, celebraranse catro xuntanzas a finais do mes de Setembro. As tres primeiras, en Negreira, Olveiroa e Muxía, consistirán na proxección de cada unha das tres primeiras etapas (Santiago-Negreira, Negreira-Olveiroa, Olveiroa-Muxía), e serán abertas ao público, para que a veciñanza poda gozar das filmacións realizadas na súa contorna.
Serán eventos breves, dunha media hora de duración, nos que se fará unha breve presentación do proxecto e se proxectará a etapa correspondente. A última celebrarase en Fisterra, estará presentada por Brais Doval, que aproveitará para facer gala do seu humor e da súa faceta de monologuista, e servirá como presentación oficial do proxecto, lanzamento da web interactiva e nela proxectarase o documental completo. Estará aberta tamén ao público, sempre respectando as limitacións de aforo.

Este proxecto desenvolto por Vizuals Lab, forma parte do programa O Teu Xacobeo da Xunta de Galicia, e que conta coa colaboración da Deputación da Coruña a través da súa liña de axudas a proxectos de singular interese cultural.

Novas relacionadas

Comentarios