Venres. 29.03.2024
El tiempo

Carballo monta en patíns

Carballo monta en patíns
Falando de Hockey en Carballo Falando de Hockey en Carballo

Nada menos que o Vicepresidente do COE (Comité Olímpico Español) e Presidente da Federación Galega de Patinaxe, Carmelo Paniagua, achegouse á capital bergantiñá para coñecer de primeira man a aposta do concello carballés polas 4 rodas. Acompañados polos responsables do Club de Hóckey Escola Lubiáns, falaron do innovador torneo 3x3 de hóckey que celebrarán o próximo mes de xullo.

A Federación Española, ademais do Concello a través de Carballo Deporte, Escola Lubiáns, participará de cheo na organización deste 3x3, ao que esperan que arredor de 500 participantes se acheguen ao Pavillón Carballo Calero para celebrar o que confían que sexa "unha festa da patinaxe", en verbas de Carlos Loureiro.

Durante tres días transformarán a zona Bergantiños nunha "mini-cidade deportiva" na que os asistentes das categorías sub 12, sub 14, sub 17, Absoluta, feminina, veteranos e Pro poderán participar non só no torneo de hóckey, senón tamén en xogos, concertos, obradoiros e mesmo gozar con comidas de convivencia.

Respecto da modalidade deportiva 3x3, Loureiro sinala que será a primeira vez que se celebre en Galicia un torneo deste tipo, aínda que noutras zonas de España, como Cataluña, ten bastante tradición. Na modalidade 3x3 a pista divídese en espazos máis reducidos nos que só xogan 6 xogadores: un porteiro e dous xogadores de pista por cada equipo. Deste xeito, xogadas que nun partido normal son menos comúns poden gozarse case de continuo na cancha, con movementos máis espectaculares e de maior nivel técnico. Dende Lubiáns convidan á participación a todos os clubs que estean interesados para seguir fomentando o hóckey e o deporte, en Carballo e en Galicia.

Fonte

  • Concello de Carballo.

Comentarios