Xoves. 02.12.2021
El tiempo
que pasa na costa

Coas lentes moradas

Coas lentes moradas
Mafalda igualdade Mafalda igualdade 2 Teño que falar contigo dun tema que me preocupa. Está por todas partes. Invisible para moitos e insoportablemente visible para moi poucos. Vouche ser sinceira, ver cas gafas da realidade non é moi agradable. Comezas ver inxustizas onde antes só vías normalidade. Porque empezas a pensar se es así porque queres ou porque che ensinaron a ser así. Pregúntaste se algunha vez permitiches que te cortaras as ás ou as recortas ti mesmo. E se es muller…apenas volverás a desfrutar cunha película romántica, pareceranche todas cortadas polo mesmo patrón, o mesmo estereotipo, a mesma historia, a mesma leria. Tamén terás que cuestionarte se o amor que coñeces é san, incluso o amor por ti mesmo. E sen máis, vou comezar: Ti, que es muller. Ti, que es home. Ti que terás pai, nai, avós e avoas ou quizais non… ou tíos, tías, curmás e curmáns, irmás, moza ou mozo, amigos e amigas, coñecidos e veciños… A ti quero preguntarche seriamente se che gustaría que a esa xente que coñecen a acosasen polas rúas? Se tivesen que ter medo por camiñar soas. Quero preguntarche se realmente deben ser culpa súa se as agridan por viaxar soas, saír soas, vivir soas…ou a culpa é de quen vai detrás delas, asustan e violan. Se é xusto ter que ir sempre cos 5 sentidos e os medos activados para facer algo tan sinxelo como volver a casa. Se son elas as que deben agachar a cabeza cando lle soltan barbaries e sentir vergonza e noxo por palabras que non soltaron elas, senón outros. Iceberg da violencia de xenero Quéroche preguntar se cres que ten máis importancia nunha violación, a roupa que levan ou as intencións do violador? Quero que mires as nenas que coñezas e que penses se merecen odiar o seu corpo. Odiarse a si mesmas. Estar sempre camiño á perfección e non a felicidade. E se tes fillas, quero preguntarcho…quereríala ver axeonllada nun váter, cos dedos na gorxa e a cea flotando na auga? Gustaríache que che mentise sobre o que comeu ou non comeu? Que se corte os brazos e as pernas porque non encontra alivio en ningún outra cousa? Quero que saibas, que aínda que non te des conta, estala educando para ser perfecta. Perfecta filla, perfecta estudante, perfecta moza, perfecta esposa, perfecta nai, perfecta coidadora... Ou acaso neses contos que lle les hai algunha muller que aspire a ser máis que ser guapa e querida? E a ser protexida, que non estea soa por se lle pasa algo. Non tería máis sentido edúcalos a todos no respecto e na igualdade? E con esa filla tan perfecta e nunca suficiente… non che amolaría que tivese que baterse de fociños contra teitos de cristal*? Que cobre menos tan só por ser muller? Que perda o seu emprego se decide ter un fillo? Que teña que pelexar polos seus dereitos cando son seus? Que sexa tema de debate se se pode amantar na rúa mentres a xente fuma e bebe polas mesmas? Que o día do seu parto a poidan chegar a tratar como gando, porque a sanidade está feita por e para homes. Que non a informen dos programas postparto. Que faga malabares entre o traballo, a casa e a familia. Que o peso da crianza caia sempre do lado da nai. E tratando de ser perfecta, agora síntese mala nai. Ou peor aínda…que a fagan sentir mal por non querer selo. De verdade pensas que todas temos sentido maternal? E por que entón non todos os homes teñen instinto paternal? E todo isto, tan frecuente, tan normal e invisible…agora vouche facer a pregunta importante: gustaríache que a maltratasen? Que lle pegasen no nome do amor? Que fose tan ilusa despois de tanto cinema romántico en crer que pode cambiar a outra persoa? E non é porque ela sexa tonta, senón porque está totalmente enganchada a un sistema de crenzas que ti mesmo axudaches a implantar. E non me fai falta que lle pegue, simplemente con que a sinta súa me basta. E tampouco ten que se por una parella…simplemente que se sinta menos por ser muller. Quero preguntarche se che gustaría que o teu fillo fose un maltratador? Un violador? Ou simplemente alguén agresivo, que soluciona as cousas a golpes, con menosprezos, insultos ou violencia ambiental tan só para sentirse seguro, para ter o control, para ser o home. Quero preguntarche se che gustaría que o teu fillo fose una marea de sentimentos por dentro que xa non sabe identificar de tanto reprimilos e que o coman por dentro. Quero preguntarche se queres que o teu fillo sexa feliz e libre ou preso do seu propio xénero. Podo parecer radical pero creme que non o son. O maltrato, a violencia, os trastornos alimentarios, a desigualdade de xénero etc non aparece da noite á maña. Non son causa e consecuencia dun único factor, senón serían fáciles de erradicar. E as miñas últimas preguntas… cres que as políticas contra a desigualdade de xénero poden ser efectivas? Xa non digamos de empregar un asubío en caso de violación… Pero sendo serios, non estamos empezando a casa polo tellado? Cando un neno e una nena se comezan a diferenciar? Cando comeza o adoutrinamento? Os violadores nalgún momento foron nenos. As mulleres perfectas nalgún momento só foron nenas. Porque… cando empeza todo?.   Definicións
  • * Teitos de cristal: limitación ao ascenso laboral nas mulleres polo seu xénero. O teito simboliza una limitación nas súas carreiras profesionais, difícil de traspasar e que impide seguir avanzando.
  • Machismo: actitude de prepotencia dos homes con respecto ás mulleres. Conxunto de prácticas, comportamentos, ditos e feitos violentos que discriminan á muller e incluso aos homes homosexuais. Ideoloxía que cree na superioridade do home sobre a muller por causas naturais baseado en crenzas.
  • Feminismo: Ideoloxía que defende a igualdade entre homes e mulleres. Movemento político, cultural, económico e social que busca a reivindicación dos dereitos femininos e da igualdade. Loita contra o machismo, a violencia de xénero e a asignación social de roles segundo o xénero. Patriarcado: sistema económico, social, cultural e político onde os homes teñen privilexios antes as mulleres. Establece roles de xénero e normaliza o machismo. Defínese á muller como débil, emocional, sensible e determinada ao mundo dos coidados (coidado do fogar e crianza). Os homes pola contra son fortes e racionais, encargados de “traer o diñeiro á casa”. Sexo: características biolóxicas e fisiolóxicas dadas pola natureza. Xénero: construción social e cultura que define as características emocionais, afectivas, intelectuais, así como comportamentos que cada sociedade asigna como propios e naturais de homes e mulleres.
Máis información e enlaces de interés
  • Laura Senande Corzón. Baiesa e estudante de Fisioterapia da Universidade da Coruña.

Outros artigos de Laura Senande

Fonte

comentarios