Sábado. 20.04.2024
El tiempo

Coplas populares na nosa lingua no Programa de Festas de Cee, agosto de 1952

Coplas populares na nosa lingua no Programa de Festas de Cee, agosto de 1952
Cartel Festas da Xunqueira Cee-agosto 1952

Teño nas mans o exemplar do libro «Programa das Festas da Xunqueira de Cee (do 12 ao 16 de agosto de 2016)» que sempre me garda o meu caro amigo José Ramón Rey Senra, Licenciado en Xeografía e Historia e Técnico da Biblioteca Pública Municipal «Francisco Mayán», e sempre é unha delicia ler esa excelente e interesante sección da súa autoría que publica anualmente baixo o título «Historia Anecdótica de Cee a través dos Libros de actas do Pleno».

Desta volta, na súa compilación deste ano recolle unha síntese dos acordos plenarios máis importantes desde o 3 de febreiro de 1952 até o 29 de agosto de 1953. Pois ben, as sempre interesantes anotacións van acompañadas da reprodución dunha páxina do «Programa de Fiestas de La Junquera. Cee, agosto 1952» (segunda das imaxes) que deseguida chamou a miña atención. Dunha banda por unha lembranza estritamente familiar xa que a Comisión de Festas do devandito ano está presidida polo meu avó materno, José Jesús González García (que finou en 1990 aos 85 anos), e que me sorprendeu, pois non había moito tempo que regresara de Bos Aires, onde estivera emigrado e na altura exercía como «Taxista de alquiler».

Porén, o aspecto máis salientable do Programa de Festas de 1952 é a presenza de oito coplas en lingua galega, agrupadas de dúas en dúas, para introducir os actos festeiros de cada xornada. Velaquí os textos, anónimos como correspondería á literatura popular, mais que deberon ser escritos pola man dalguén, quizais o meu propio avó materno pois tras o seu pasamento entre os seus papeis apareceron algunhas coplas escritas da súa propia man, aínda que ningunha coincide coas publicadas. Reproduzo os versos ao pé da letra, cos seus castelanismos e as súas grallas ortográficas, mais que configuran un documento excepcional para o ano 1952.

 

Día 14. VÍSPORAS
As bombas tronan na praya
O resonar as campanas
A xente xa repompea
E bai chegando en manadas.

A nosa vila de Cée
Xa está toda preparada
Pra que a ningún forasteiro
Teña que faltarlles nada.

Día 15. O DÍA DA PATRONA
O quince... o romper o día
Xa se sente moitas risas
Romeiros que van chegando
Ouir as primeiras misas.

Vinde romeiriños vinde
A cumprir o vosa oferta
En visitando a Xunqueira...
Dempois quedades a festa.

Día 17*. O OUTRO DÍA (*co erro evidente dos tipógrafos)
O outro día, da Patrona
Acuden moitos romeiros
O Glorioso de S. Roque
Tamén ten os teus dereitos.

Oxe po la media noite
E esto e tradicional
Non queda ningen na-casa
Todos van o festival.

Día 16*. ÚLTIMO DÍA (*co erro evidente dos tipógrafos)
Ay oxe... árdello-eixo
Pra outra sábeo-Dios
Outras festas hasto-ano
No nos farán para nos.


Todo-los homes casados
Bailan ca sua muller
Pra decirlle as nosas festas
Hasto-ano si Dios quer.

 

Sobrancean algúns textos literarios máis todos eles en castelán: «¡Hay que darle la derecha!», que asina en Santiago de Cuba, 1952 o emigrante ceés H. De López y López; «Campanas a vuelo» de Alfonso Reneses L. Brea; un texto asinado por «El Párroco de Cée» que inclúe outra copla na nosa lingua:

Todas as parroquias queren
algo mais o seu Patrón
Cée a sua Xunqueiriña
xa non ten comparación.

E aínda temos «El amor al terruño», asinado polo Dr. Francisco Mayán Fernández (De la Real Academia Gallega), historiador de prestixio e que chegaría a ser tamén alcalde en Mondoñedo onde fixou a súa residencia nos seus últimos anos, en alternancia con Lugo, aínda que sempre adoitaba vir a Cee uns días de agosto até que a enfermidade llo impediu. O artigo está datado en «Villablino (León), mayo de 1952». Finalmente «En un país de ensueño» que asina Baldomero Cores Trasmonte, na altura con 22 anos, que chegaría a ser profesor de socioloxía na Complutense, catedrático da mesma materia na Universidade de Porto Rico e letrado no Parlamento de Galicia, e quen foi tamén o último Cronista Oficial de Cee, alén escritor de obras ben interesantes, nomeadamente as biografías de Luís Porteiro Garea ou Ramón Suárez Picallo. Pouco tempo despois, en 1953 Baldomero Cores botaría andar a efémera revista Nemancos da que unicamente saíron tres números, os dous primeiros no ano citado e o terceiro e derradeiro en 1954.

Este Programa de Festas de 1952 complétase coa publicidade comercial, ben simpática para nós hoxe e consonte co espírito da época aquela que di: «Salon de baile. Se exige una estricta moralidad. Santiago Esmorís», e coa anecdótica presenza do galego nos nomes de dous establecementos muradáns que se anuncian, o bar «Meu» e «Tejidos Rosiña».

Este e moitos outros documentos de interese están ao dispór da cidadanía no Fondo Local que se creou na Biblioteca Pública Municipal «Francisco Mayán», por iniciativa de José Ramón Rey Senra, a quen moito lle agradecemos o seu labor e o seu asesoramento histórico.

Programa Festas da Xunqueira Cee-Agosto 1952
  • Miro Villar, ceense Doutor en Teoría da Literatura e Literatura Comparada, é profesor de lingua e literatura galegas, ademais de poeta, narrador, tradutor e crítico literario en diversas revistas e publicacións periódicas. Autor do blog As crebas.
 

Artigos de Miro Villar en QPC

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios