Venres. 19.04.2024
El tiempo

A Costa repasa a Xela Arias no Día das Letras Galegas

16052021 praza_xela_arias (1)
Inaugurando a Praza Xela Arias en Carballo
A Costa repasa a Xela Arias no Día das Letras Galegas

Día 17 de maio e a Costa da Morte celebra o Día das Letras Galegas con numerosas actividades. Se ben a meirande parte das propostas municipais son pensadas para o público familiar, tamén hai concertos ou teatro para adultos. Todos, arredor da figura da poeta, tradutora, editora e profesora Xela Arias (1962-2002).

16052021 praza_xela_arias_publico (2)
Acto de inauguración da Praza Xela Arias en Carballo

Para iso serviu o acto de inauguración da Praza Xela Arias, en Carballo, que quixo lembrar a súa figura xa que ademais ten unha relación directa coa capital bergantiñá pois colaborou profesionalmente co pintor e ilustrador Xosé Guillermo (Carballo, 1947 – Vigo, 2009). A partir de hoxe o seu nome figura dende hoxe do rueiro carballés aderezado ademais dun fermoso e comprometido mural pintado por Rakele Cavallo, enmarcado no proxecto “A poesía está na rúa”.

Durante o acto, ademais, da concelleira de Normalización Lingüística, Maruxa Suárez; participaron dio fillo de Xela Arias, Darío Gil, e da escritora carballesa Rosalía Fernández Rial, que recitou unha acertada e moi ben fiada escolma de versos de Xela Arias.

Maruxa falou en clave de igualdade para “seguir reivindicando a tantas e tantas mulleres que forman parte da historia agochada de Galicia, e que este ano reviven a través de Xela Arias.

As actividades do Día das Letras Galegas continuarán o propio luns 17 de maio co espectáculo “Por Xela!”, con poesía, fotografía e música”. A primeira delas correrá a cargo das poetisas Estíbaliz Espinosa, Helena Salgueiro, Nuria Vil e Vanessa Glemsel, que ofrecerán un recital; da parte fotográfica encárgase Xulio Gil, que foi parella de Xela Arias, e da música, o grupo A banda da loba. As entradas están á venda en www.ataquilla.com.

O Couto, o epicentro das Letras Galegas

20210514Festiletras

A aldea pontecesá do Couto volve convertirse nun dos centros máis importantes do país en materia de Letras Galegas, demostrando que o rural é o que mantén viva a nosa lingua. A acción principal desenvolvése na tarde de #ODezasete, cun festival musical convertido no Festiletras 2021.

O pasado venres acodiu o secretario xeral de Cultura á presentación do programa destacando que o Festiletras é “unha marca sustentable que quere transformar o medio rural nun enclave seguro e de confianza para garantir. “O Goberno galego –dixo– contribúe cada ano á realización deste festival para promover a difusión intensiva e a proxección da nosa cultura e das nosas letras desde esta incomparable contorna.

Así, hoxe luns17 de maio farase unha colocación de placas nas rúas da Aldea do Couto e pola tarde unha presentación literaria na Casa da Muller sobre textos de Xela Arias, homenaxeada no Día das Letras Galegas. Estas actividades completaranse coa presentación dun libro da poeta Fina Cousillas e coa entrega dos premios Literatas 2021. O programa pecharase cun concerto das artistas Sabela Caamaño e Antía Ameixeiras, que presentarán o seu álbum Aire. O resto das actividades, con programa aínda por pechar, retomaranse na primeira semana de setembro.

III Premio de Poesía Eduardo Pondal

A editorial Medulia, da man da poeta cormelá Diana Varela Puñal, aproveita o día de hoxe para anunciar o gañador do III Premio de Poesía Eduardo Pondal. O gañador o poeta de Ourense Javier Rodríguez González pola “Unha casaca escarlata”.
Licenciado en Filoloxía Hispánica pola Universidade de Santiago, traballa como profesor de Ensino Secundario en Segovia. Gañador de múltiples premios tanto en galego coo en castelán, está será o seu segundo libro de poesía que verá a luz, e que será publicado en Medulia nos vindeiros meses.

O Xurado, no que participou Miguel Anxo Mato Fondore resaltou a obra gañadora por “abrir regos sobre os que a poesía moderna podería arar”, así como polo ben trabado que está o volume, cun pouso de crítica social.

Panfletos por Muros

A asamblea do BNG de Muros elaborou un díptico no que pon en valor a figura da escritora Xela Arias, así como en contexto a súa vida e obra. O díptico ven acompañado por un marcapaxinas que recolle algunhas das expresións muradáns máis caracteristiticas.

Ademais, o BNG sempre aproveita a data para lembrar a Xosé Agrelo, un referente na zona que promovíu a lingua e a cultura galega a través da docencia e o teatro popular. A voceira local María Lago participa nun acto homenaxe que se fai en Esteiro , desde a Asociación Cultural O Xeito, ó Mestre Agrelo,

Marcapáxinas_Xela_Arias_Muros copia
 

Radio-Biblio cabanesa

A Xunta de Galicia vén de resolver o III Concurso de Podcasts-Radio na biblio, que convoca coa colaboración da Radio Galega. Un total de oito centros educativos de toda Galicia resultaron gañadores con traballos realizados ao abeiro do programa Radio na Biblio e arredor da figura de Xela Arias, co gallo do Día das Letras 2021.

Na modalidade para alumnos de 3º a 6º de Primaria, os gañadores son “Entrevista á nena Xela Arias”, do CPI As Revoltas (Cabana de Bergantiños), ademais de “Na busca do felino”, do CEIP Mestre Manuel García (Oia).

Os centros gañadores nas distintas modalidades recibirán unha asignación extraordinaria de 1.000€ para melloras no laboratorio de radio ou para actividades relacionadas co funcionamento do mesmo, sempre vinculado á biblioteca do centro.

Exposición en Coristanco

A Biblioteca de Coristanco inaugura este martes 18 de maio, ás 12h, á exposición "Festexando as nosas letras" no Edificio de Servizos Múltiples de Coristanco. Este acto inaugurará a mostra que recolle todos os traballos gañadores e finalistas do Certame Artístico-Literario Asunción Antelo.

Outros programas das Letras Galegas

Artigos relacionados

Comentarios