Martes. 23.04.2024
El tiempo

Costas recuperará o sistema dunar de Baldaio danado polos temporais

Costas recuperará o sistema dunar de Baldaio danado polos temporais
Expedicion publica en Baldaio Expedición pública en Baldaio

Cada temporal, unha das áreas que máis sofre é o espazo natural de Baldaio. O sistema dunar foi danado nos últimos invernos con dureza, e faise necesario a súa reconstrución. Así o asegurou o Xefe da Demarcación de Costas en Galicia, Rafael Eimil, durante a súa visita á lagoa de Baldaio, onde avanzou que o seu departamento elaborará un proxecto para emprender a recuperación do sistema dunar situado na entrada da marisma.

O proxecto inclúe retirar parte da area acumulada na entrada da ría, xa que esta area formaría parte orixinariamente das dunas que pretenden recuperarse e tería sido arrastrada polos temporais á súa situación actual.

Melloras para as mariscadoras?

A mariscadoras da Agrupación Fonte Santa Elena demandan medidas que faciliten o seu labor, xa que a acumulación de area na boca da ría dificulta o intercambio mareal que permite a cría dos bivalvos. Neste sentido, Eimil explica que, aínda que a "prioridade" é a recuperación do espazo natural, "se ademais a actuación pode beneficiar ás mariscadoras" intentarase compatibilizar os intereses de todas as partes.

Así, estudiarán a posibilidade de retirar unhas pedras situadas na contorna da ponte grande que foran colocadas no seu momento para paliar as consecuencias do afundimento do "Prestige" e evitar a invasión de chapapote. Porén, cumprido o seu labor, agora as pedras dificultan o fluxo das mareas e favorecen a acumulación de area. Eimil sinala que podería ser posible incluir esta retirada no proxecto, xa que a limpeza do dominio público entra dentro das competencias do seu departamento.

A Agrupación Fonte Santa Elena debe presentar un escrito no seu departamento detallando as actuacións que consideran precisas para solucionar o seu problema, coa colaboración municipal.

Outra información

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios