Venres. 29.03.2024
El tiempo

O Covid-19 trunca as excursións de fin de curso dos centros educativos

Alumnos de 3º da ESO do IES Pedra da Aguia que ían viaxar a Bruselas.
Alumnos de 3º da ESO do IES Pedra da Aguia que ían viaxar a Bruselas.
O Covid-19 trunca as excursións de fin de curso dos centros educativos

A irrupción do coronavirus no noso país ven causando dende hai meses unha morea de diferentes problemáticas que afectan a diferentes ámbitos da nosa sociedade. No caso dos colexios e institutos da nosa zona, non só tiveron que adaptarse en tempo récord a unha situación excepcional e inesperada, senón que a isto tamén se lle suman outros asuntos pendentes de solucionar como as excursións de fin de curso.

Practicamente todos os centros educativos da comarca tiñan previsto, cando menos, realizar unha excursión de fin de curso cun presuposto máis ou menos amplo dependendo do caso, pero que ao final adoita ser dunha suma de diñeiro importante na economía familiar. Uns plans que se viron truncados directamente por culpa do Covid e que agora carrexa consigo un problema: a devolución deses cartos.

Nalgúns casos isto non é o peor, pois moitos alumnos conseguiron o diñeiro para poder costearse a excursión vendendo diferentes produtos ao longo do ano, mais outras familias, debido á crise económica na que nos atopamos nestes momentos derivada do coronavirus, pode que eses cartos fosen importantes. Tres institutos da zona (o IES Pedra da Aguia, o IES Terra de Soneira e o IES Fontexería) decidiron expoñer a través QPC o seu problema particular.

O caso do IES Pedra da Aguia é un dos menos prexudicados nesta situación gracias á rápida actuación que tiveron vendo o que se viña pois, a principios de marzo, antes incluso do confinamento, tiveron unha reunión cos pais para decidir o futuro das excursións que tiñan previstas. Tal e como comenta Jacobo Santos, xefe de estudos do centro, no instituto camariñán tiñan previsto realizar dúas excursións, unha a Bruxelas cos alumnos de 3º da ESO, que roldaba os 400 euros, e outra a Grecia cos de 4º, duns 800 euros aproximadamente, cuxa contratación foi a través da axencia de El Corte Inglés, coa que xa levan tratando dende hai tempo.

A principios de marzo decidimos reunirnos cos pais para ver que faciamos, se cancelábamos as viaxes ou que. A rapaza do Corte Inglés, coa que levamos traballando uns 10 anos, díxonos que se nos ían cobrar uns gastos pero eses gastos xa ían incluídos neses cartos que xa adiantáramos, o que supoñía realmente perder por familia entre 70 euros nalgúns casos e 150 no caso de Grecia. Se cancelábamos nese momento tiñamos esta penalización, pero díxonos que se cancelábamos 15 días máis tarde, sería do 50 % por cento”, indica Santos.

No Pedra da Aguia, ao viaxar principalmente en xuño e maio, polo momento pagaran realmente “unha parte mínima do total” e os pais, ante esta situación, decidiron que o mellor era cancelar e perder os cartos. Tal e como explica o xefe de estudos: “Os pais estiveron dacordo, preferían perder os cartos. Moitos entendían que era lóxico que as axencias ou as compañías tivesen unha serie de gastos. Moitas veces son as compañías aéreas as que se negan a devolver os cartos. De todos modos, os pais decidiron perder eses cartos porque ao final son cartos que os rapaces conseguiron vendendo rifas, polvoróns, lotería... Nós non temos tanto problema porque os chavales buscáronse eles mesmos a vida para pagala e o que tiveron que pagar a maiores é moi pouco”.

IES Terra de Soneira

Non tiveron a mesma sorte no IES Terra de Soneira, quen, a pesares de ter contratada a súa viaxe de fin de curso a Ámterdam tamén co Corte Inglés, a súa situación é moi distinta. María Jesús Domínguez, vicediretora do IES explica que as posibilidades que lle ofrece a axencia para a viaxe, que tiña previsto realizarse do 30 de abril ao 4 de maio, son ou “recuperar parte dos cartos a día de hoxe pero perdendo unha parte (recuperarían 73 euros dos 200 que adiantaron), ou recuperar todos eses cartos dentro dun ano en base a disposicións xerais que se contemplan no BOE do mércores 1 de abril de 2020”, indica.

Esta publicación do BOE, na 3ª Sección do seu primeiro capítulo que fai referencia ás medidas de protección dos consumidores, sinala que “ no caso da prestación de servizos que inclúa a varios provedores, como as viaxes combinadas, o consumidor e o usuario poderá optar por solicitar o reembolso ou facer uso do bono que lle entregará o organizador ou, no seu caso, o minorista. Dito bono poderá utilizalo no prazo dun ano dende a conclusión do Estado de Alarma. En caso de non utilizarse durante ese período, o consumidor poderá exercer o dereito de reembolso”.

Desgraciadamente, o IES Fontexería é un dos máis afectados. O vicediretor do centro muradán, Pepe Sacau, comenta que en total tiñan previstas catro viaxes: dúas viaxes a Madrid (unha que implica a tres alumnos que ían viaxar á capital para participar nun concurso e outra con alumnos de 2º de bacharelato para visitar museos, duns 200 euros), unha viaxe a Andalucía co alumnado de 1º de bacharelato duns 400 euros e, finalmente, unha viaxe a Londres cos rapaces de 4º da ESO que custou 700 euros aproximadamente.

No que respecta á viaxe a Madrid para asistir ao concurso, Sacau asegura que o asunto xa está solucionado, pois a xestión fíxose a través da organización do certame quen conseguiu que lles devolveran os cartos íntegramente, mais o problema ven co resto de viaxes, que foron contratadas a través de distintas axencias. “As axencias, en principio, manifestan boa vontade pero afirman que tanto os maioristas como as aerolíneas non se fan cargo das devolucións. O que ofrecen son paquetes para consumir más adiante e, por tanto, non temos unha resposta. Estamos enviando correos cada pouco tempo para facer uns seguimento de como están esas reclamación pero non temos aínda resposta”, explica Sacau.

No seu caso, afirman que en ningún momento se lles ofreceu a posibilidade de recuperar o importe total das viaxes, tal e como aparece no BOE. “A nós que sexa hoxe, mañá, ou o luns que ven non nos supón un trastorno, pero sí que é un trastorno que nos digan que non nos devolven os cartos e que nos queda un vale de consumo. Iso non resolve nada”, indica Sacau, xa que teñen ingresados entre 15 e 20 mil euros nas viaxes e hai case 100 alumnos afectados con esta problemática.

Actividades no IES Fontexería de Muros.

Actividades no IES Fontexería de Muros.

Aprazar as viaxes cos bonos: Inviable

Algúns poderían pensar na opción de cambiar as datas das excursións para ao mellor finais de ano ou incluso o ano seguinte, mais nos casos dos institutos é moi complicado facelo pois, en moitos casos, esas viaxes fanse precisamente co alumnado de fin de etapa polo que para o ano xa non estarán no centro.

A posibilidade de aprazar a viaxe contemplouse por parte da axencia, algúns pais e nais e alumnos, pero ao final decidiuse que non porque moitos deles para o curso 2020-2021 xa non estarán no noso centro porque van a estudar a outros”, afirma Domínguez, vicediretora do IES Terra de Soneira.

No IES Pedra da Aguia, co alumnado de 3º  “temos a opción de devolverlles os cartos ou o próximo ano, tamén temos pensado ir de excursión con eles, asi que, se queren, poderíamos administrarllo para o ano que ven”, afirma Santos, mais tamén recalca que “os do próximo ano, igual queren ir a Grecia ou non, e igual podemos ir ou non. Está claro que durante todo este ano eu creo que non se vai poder saír ao estranxeiro nin de broma”.

Así é que os bonos de consumo non serían unha opción viable en moitos casos. Para o vicediretor do instituto muradán, “non somos responsables desta circunstancia, por suposto. Non é que de repente non queiramos ir, é que non se pode ir”, polo que a devolución dos cartos cre que sería a mellor opción. “Os importes na nosa man permítenos nun futuro, se nos interesa, reactivar a viaxe, pero se os importes non están na nosa man, estamos absolutamente condicionados polo que nos ofreza a axencia no seu momento ou o hotel ou as datas que nos ofrezan. Se temos os cartos da nosa man, é moi diferente”, afirma Sacau.

Os ánimos tras as cancelacións

Está claro que toda viaxe ía facerse con toda a ilusión do mundo. No IES Fontexería senten con especial mágoa que non se faga a excursión a Londres: “A partir de 4º da ESO moitos rapaces cambian e centro e esa é a gran viaxe que fan para celebrar o fin da titulación. Unha viaxe a unha cidade importante como é Londres, pois tiñan a ilusión, ademais levaban traballando todo o ano vendendo distintos produtos... Entón, os rapaces séntense moito máis comprometidos, porque durante practicamente 20 semanas traballan case a diario para intentar conseguir ingresos e que poidan costearse a viaxe practicamente sen gasto para as familias. Esa é ao mellor a que máis doe. De feito, estabamos a punto de pechas as contas para, á volta e vacacións case directamente marchar para Londres. As outras dúas tamén doen, pero tamén xa son máis maiores, xa teñen outras experiencias...”, comenta Sacau.

Pola súa banda, Santos lamenta especialmente a viaxe que ían facer os alumnos tamén de 4º da ESO a Grecia, xa que a viaxe a Bruselas, “na medida que sexa posible, intentarei levalos, iso dende logo”, afirma o xefe de estudos do IES Pedra da Aguia. [Os alumnos de 4º] “son unha das mellores promocións que tivemos, que son os que gañaron o Euroescola o ano pasado, foron a Frankfurt, foron a Luxemburgo, foron a Bruxelas... Foron a moitísimos sitios e son os que conseguiron en certo modo que nos nomearan camariñáns de honra, e xusto quedaron sen a excursión de fin de curso deste ano. É verdade que tiveron xa a súa recompensa noutras viaxes que fixeron, pero sempre lles quedará a cousa de que non puideron rematar esta”, indica Santos.

Aínda así, a pesares de que os alumnos terían “unha decepción moi grande por non poder viaxar a Ámsterdam”, Domínguez, a vicediretora do IES Terra de Soneira, apunta que “é un mal menor, xa que os que perderon aos seus seres queridos, ou perderon o sustento económico porque os seus pais quedaron sen traballo deben estar máis decepcionados. A verdade é que sinto moito orgullo dos meus rapaces porque encaixaron a situación con moita madurez, e os pais e nais tamén”.

Comentarios