Martes. 23.04.2024
El tiempo

Os cribados só aportan conclusións en Camariñas

Imaxe do Autocovid en Cee
Imaxe do cribado realizado en Cee-Foto-Rafa Quintáns
Os cribados só aportan conclusións en Camariñas

Esta semana desenvolvéronse diferentes cribados en Concellos como Camariñas, Cee, Fisterra, Mazaricos, Santa Comba ou Carnota. Pero as conclusións, como acontecera con outros cribados realizados na zona, non parecen moi concluíntes.

O único que dá unha conclusión interesante foi o cribado de Camariñas, pois das 200 probas realizadas (había 290 convocadas dos sectores da hostalaría, auxiliares de axuda a domicilio, confrarías e taxistas), houbo só 2 positivos, o que significa que o “brote está concentrado no IES Pedra da Aguia", aseguran dende o Concello. A día de hoxe hai 25 novos casos nos últimos 14 días (unha taxa de incidencia media de 474 casos por cada 100.000 habitantes).

Por Mazaricos, había nada menos que 2146 persoas convocadas para facer o cribado, dos que só asistiron o 45%. Son poucas as conclusións que se poden desbotar, pero a cifra de positivos, 10, arroxaría unha taxa de incidencia media de 1.000 casos por cada 100.000 habitantes, unha cifra altísima que se reflicte nos datos dos últimos 15 días. A día de hoxe hai 44 novos casos confirmados nos últimos 14 días (1.132 casos por cada 100.000 habitantes).

Por Cee realizáronse estes días 400 e non saíu ningún positivo, o que dá conta da boa evolución do concello ceense. De feito, a día de hoxe hai entre 1 e 9 casos confirmados nos últimos 14 días.

Esperamos os resultados de Fisterra, con arredor das 300 probas que se está facendo entre venres e sábado. Por agora só se sabe dun positivo dun traballador do Concello, se ben a día de hoxe xa hai 59 novos casos confirmados nos últimos 14 días (1.253 casos por cada 100.000 habitantes).

Tamén estamos pendentes dos resultados de Santa Comba, pois o cribado aínda se está desenvolvendo, se ben onte xa eran 73 os casos activos (774 casos por cada 100.000 habitantes).

Así mesmo, este domingo vaise realizar un cribado masivo no Centro de Saúde de Carnota á poboación entre 15 e 74. O número de persoas incluídas é aproximadamente de 1359, que serán citadas por SMS, na cal se indicará o horario de realización da proba. Hoxe hai 19 novos casos nos últimos 14 días (unha taxa de 480 casos por cada 100.000 habitantes).

Máis novas do COVID

Comentarios