Xoves. 28.03.2024
El tiempo

No trinta aniversario do colectivo de poesía «Un Medio» de Cee

No trinta aniversario do colectivo de poesía «Un Medio» de Cee
Un Medio-Costa da Morte 1986 1 Foi por volta do verán do ano 1986 cando un grupo de sete mozos «letraferidos» (ou amantes da literatura), todos da vila de Cee, e por iniciativa de Xosé Cañizo, daquela concelleiro de Cultura, en representación dos nacionalistas, e mestre do colexio público, demos en constituír o colectivo de poesía «Un Medio» e publicamos nos anos seguintes dous cartapacios en papel satinado que foron deseñados e ilustrados polo hoxe afamado arquitecto Xoán Creus Andrade. Cada un deles levaba textos poéticos da autoría de tres dos irmáns Creus Andrade, Humberto, o propio Xoán e un novísimo Estevo; de Xosé María Costa Lago; de Artur Trillo Sendón; de Rafa Villar e de min mesmo. E malia o seu financiamento económico ser a conta da concellaría de Cultura, que distribuíu de balde as publicacións, o seu patrocinio non ía acompañado do logo, como adoito sucede coas diferentes administracións, sempre desexosas de figurar. Xosé Cañizo, a quen moito lle agradecemos o seu apoio a aqueles mozos destemidos, limitouse a realizar unha breve presentación no lanzamento público. Nesta anotación lembraremos o primeiro daqueles encartables (as imaxes non lle fan xustiza e non permiten ollar a frescura do formato orixinal). Naquel primeiro número as composicións ían asinadas co nome co que eramos coñecidos na vila e incluíu tres poemas en castelán: «su sombra la sombra de ella (la de siempre)», de Humberto, «labios», de Costa e «viendo mujeres», de X. Creus A.; e catro poemas en galego, dous na normativa do ILG: «subirás á túa árbore», de Arturo e «incógnita», de Estevo, e dous na normativa da AS-PG, ou de mínimos: «habia humidade nas furnas dos meus ollos», de Miro e «busco un armário», de Rafa. Todos os sete poemas estaban caligrafados polo propio Xoán Creus Andrade. Son poemas de primeira hora e talvez algún de nós xa non se recoñeza naqueles versos tan afastados no tempo da mocidade. Daquela aínda ningún de nós publicara un libro e mesmo aínda estaba lonxe de ser así. Algúns aínda non o fixeron, malia escribir moi ben. Xoán Creus publica libros de arquitectura e moitos proxectos do seu estudio Creus & Carrasco (coa súa muller a arquitecta Covadonga Carrasco) merecen premios, Xosé María Costa escribe artigos e guías sobre micoloxía e Humberto se cadra é o que máis se afastou do mundo literario. No entanto, Artur Trillo centrouse na dramaturxia con Talía Teatro e publicou pezas teatrais e os tres restantes, Estevo Creus, Rafa Villar e mais eu navegamos por territorios literarios e levamos publicados varios títulos poéticos e tamén doutros xéneros. A experiencia do colectivo poético «Un Medio» finou ao espallármonos en diferentes ocupacións estudantís e laborais. E uns anos despois, en sintonía co colectivo soneirán Arre Sentelha!, había cristalizar o Batallón Literario da Costa da Morte, que no seu mellor momento chegaría a xuntar a máis de trinta escritores e escritoras da zona. Un Medio-Costa da Morte 1986 2 Un Medio-Costa da Morte 1986 3 Un Medio-Costa da Morte 1986 4
  • Miro Villar, ceense Doutor en Teoría da Literatura e Literatura Comparada, é profesor de lingua e literatura galegas, ademais de poeta, narrador, tradutor e crítico literario en diversas revistas e publicacións periódicas. Autor do blog As crebas.
 

Artigos de Miro Villar en QPC

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios