Xoves. 28.03.2024
El tiempo

Non vos parece?

Non vos parece?
A planificación de recursos humanos, na administración pública, persegue contribuír á eficiencia na utilización dos recursos económicos dispoñibles e a maximizar a eficacia na prestación de servizos (artigo 69 da lei 7/2007, de 12 de abril). Pero, a maioría dos nosos concellos carecen de instrumentos de ordenación de persoal. Así de rotundo. Así de claro. Así de irritante. En base á potestade organizativa que posúen as entidades locais, os concellos poden utilizar diversos procedementos para organizar o seu persoal (manuais de procedemento, organigramas da entidade, rexistro de persoal, etc.), pero non o fan. De feito, a existencia de instrucións sobre permisos, licencias, vacacións, asistencia a cursos de formación, tramitación de nóminas e anticipos, por exemplo, constitúe unha regulación útil para documentar e concretar aspectos específicos e propios de cada corporación municipal. Non obstante, excepto Carballo, ningún dos nosos concellos dispón dun manual de procedemento relativo ao seu persoal. Por outra banda, o organigrama é unha ferramenta adecuada para representar a distribución orgánica e funcional dunha entidade, porque permite visualizar de xeito inmediato a dimensión e estrutura departamental na que se divide a institución. Carballo, Laxe e Muxía son os únicos concellos que contan cun organigrama no que se especifica, graficamente, as diferentes áreas municipais. Ademais, a pesar de que os entes locais deben constituír rexistros de persoal, e que os datos inscritos determinarán as nóminas, a efectos da debida xustificación de todas as retribucións dos traballadores públicos, o nivel de implantación deste instrumento de control nos municipios da contorna é practicamente inexistente. Tan só o Concello de Corcubión conta cun rexistro onde inscribir os actos que afectan á vida administrativa do seu persoal. Nin manuais de procedemento, nin organigramas, nin rexistro de persoal. Vai sendo hora de tomar en serio estas cuestións, para superar a debilidade organizativa que se observa no sector público municipal. Non vos parece?
  • Domingo Guerra ([email protected]). Economista. Especialista en economía pública e política económica pola USC.

Novas relacionadas

Outros artigos sobre Economía Municipal de Domingo Guerra

Fonte

Comentarios