Venres. 19.04.2024
El tiempo

O alcalde da Coruña saúda a vontade de Carballo de unirse á área metropolitana

O alcalde da Coruña saúda a vontade de Carballo de unirse á área metropolitana
Evencio Ferrero con Xulio Ferreiro Evencio Ferrero con Xulio Ferreiro

Sen a intención de “mover marcos”, senón coa de sumar, o Concello de Carballo quere inserirse na Área Metropolitana da Coruña. Así llo fixo chegar esta pasada mañá de martes 25 de outubro o alcalde carballés Evencio Ferrero ao seu homólogo coruñés Xulio Ferreiro. Se Carballo xa forma parte da rede de transporte dende 2015, agora toca dar un paso máis para unir A Coruña con Bergantiños, ademais dos concellos de Abegondo, Arteixo, Bergondo, Cambre, Carral, Culleredo, Oleiros, Sada e Betanzos.

A resposta do alcalde da Marea Atlántica foi moi positiva e saúda a “vontade” de Carballo por sumarse á conformación da área e salienta o seu “papel relevante, tanto en fluxo de persoas como económico”, para a comarca. "O alcalde Carballo amosou o seu interese por participar na construción política da área metropolitana, e eu trasladarei aos asinantes e á asinante da Declaración ese interese, e o interese de que esta parte da área metropolitana se incorpore tamén nos traballos técnicos que estamos desenvolver, para, nun futuro, poder discutir aspectos máis concretos", avanzou Ferreiro, quen salientou "as relacións evidentes que existen, e o papel relevante de Carballo, tanto nos fluxos de persoas como nos económicos". "Desde o punto de vista da promoción económica, ordenación do territorio ou da mobilidade, creo que se trata dunha parte da comarca e como tal hai que contar con ela", considerou o primeiro edil coruñés.

Pola súa banda, o rexedor carballés explicitou o interese de Carballo "por facer achegas e, ao tempo, facer valer ese fluxo que existe desde a comarca de Bergantiños; desde Carballo, A Laracha, Arteixo e A Coruña, que é permanente e bidireccional, e que ten importancia tanto no económico como en canto a mobilidade, cunha gran cantidade de persoas e de profesionais que se move entre estes puntos". "Tentaremos achegar a nosa visión periférica, cremos que o modelo urbano das Mariñas non se perfeccionaría se non se teñen en conta todas estas circunstancias", manifestou Evencio Ferrero.

A día de hoxe están preparando un estudo técnico para que o Parlamento de Galicia dea luz verde á Lei da Área Metropolitana da Coruña no ano 2017.

Fonte

Comentarios