Sábado. 20.04.2024
El tiempo

O galego, lingua con licencia CC para Cantas Cousas queiras

O galego, lingua con licencia CC para Cantas Cousas queiras

Fermosa a campaña do Servizo de Normalización Lingüística (SNL) do Concello de Carballo. Unha campaña para convidar a usar a lingua galega libremente en todos os contextos, en todas as situacións, por parte de xente de todas as idades.

Facendo uso da licencia máis coñecida en materia de internet, a de CC (Creative Commons), o SNL lembra que a nosa lingua galega non ten límites nin restricións para Cantas Cousas queiras facer con ela.

Para iso enchéronse as rúas de bandeirolas e carteis e as redes sociais de imaxes, coa participación de moita xente de Carballo de diversos ámbitos e idades que se quixo sumar a este convite. Persoas como Alba Cotelo, todo creatividade; Ana Abelenda e Natalia Álvarez que son confidentes diante dun café; as rapazas e rapaces de Aula 11 coas súas cancións; Germán e Patricia que convidan a comprar no comercio local; Hadri Felpete e Isa Fernández, que queren crebar cadeas; Lili e Ali coas súas conversas cruzadas; Natalia, que celebra conquistas no deporte; Rosa Rial e Xan Fernández, que pasean pola praia os seus corazóns contentos; Santi Picos, Cristina Castro, Mon Lendoiro e Milagros Cotelo que conviven e conxenian; ou Xan e Alberto Vecino coas súas cóxegas cómplices.

”Para corazóns contentos, para crebar cadeas, para compras e caprichos, para conxeniar e convivir, para cálidas cancións, para cafés e confidencias, para cabezas creativas, para cóxegas cómplices, para conversas cruzadas, para celebrar conquistas..., para cantas cousas!”.

 

Fonte

Comentarios