Sábado. 20.04.2024
El tiempo

Os alimentos salvaxes da Costa da Morte

Os alimentos salvaxes da Costa da Morte
Pan de cabra-Cantharellus cibarius O outono trouxo unha rica aínda que serodia tempada de cogumelos á Costa da Morte, desde os deliciosos níscaros que estran algúns pinares até os versátiles choupíns que abrollan nos pasteiros, e o gusto polos fungos comestíbeis agroma tamén por toda a bisbarra. Despois de se organizaren xornadas en Vimianzo, Coristanco ou Fisterra, xa chegan as da Asociación Micolóxica Pan de Raposo en Cee, que vai pola 13ª edición. Quizais fose necesario complementar o traballo asociativo cunha maior implicación por parte das administracións, pois nestes casos cando medra o interese da poboación sen información axeitada medran os riscos asociados como intoxicacións non desexadas, e para o anecdotario engado que a TVG empregou a fotografía dun fermoso pero velenoso rebentabois para ilustrar un comentario sobre a recolleita de cogordos. A chave está na responsabilidade, é ese o caso de medios como QPC, que mesmo conta cunha columna de opinión específica sobre micoloxía. Unha vez que a sociedade está a sacudir as resistencias culturais a este alimento, despois de décadas de lendas escuras entorno ao pan de cobra, tamén é hora de que as restauradoras da zona experimenten pratos con produtos de proximidade e de tempada en variedades tanto outonais como primaverais. Persoas expertas, para asesorar, témolas. E podería ser un grande salto de calidade ofertar no futuro, de vez en cando, por fóra do que son as especies comerciais de cultivo. Pero para chegar a isto non só habería que pór en valor o padal, senón tamén o monte. De momento, hai que gozar certos manxares na intimidade, ou conformarse con encontros como o da semana pasada no bodegón da Anchoa. Xeneroso en alimentos salvaxes é este recanto do mundo, ademais do reino das hifas temos o das algas, no que tampouco é obrigatorio sementar nin sachar para levar á cociña uns espaguetes de mar ou unhas leitugas de mar. Malia que en grande parte a súa explotación con fins alimentarios segue a ter como horizonte a exportación, o argazo chegou aos nosos establecementos hostaleiros para ficar, e moído tamén é un saudable e saboroso substitutivo do sal de mesa. Para rematar, agora no reino vexetal, coido que unha das mellores actividades naturais e culinarias que se poden facer no noso rural é dar un paseo antes de xantar ao mesmo tempo que se vai preparando polo camiño unha ensalada de herbas e flores silvestres comestíbeis: couselos, agróns, violas, capuchiñas... Ollo neste tema -coma en todos- pois hai que saber identificar o que se leva á boca, a planta exacta, o entorno limpo e uns minutiños en auga cunhas pingas de vinagre. Estas sabedorías populares foron cultura xeral durante séculos. Hoxe é un coñecemento en vías de recuperación. E onde moito se está a traballar pola arqueogastronomía é no concello de Vimianzo: os Pinchos Irmandiños, os Outonos Gastronómicos, e agora, o proxecto “Do mar á terra”. Este, pretende traer a 12 restaurantes da vila menús da Idade do Ferro e do Medievo, con asesoramento científico. O próximo venres haberá unha demostración ao vivo no Castelo. Imperdible. Quizais se presenten por aló algúns dos alimentos salvaxes aquí mencionados. Bo proveito e sentidiño.

Máis artigos de Roberto Rouget

Máis información

Novas relacionadas

Nocións micolóxicas con José Manuel Castro Marcote

Novas micolóxicas

Outras novas

Fonte

Comentarios