Martes. 15.10.2024
El tiempo

Os datos técnicos da VAC da Costa da Morte

Os datos técnicos da VAC da Costa da Morte
Arrinca a construción da Autovía da Costa da Morte, o que lle din o maior da Xunta en obra viaria da historia de Galicia. Xa hai un par de meses púxose en marcha a Variante Cee-Sardiñeiro. Este é un repaso que nos ofrece a Consellería de Transporte sobre os datos técnicos da VAC. A imaxe é da esplanada aberta para a colocación da primeira pedra en Toba o pasado setembro.

Datos técnicos da Vía de Alta Capacidade da Costa da Morte

  • O presidente do executivo galego, Emilio Pérez Touriño, e maila conselleira de Política Territorial, María José Caride, asistiron hoxe ao comezo dos traballos desta autovía que será totalmente gratuíta para os usuarios.
  • A autovía entre Carballo e Berdoias acada un orzamento de 250 millóns do total de 340 millóns que Política Territorial está a investir en todo o eixo de altas prestacións da Costa da Morte ata Brens e Sardiñeiro.
  • O tramo entre Carballo e Baio entrará en servizo a finais de 2010 e seis meses despois abrirase ao tráfico, tamén en sección autovía, o treito entre Baio e Berdoias.
Carballo, 22 de decembro de 2008.- O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, e maila conselleira de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, María José Caride, asistiron hoxe ao comezo das obras de construción da autovía Carballo-Berdoias, que forma parte do eixo de altas prestacións da Costa da Morte. Esta vía de altas prestacións que comunicará Carballo con Brens (Cee) e Sardiñeiro (Fisterra) absorbe un orzamento de algo máis de 340 millóns de euros –dos cales 250 van integramente para o tramo de autovía-, o que supón o maior investimento da Xunta en obra viaria da historia de Galicia. Trátase dunha aposta firme do actual Goberno da Xunta de Galicia por equiparar a Costa da Morte coas zonas máis desenvolvidas da comunidade autónoma. Neste senso, a nova infraestrutura foi concibida para cumprir unha función básica de vertebración territorial, ao conectar unha zona periférica do territorio –e que ata o de agora conta cunha rede viaria insuficiente- cos principais centros de actividade da nosa comunidade. Ademais, cada un dos proxectos do eixo foi deseñado cos máximos parámetros de calidade, incluídos os novos sistemas de protección de motoristas nos sitios requiridos, co fin de garantir a seguridade dos cidadáns nos seus desprazamentos. Trátase polo tanto dunha autovía de última xeración que contribuirá ao reequilibrio territorial e propiciará un pulo económico á Costa da Morte. Precisamente para dar resposta aos requisitos de seguridade e de capacidade da infraestrutura, a Consellería de Política Territorial reformulou o proxecto do anterior Executivo (un compendio de tramos de diferentes características deseñados sen ter en conta criterios en materia de seguridade viaria). Deste xeito, co fin de eliminar os problemas que xurdirían cunha infraestrutura segmentada en treitos de diferente tipoloxía e de inferior categoría, a CPTOPT deseñou unha nova infraestrutura que destaca pola súa uniformidade e calidade. O proxecto finalmente resultante é unha vía de altas prestacións de nova construción e totalmente gratuíta integrada por unha autovía que parte de Carballo ata Berdoias (en Vimianzo), precisamente no tramo que concentra os tráficos máis intensos. Continúa como corredor ata Cee, o que posibilita o seu desdobramento futuro en autovía no momento en que as condicións do tráfico así o requiran. Xa en Cee bifúrcase en dúas variantes: unha que, en dirección Fisterra, concluirá na parroquia de Sardiñeiro (e que xa se atopa en construción); e outra, en dirección a Carnota, que rematará na localidade de Brens. Ata o de agora, o único acceso viario con que conta a Costa da Morte é a estrada autonómica A Coruña-Cee (AC-552), unha vía con alta densidade de tráfico que entre Carballo e Berdoias chega a acadar no seu punto máis alto uns 16.000 vehículos ao día. Ademais de dar servizo aos desprazamentos de longo percorrido dende Fisterra ata A Coruña e viceversa, esta estrada aglutina a todos os tráficos de medio e curto percorrido entre os numerosos núcleos de poboación que atravesa e que, por tal motivo, na meirande parte do seu percorrido convértese en travesía. Polo tanto, a autovía deseñada pola CPTOPT é unha alternativa imprescindible para garantir os desprazamentos seguros ao tempo que contribuirá á dinamización económica dunha zona de grande potencialidade turística na que habitan 150.000 habitantes e que os achegará a equipamentos básicos (hospitais, xulgados, ....) en menor tempo.

AUTOVÍA CARBALLO-BERDOIAS (da que hoxe se inicia a construción)

A plataforma da autovía contará con catro carrís de 3,5 metros, dúas beiravías exteriores de 2,5 metros, dúas beiravías interiores de 1,5 metros e unha mediana de 2 metros. O treito da autovía entre Carballo e Baio entrará en servizo a finais de 2010 mentres que o seguinte treito, entre Baio e Berdoias- abrirase ao tráfico tan só seis meses despois.
  • Investimento total: 249 millóns de euros
  • Quilómetros: 42 (o 84 por cento do percorrido de todo o eixo)
  • Concellos que atravesa: Carballo, Coristanco, Zas, Cabana de Bergantiños e Vimianzo.
  • Enlaces: 11 - Enlace coa autovía A Coruña-Carballo (AG-55) - Enlace de Coristanco:Enlaza coa estrada provincial CP-2901 - Enlace de Agualada: Comunica coa estrada autonómica Agualada-Buño (AC-421) - Enlace coa estrada autonómica Agrilloi-Ponteceso (AC-423) - Enlace da Piolla (concello de Cabana de Bergantiños). - Enlace de Zas: Enlaza coa estrada autonómica A Coruña-Cee (AC-552) - Enlace de Baio Este: Conecta coa estrada AC-552. - Enlace de Baio Norte: Conecta coa autonómica Baio-Cabana (AC-430) - Enlace de Santa Irene (concello de Vimianzo): Conecta coa AC-552. - Enlace de Vimianzo Norte: conecta coa estrada autonómica que vai a Camariñas (AC-432) - Enlace de Vimianzo Sur: conecta coa estrada autonómica A Coruña-Cee (AC-552).
  • Viadutos: 11 - Viaduto sobre do río Anllóns: 80 metros. - Viaduto do Rego de Balsa: 70 metros. - Viaduto do Rego de Gatos: 252 metros. - Viaduto de Calvar: 144 metros. - Viaduto de Fornelos: 60 metros. - Viaduto do río Grande I: 80 metros. - Viaduto do río Grande II: 90 metros. - Viaduto do río Grande III: 90 metros. - Viaduto do Foxo: 136 metros. - Viaduto de Vimianzo:180 metros. - Viaduto de Castro: 80 metros.
  • Pasos superiores: 34
  • Pasos inferiores: 25
  • Movemento de terras: - Escavacións e desmontes: 7 millóns de m3 - Terrapléns: 7 millóns de m3.

CORREDOR BERDOIAS-CEE

Trátase dun percorrido de 8 quilómetros e conta cun orzamento estimado de 33 millóns de euros. Este tramo terá características de corredor, é dicir, con dous carrís de 3,5 metros, dúas beiravías de 2,5 metros de ancho e xa preparado para o seu desdobramento en autovía cando a densidade de tráfico o requira. Actualmente estase ultimando a redacción do estudio informativo para, posteriormente, sometelo a información pública.

VARIANTES DE POBOACIÓN

  • Variante de Cee-Sardiñeiro: Os traballos de construción iniciáronse o pasado mes de setembro logo de que xa se acometeran a meirande parte dos desbroces necesarios. O investimento dos cinco quilómetros da variante ascende a 19,3 millóns de euros e ten un prazo de execución de 24 meses. A variante de Sardiñeiro contará con dous carrís de 3,5 metros e dúas beiravías de 1,5 metros. Tamén haberá dúas glorietas de enlace, unha en Cee para conectar coa estrada A Coruña-Cee (AC-552), e outra en Sardiñeiro, onde conectará coa estrada Cee-Fisterra (AC-445).
  • Variante de Cee-Brens: Son un total de 9 quilómetros (6 en corredor –preparados para a súa conversión en autovía- e 3 en vía de alta capacidade) que absorberán un investimento estimado de 35 millóns de euros. Actualmente está xa redactado o estudo informativo e tramitada a Declaración de Impacto Ambiental.
  • Circunvalación de Carballo: Suma un total de 6,5 quilómetros e contará cun orzamento estimado de 11,1 millóns de euros. Neste caso o estudo informativo está rematado e xa se iniciaron os trámites para a Declaración de Impacto Ambiental.

Fonte

  • Nota de prensa da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transporte.

Comentarios