Sábado. 20.04.2024
El tiempo

#OPERACIÓNORQUESTA

Pero, e os xuíces?

Despliegue policial no marco da Operación Orquesta en xaneiro de 2011-Foto: Marcos Rodríguez
Despliegue policial no Concello de Cee no marco da Operación Orquesta en xaneiro de 2011-Foto: Marcos Rodríguez
Pero, e os xuíces?

Só logro lembrar tres ocasiones nas que a Costa da Morte abriu os informativos de todas as televisións, e as tres por lamentables sucesos que, ao final, terminaron evidenciando un funcionamento terceiromundista dalgunhas das nosas institucións públicas máis hexemónicas.

A primeira foi en decembro de 1987, co encallamento do buque Casón, a morte de 23 tripulantes chineses e a explosión, cinco días máis tarde, dunha presunta carga tóxica que provocou unha alarma social sen precedentes e obrigou a aquela evacuación caótica e descontrolada de 15.000 veciños da comarca de Fisterra.

Saímos por segunda vez en todos os telexornais en novembro de 2002, polo accidente do petroleiro Prestige, que vertía “hilillos de plastilina” e enviárono “al quinto pino”, causando, ao final, unha das catástrofes ambientais máis grandes da historia da navegación.

E a terceira o 31 de xaneiro de 2011, cando irromperon na apracible Costa da Morte unha ducia de furgóns policiais cargados con máis de medio centenar de axentes armados. Parecía un impresionante dispositivo antiterrorista, pero non o era: era a Operación Orquesta. O obxectivo do espectacular despregamento policial era realizar rexistros simultáneos en tres concellos, en domicilios e tamén en despachos particulares para requisar documentación comprometida antes de que puidese ser manipulada ou destruída. Detiveron e illaron en calabozos a 3 alcaldes e a outros 5 cidadáns, todos eles persoas honorables e de impecable reputación ata ese momento.

Malaya, Gürtel ou Pretoria

A Operación Orquesta nace en decembro de 2009 dirixida polo Xuíz Titular do Xulgado de Primeira Instancia e Instrución No2 de Corcubión, Andrés Lago Louro e o Inspector Xefe, Xefe da Unidade de Delincuencia Económica e Fiscal ( UDEF-Coruña) naqueles tempos.

Despois dun ano enteiro furgando na vida íntima de moitos veciños da comarca mediante picadas telefónicas, e interpretando fantasiosamente as conversacións gravadas, os investigadores parecen convencidos de que van desmantelar unha inmensa trama de corrupción política, similar ás que vemos a diario nos telexornais desa época: Malaya, Gürtel ou Pretoria. A nosa organización criminal ten ramificacións por toda a Costa da Morte e está formada por case unha trintena de presuntos delincuentes que cometen todo tipo de gravísimos delitos contra a administración pública.

O ano de pescudas culmina coa espectacular intervención policial do último día de xaneiro de 2011. A partir de aí, no medio dunha extraordinaria expectación mediática, o xuíz pásase máis de dous anos estudando minuciosamente o caso da súa vida, analizando toda a documentación requisada, as declaracións de investigados e testemuñas, os movementos bancarios e patrimoniais dos principais

implicados e todo tipo de detalles que achegarán as probas necesarias para soster as graves acusacións vertidas contra os imputados no sumario.

Pero non parece que todo ese inxente esforzo fose moi frutífero, porque uns días antes de cambiar de destino, o 11 de abril de 2013, o xuíz pecha a instrución facendo un sorprendente “copia e pega” da argumentación e dos clamorosos erros do fantasioso auto inicial do 2011. Así foi para todos os imputados salvo para un, un funcionario honesto e de intacta conduta, que traballa nos Xulgados de Corcubión e que coñece mellor que ninguén as interioridades desa casa.

A Audiencia Provincial, sen entrar nin sequera no fondo da cuestión, anula categoricamente ese auto e devólveo ao Xulgado de Corcubión para que, por unha banda, separe o caso illadamente por Concellos, porque non existe ningunha “trama” como defende o instrutor; e, por outra banda, para que se lle diga a cada imputado por que se lle acusa concretamente, porque a Audiencia aprecia no auto do xuíz “falta de motivación”.

Cando chega a Corcubión a orde da Audiencia, o instrutor responsable xa está noutro destino e os novos investigadores aos que lles vai rebotando o caso, teñen que enfrontarse desde cero a un infumable sumario de miles e miles de folios. Novos xuíces, traslados do sumario a outros xulgados, providencias, autos, alegacións, recursos, inundación de arquivos... anos, anos, e máis anos.

A día de hoxe descoñecemos a cantidade exacta de millóns de euros que nos custou a todos os contribuíntes a Operación Orquesta, pero sabemos que daqueles 27 presuntos delincuentes que formaban parte dunha organización criminal no ano 2011, agora, no 2019 -oito longos anos despois!- todos, absolutamente todos!, son completamente inocentes.

Ata finais do ano 2018 vanse xulgando por separado os casos de Fisterra, Corcubión e Mazaricos, utilizando como principal proba de acusación as escoitas telefónicas e a documentación requisada nos rexistros. Os tres casos resólvense, un detrás doutro e con distintos xuíces, con sentenzas de inocencia sen matices para todos os procesados. En marzo de 2019 iníciase o xuízo oral aos 6 últimos investigados do Concello de Cee e como traca final do epílogo do esperpento xudicial descubrimos atónitos que todas as escoitas telefónicas nas que se sostiña a Operación Orquesta, ademais de vulnerar a intimidade de multitude de persoas inocentes, aínda por riba eran ilegais e nulas de pleno dereito.

Martirio xudicial e mediático

Supoño que non é necesario describir as cicatrices físicas, síquicas, sociais e tamén económicas que produce un martirio xudicial e mediático inxusto, inflixido durante moito tempo a cidadáns honrados, aos que ao final do proceso nin tan sequera pídeselles perdón.

Tamén resulta moi inquietante constatar que na inmensa maioría dos medios de comunicación, tanto na Operación Orquesta como noutros casos similares, o fervor

informativo que durante anos propaga, adorna e dá por certas as acusacións do sumario contra investigados inocentes, convértese ao final do errado procedemento xudicial, nun sepulcral silencio editorial sobre o asunto. É incrible que despois de máis de 40 anos de democracia ninguén se atreva a cuestionar en público o que todo o mundo pregúntase en privado: Como é posible que pase isto nun país que non é unha república bananera?, Quen responde dos gravísimos erros cometidos?, Canto diñeiro público dilapidouse nestes 10 anos de reality?, Como se limpa a imaxe difundida a toda España dunha Costa da Morte atrasada e corrupta?...

Pero aínda máis decepcionante, para os que nos gustaría confiar no noso caduco sistema xudicial, é observar que os principais responsables do desaguisado medran profesionalmente sen que se lles faga nin o máis mínimo reproche social, laboral ou penal, senón máis ben todo o contrario.

Agora o instrutor é maxistrado e ademáis decano dos Xulgados de Santiago. Xusto un ano despois de rematar a súa memorable actuación na Operación Orquesta, aparece nos medios como responsable dun proceso xudicial que quizais sexa o máis delicado na historia da xustiza galega: o accidente do tren Alvia, no que morreron 81 persoas o 24 de xullo de 2013. O xuíz, en outubro de 2015, pechou a instrución do caso imputando, só e exclusivamente, ao maquinista do tren e provocando unha profunda indignación na Plataforma de Vítimas do Alvia 04155. A Audiencia Provincial non o consentiu e devolveulle o auto ao xulgado. A segunda vez, en decembro de 2018, o maxistrado imputou tamén, ademais do maquinista, a un alto cargo de Adif, ao que antes exculpara... Na actualidade o procedemento xudicial continua o seu percorrido e intúese que o final aínda está moi lonxe.

A última vez que vin ao policía en prensa, foi nunha foto do rexistro do concello de Ferrol en xaneiro de 2012, na Operación Torre. Si, aqueloutro espectacular gatillazo xudicial no que fundamentalmente acusábase a uns empresarios de inflar sobre un 20% todas as súas facturas á Administración municipal, coa complicidade de técnicos e políticos. Imputacións, dimisións, sospeita social, presión mediática... Máis de dous anos tardou o noso Estado de Dereito en decatarse de que as facturas deben de levar IVE.

En fin... Éche o que hai!. E todo isto sucede en procedementos cunha grande repercusión mediática, que se presupón que son tratados con especial coidado. Non quero imaxinarme que cousas bochornosas poden estar a pasar en casos anónimos que non saen nos xornais. Nunha democracia san ningún colectivo goza de privilexios corporativos que non son tolerables en pleno século XXI, e todo profesional que no exercicio das súas funcións comete un erro que prexudica gravemente a terceiras persoas inocentes, senta nun banco da xurisdición penal sen ningún tipo de aforamento: un maquinista que descarrila un tren por unha distracción, un arquitecto por un accidente laboral nunha obra, un médico por un diagnóstico errado con graves secuelas para o paciente... Pero, e os xuíces?

  • José Carlos Leis Caruncho / Vítima da Operación Orquesta.
 

Repaso completo á Operación Orquesta

As ESCOITAS da Operación Orquesta

 

Comentarios