O Plan Único da Deputación reparte en 3 anos case 50 millóns de euros na bisbarra
15:21 02/10/18
Pleno da Deputación do pasado venres As cifras do Plan Único da Deputación (a unión feita en 2017 dos antigos POS, PAS e PAI con varias liñas de subvención anuais) son bastante claras. Case 50 millóns deixa a entidade provincial con este programa nos 18 concellos da Costa da Morte nas tres anualidades 2017, 2018 e 2019. Serán máis de 12 os millóns que caian o vindeiro 2019, con este Plan que permite aos Concellos ser máis autónomos para planificar con maior tempo e con maior independencia os seus investimentos máis necesarios, ademais de facilitar unha maior axilidade na tramitación
O pleno da Deputación da Coruña aprobaba o pasado venres o orzamento de, inicialmente 61,5 millóns, cos votos favorables de PSdeG-PSOE, BNG, Marea Atlántica, Compostela Aberta e Alternativa dos Veciños e abstención do PP.
O orzamento irá medrando en función dos remanentes, se ben os 93 concellos da provincia teñen de prazo dende o 15 de outubro ata o 20 de decembro para solicitar á Deputación os proxectos que queren financiar con cargo ao POS+2019. Un dos valedores deste Plan no ente provincial é o deputado carballés, Xosé Regueira, responsable da área de Plans e Cooperación cos Concellos, que destacou durante o pleno que o programa “demostrou ser un instrumento útil” para que os concellos afronten as súas necesidades concretas e que “mellorou e simplificou as relacións entre os concellos e a Deputación”. “Todos os alcaldes da provincia, de todas as cores políticas, transmítenos claramente a eficacia do Plan Único”, afirmou, que considerou que este sistema “debe ser o camiño” tamén para outras administracións públicas xa que ofrece total transparencia na asignación de fondos e permite total autonomía municipal para decidir en qué investir en cada concello.PLAN ÚNICO 2019 na Costa da Morte
CONCELLO |
Achega inicial2019 |
TOTAL2017 - 2019 |
Cabana | 614.734,57 | 2.365.526,75 |
Camariñas | 496.431.47 | 1.796.785,22 |
Carballo | 1.585.286,57 | 6.565.925,19 |
Carnota | 429.141,14 | 1.786.636,08 |
Cee | 511.983,92 | 2.098.664,41 |
Corcubión | 195.054,88 | 737.272,66 |
Coristanco | 1.023.521,00 | 3.428.463,23 |
Dumbría | 568.127,53 | 2.363.141,91 |
Fisterra | 333.418,32 | 1.349.803,37 |
Laxe | 353.182,50 | 1.373.196,05 |
Malpica | 517.227,35 | 2.026.153,34 |
Mazaricos | 812.304,85 | 3.322.126,37 |
Muros | 691.640,60 | 2.546.685,00 |
Muxía | 699.458,83 | 2.781.486,69 |
Ponteceso | 690.237,03 | 2.614.198,79 |
Santa Comba | 1.026.951,21 | 4.273.465,18 |
Vimianzo | 876.406,54 | 3.721.334,24 |
Zas | 716.749,67 | 2.947.216,63 |
TOTAL | 12.141.857,98 | 48.098.081,11 |