Xoves. 28.03.2024
El tiempo

«Saúde e Terra, irmá(n)s!». Exposición conmemorativa do Centenario das Irmandades da Fala (1916 – 2016)

«Saúde e Terra, irmá(n)s!». Exposición conmemorativa do Centenario das Irmandades da Fala (1916 – 2016)
Irmandades da Fala -Saude e Terra Irmans-Museo do Pobo Galego O Museo do Pobo Galego abriu unha Exposición conmemorativa do Centenario das Irmandades da Fala (1916 – 2016) A cidadanía que teña conciencia do que significa «Facer País», desde o seu espírito galeguista ou nacionalista, debe facer unha visita obrigada a «Saúde e Terra, irmá(n)s!». Exposición conmemorativa do Centenario das Irmandades da Fala (1916 – 2016), que estará aberta ao público no Museo do Pobo deica o 31 de xullo, que xa estivo en xuño na Coruña e que logo vai xirar polas principais cidades galegas, en agosto Vigo, en setembro Pontevedra, en outubro Ourense, en novembro Lugo e en decembro Ferrol. Razóns para coñecer este legado hainas a moreas. No fermoso programa de man que recibimos ao entrar na mostra, con breve textos de presentación de Xesús Alonso Montero, presidente da Real Academia Galega, de Justo Beramendi González, presidente do Padroado do Museo do Pobo Galego e da nacionalista Goretti Sanmartín Rei, vicepresidenta da Deputación da Coruña e responsable da súa Área de Cultura, quen na miña opinión explica axeitadamente os argumentos que poden encher o noso horizonte de expectativas son estas palabras: «Chamamos ao conxunto da sociedade galega a visitar esta exposición para honrar a memoria das persoas que debuxaron a Galiza que hoxe coñecemos e para construíla cen anos despois. Porque unha parte do seu legado está por cumprir e pola modernidade que supuxo a idea de sermos universais desde o orgullo da identidade nacional expresada nunha lingua que ten dereito a ser transmitida de xeración en xeración. De aí vimos. Desde aí collemos impulso para tecer a Galiza do futuro. Por todo isto, saúde e terra, irmá(n)s!». A creación do proxecto, deseño e coordinación da exposición correspondeu a Pepe Barro, que está organizada en dez caixóns informativos con cadanseu título: «Da lingua á fala», «A nación galega», «A razón da causa galega», «Nós sós», «Letra a letra», «Subir á escena», «Arte e galeguismo», «Saber de nós», «Os medios necesarios» e «As mulleres erguen a voz». Neles realizamos unha viaxe histórica até o nacemento da primeira das Irmandades da Fala (A Coruña, 1916) e as posteriores delegacións, un movemento cultural e con posterioridade tamén político que fai parte da historia contemporánea do noso país. Neses dez habitáculos da mostraxe poden atoparse diversos documentos manuscritos e mecanoscritos, moitos deles autógrafos, fotografías e diversidade de obxectos, como a máquina de escribir de Valentín Paz-Andrade ou os óculos de Vicente Risco, e poderemos escoitar breves gravacións de discursos da oratoria dos galeguistas ou de pezas musicais da época. Irmandades da Fala-A Nosa Terra Irmandades da Fala-Centenario E a Costa da Morte (ou Costa Brava como diría o poeta muxián que aborrecía aquel topónimo xurdido na prensa) está representada por Gonzalo López Abente, impulsor e mantedor da cativa Irmandade da Fala de Muxía, de quen se pode ollar unha primeira edición da súa novela curta Buserana, que editara Lar en 1925 (recuperada polo profesor Suso Sambade en 2012 na edición da obra A narrativa mariña), ou a súa presenza nunha pouco coñecida fotografía que recolle a homenaxe que os irmandiños coruñeses lle renderon ao seu irmán Xohán Vicente Viqueira no día do seu soterramento na parroquia de Uces (Bergondo) o 30 de agosto de 1924 e noutra fotografía moito máis divulgada cos seus compañeiros do Seminario de Estudos Galegos. Cómpre pois animar a cidadanía a contemplar esta exposición, así como parabenizar a Pepe Barro e á comisión organizadora: Margarita Ledo e Henrique Monteagudo pola Real Academia Galega; Carme Vidal e Uxío Breogán Diéguez pola Deputación da Coruña e Justo Beramendi e Carlos García Martínez en representación do Museo do Pobo Galego. Mais tamén a aquelas persoas que a realizaron tan ben feitiña desde o punto de vista técnico: o documentalista Segundo Saavedra Carmen Martín (RdO Cultural), na montaxe Sebastián Rodríguez Outeda (expo.gal), na maquetación Susana G. Diz (Mazaira grafismo), na produción de son e audiovisuais Patricia Fernández Gonzalo Corral Mahía (Quadrado verde), na gravación: Kress music studio e nas voces Charo Pena Luís Iglesia, así como a interpretación do himno das Irmandades por parte do Cuarteto Os Rebentos. Unha xoia documental que non se debe perder, abofé. Saúde e Terra, irmá(n)s!
  • Miro Villar, ceense Doutor en Teoría da Literatura e Literatura Comparada, é profesor de lingua e literatura galegas, ademais de poeta, narrador, tradutor e crítico literario en diversas revistas e publicacións periódicas. Autor do blog As crebas.
 

Artigos de Miro Villar en QPC

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios