A corentena tece a fenda dixital

Xa levamos tres semanas de corentena, e outras tres que se nos poñen por diante. Unha lata para case todo, pero unha oportunidade para moitas cousas. Entre elas, a redución da fenda dixital da nosa comarca, un dos cabalos de batalla cos que leva lidiando QPC dende o seu nacemento en 2007. Así, a corentena, como as costureiras que tecen as mascarillas solidarias na comarca, tece os furados da fende dixital no rural galego.

Estas semanas de estarmos na casa, a conectividade faise máis necesaria ca nunca. O teletraballo, estar informados nos medios, fedellar nas redes, falarmos coa familia e as amizades a través de videoconferencia, o consumo de cultura a través da rede ou das plataformas de contidos baixo demanda…Toda unha marea de accións que facemos a través da rede para as que necesitamos unhas boas infraestruturas da comunicación.

Galicia segue a ser a comunidade peor comunicada de todo o Estado, en boa parte pola súa dispersión, sendo cas medio millón de persoas as afectadas da baixa conectividade. En todo caso, e a pesar das precarias infraestruturas, a situación actual é radicalmente á que describiamos en 2013 e mesmo en 2008. Se hai 12 anos só o 18% das casas da Costa da Morte tiñan internet, a día de hoxe rondamos o 75% de implantación nos nosos fogares. Ainda así, na nosa comarca menos do 65% temos ordenador na casa, e menos do 70% da poboación costeira usaron a rede nos últimos 3 meses.

Información hiperlocal

A nosa intención sempre foi encher de contidos hiperlocais e en galego o mar dixital da Costa da Morte, para ir achegando á nosa veciñanza á fiestra de internet. E parece que a resposta da cidadanía costeira é moi positiva.

Neste último mes o diario está tendo unha media de 25.000 visitantes únicos diarios, a comunidade que xa tiña QPC pero que entraba na web unha ou dúas veces á semana. Temos días de máis de 50.000 lectores, nunha zona cunha poboación estimada de 130.000 persoas.
Novas como a entrevista ao epidemiólogo Juan J. Gestalt ivo un alcance de 100.000 nas redes sociais, e máis de 35.000 lecturas.

A nosa activa páxina de Facebook, que chega ás 25.000 siareiros, está conseguindo un alcance de 200.000 persoas no que levamos de confinamento. O noso instagram @quepasanacosta segue medrando e xa supera as 5.000 persoas.

Nós seguiremos achegando contidos de interese local, así como facendo colleitas de recursos para pasar o confinamento máis doado.

Gracias por estar aí.

Novas relacionadas

Cultura contra o confinamento