Venres. 29.03.2024
El tiempo

Tres novos plans de emprego crearán 73 postos de traballo na comarca

Tres novos plans de emprego crearán 73 postos de traballo na comarca
A Costa da Morte recibirá nos próximos meses un totalde 536.000 euros para a creación de 73 novos postos de traballo. Así o anunciou onte o delegado da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, en A Laracha durante a presentación de varios dos programas de emprego da Consellería de Economía, Emprego e Industria. Entre eles está o Aprol Rural, e os referidos ás axudas para a contratación de perceptores da Risga e de socorristas. Ovidio Rodeiro destacou que “estes programas teñen como obxectivo dar cobertura aos concellos para que poidan prestar servizos de forma máis eficaz e ao mesmo tempo apostan por un sistema de colaboración coas entidades locais encargadas da selección deste persoal”. Aprol Rural O delegado territorial da Xunta na Coruña informou que o Aprol Rural, co que se apoia a contratación de persoas sen emprego no rural galego, financiará a totalidade dos custos salariais nos contratos, incluída a Seguridade Social segundo estea marcado no convenio colectivo vixente no momento no que o concello presentou a súa solicitude. Este ano introduce como principal novidade que os contratos terán que estar relacionados coa valorización de sector forestal, ao mesmo tempo que se priorizaron nas valoracións aos concellos Emprendedores, aqueles municipios que se adheriron ao convenio asinado entre Xunta e Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) para fortalecer e promover a investimento en Galicia, enmarcado dentro da nova Lei de Implantación Empresarial. Risga Polo que respecta á contratación dos preceptores do Risga, sumará na comarca de Bergantiños e Costa da Morte máis de 172.000 euros e permitirá a contratación de 21 persoas. Neste senso, Ovidio Rodeiro, aclarou que na comarca de Bergantiños e Costa da Morte neste momento 251 persoas perciben neste momento esta axuda e supón unha inversión mensual de 116.000 euros ao mes. O importe medio da axuda concedida por traballador é de 8747 euros, case un 4% máis que o ano pasado. Na contratación terán preferencia, ao igual que nas últimas dúas edicións deste programa, aquelas persoas que teñan asignado un proxecto de inserción de carácter laboral, os maiores de 45 anos e as que teñan cargas familiares. Con independencia da duración do contrato, o período que financiará a Xunta con estes apoios será de sete meses. A contía que se conceda será a equivalente ao necesario para sufragar os custes salariais totais, incluída a cotización empresarial á Seguridade Social por todos os conceptos, na mesma cantidade que a fixada para o salario, segundo o convenio colectivo vixente. Para a resolución das axudas tívose en conta o número de desempregados, a evolución do paro entre 2013 e 2017 de cada localidade e da poboación neste período e o número de perceptores da Risga a peche do ano pasado. Socorristas O terceiro dos programas de emprego refírese ao plan de cooperación co que se apoia a contratación de 26 socorristas, durante dous meses, en 8 concellos da comarca cun orzamento que supera os 79.000 euros. Durante a presentación dos programas, o delegado territorial rematou a súa intervención facendo referencia aos datos do paro que se coñeceron onte que na comarca de Bergantiños (Laracha-Cabana de Bergantiños-Carballo- Coristanco-Laxe-Malpica e Ponteceso) "os datos son moi positivos xa que no intermensual baixouse un 2%, pasando de 4.828 parados a 4.730 parados e no interanual baixouse un 11,70% pasando de 5.357 a 4.730 parados", sinalou Rodeiro.

Comentarios