Mércores. 20.11.2019
El tiempo

Uns fragmentos da fala da Costa da Morte en xaponés

Takekazu Asaka nun acto en Galicia
Takekazu Asaka nun acto en Galicia
Uns fragmentos da fala da Costa da Morte en xaponés

A vinculación do Xapón coa lingua galega vén de lonxe. Pasaron xa 7 anos dende aquela historia dun xaponés que lle pedía a un galego que lle falase na súa lingua, pois son moitos os estudantes nipones que se sumerxen no occidente a través da nosa lingua.

Aparecen nun recentísimo artigo de 15 páxinas redactado por Takekazu Asaka, profesor xaponés da Universidade de Tsudajuku (Toquio, O Xapón), agora xubilado, baixo este título “Consideracións cunhas formas de cortesía en galego” (podedes descargar o arquivo completo abaixo de todo).

Take Asaka (Toquio, 1952) é un profesor moi coñecido dentro do mundo intelectual galego, pois a el se lle debe a primeira Gramática da lingua galega en idioma xaponés (1993) e un gran traballo de divulgación das obras de escritores galegos coma Martin Codax, Rosalía de Castro, Uxío Novoneyra ou Ramón Cabanillas no seu país (https://gl.wikipedia.org/wiki/Takekazu_Asaka). É para moitos -particularmente para o seu amigo o catedrático e académico F. Fernández Rei- o grande embaixador da cultura galega no Xapón, “a forza que nos vén de (moi) lonxe”. O próximo día 27 de xullo vai ser solemnemente homenaxeado en Cambados, nun acto no que se lle vai outorgar o premio Ramón Cabanillas.

Asaka: interesado polas formas de cortesía en galego

 

Unha das citas de Asaka tomada da novela de X.Mª Lema (Costa do Solpor)
Título do artigo de Takekazu Asaka (2019)​. Podedes descargar o arquivo completo abaixo de todo

O profesor Asaka  decidiuse a redactar o artigo arriba indicado debido a que, na súa opinión “a maioría dos manuais en lingua galega pasan na punta dos pés ao se referir ás formas de tratamento. Limítanse a asinalar a diferenza entre «ti» por un lado e «vostede» por outro. As referencias a otras formas aínda vivas, moribundas no idioma, son moito escasas. Por iso neste artigo analizamos todas as formas: «vós» de cortesía, «ele, ela, o tío / a tía» e mediante un sistema de etiquetaxe compartimos as súas características”.

Ademais dunha serie de obras galegas que se citan na bibliografía (p. 14), case todas gramáticas e dicionarios galegos, Asaka recorreu a tres obras literarias para o seu estudo: dúas de Rosalía de Castro (Cantares Gallegos, 1863, e Contos da niña terra, 1884), e unha de Xosé Mª Lema (Costa do Solpor, 2013). Estaba particularmente interesado polas formas de respecto da fala da Costa da Morte (a denominada fala Fisterrá Norte por F. Fernández Rei na súa Dialectoloxía da Lingua Galega, 1999).

Citas dunha cántiga popular (de Lema) e outra de Rosalía de Castro
Citas dunha cántiga popular (de Lema) e outra de Rosalía de Castro

Dá gusto ver -ou adiviñar- como nos fermosos pictogramas do idioma xaponés se recollen fragmentos da fala da Costa da Morte. Asaka levara consigo un exemplar de Costa do Solpor nunha das súas viaxes a Galicia e decatouse de que nas páxinas desta novela se recollía a fala da Costa da Morte cos seus carácteres dialectais, de xeito que era posible que nelas atopase moitas das expresións de cortesía que buscaba, dada a tendencia conservadora desta fala occidental da lingua galega. 

Deste xeito, xa na páx. 3 do artigo aparece a primeira cita da novela de X.Mª Lema, neste caso para facer mención do arcaísmo «vosa mercé», neste caso máis propio da época en que se desenvolve a trama da novela e non de hoxe en día. 

«Vós» de respecto, e «mi padre», «mi madre»

De máis interese é para o profesor nipón o «vós» de respecto, que se conserva tanto na Terra de Soneira coma no distante Val das Ellas do noroeste de Estremadura (p. 4). Na p. 7 cítase un longo parágrafo contido na p. 269 de Costa do Solpor que remata deste xeito: “(…) En fin, é outro xeito que temos entre nós de nos dirixir ós vellos para non lles faltar ó respecto.  Nosoutros non lles damos o trato de «vosa mercé», como fan os fidalgos; dicímoslles «vós» ou «oíu». Non sei se me entendes…”

Como Takiño -así quere que o chamen os seus amigos de Galicia- se puxo en contacto con Lema, este facilitoulle un exemplo do folclore popular soneirán -que, precisamente, cae ó xeito por estas datas de principios de xullo- no que aparece o tratamento de «vós» de respecto ben ás claras, neste caso referido a un santo, con quen, malia a familiaridade coa que se adoita tratar, hai que gardar as distancias e non atualo: “San Cristoviño de Baio / vós tendes o que querés,/ roubástelle a xente toda / ó voso irmán de Carnés” (p. 7). 

Xa finalmente, na p. 11, a Asaka chámalle a atención as formas “mi padre” e “mi madre”, que, malia a súa aparencia, non son castelanismos senón formas arcaicas de respecto aínda hoxe moi vivas en xente de certa idade nas comarcas da Costa da Morte. Na novela de Lema, ó estar ambientada no século XVIII, estas formas aparecen con moita frecuencia nos diálogos de moitos capítulos. O profesor nipón tomou como referencia as das páxinas 388 e 391, cando a fidalga Mariña de Lobeira se dirixe ó seu pai deste xeito: “Mi padre! Que vai facer vosa mercé?”, ou “Mi padre: eu tamén von ir con eles”.

A nosa fala nos fermosos pictogramas xaponeses

Unha das citas de Asaka tomada da novela de X.Mª Lema (Costa do Solpor)
Unha das citas de Asaka tomada da novela de X.Mª Lema (Costa do Solpor)

En suma, emociona ver fragmentos da nosa fala fisterrá nos artísticos pictogramas do idioma xaponés (véxanse nas pp. 3, 4, 7 e 11, e a referencia bibliográfica na 14). Tamén alegra que os ecos da singular aventura que a goleta Hispaniola do tesouro da illa tivera nas costas de Fisterra, Muxía e de Camariñas chegasen ó outro lado do planeta: ó Extremo Oriente. Hai constancia de que chegaran a Bélxica, a Alemaña (o profesor Dieter Kremer da Universidade de Tréveris fixera haberá un ano un eloxioso comentario), pero nunca tan lonxe. 

Graciñas Take Asaka por levares a fala da Costa do Solpor ó país do Sol Nacente. Xa somos un pouco máis coñecidos os desta esquina do mundo.

Costa do solpor. O regreso da illa do tesouro
Os ecos de "Costa do Solpor"  chegaron ó país do Sol Nacente

 

Novas relacionadas

 

Comentarios