Venres. 20.09.2019
El tiempo

O vangardismo galego máis innovador e arriscado, presente no festival Museumuferfest de Frankfurt

A cabanesa Alejandra Plaza fixo de inmellorable anfitriona de Galicia no Museumuferfest de Frankfurt
A cabanesa Alejandra Plaza fixo de inmellorable anfitriona de Galicia no Museumuferfest de Frankfurt
O vangardismo galego máis innovador e arriscado, presente no festival Museumuferfest de Frankfurt

A última semana de agosto tivo lugar un dos festivais máis importantes de Europa, o espectacular festival de arte e cultura de Francfort, o Museumuferfest. É un dos festivais de arte e cultura máis grandes de Europa. Á beira norte e sur do río Meno, os museos manteñen as súas portas abertas ata altas horas da noite. Un variado programa cultural, musical, gastronómico e turístico que atrae a todo tipo de visitantes, ademais de diversos proxectos e actividades que convidan aos máis novos a esculcar e participar.

A máis que recoñecida representación española Spanien am Main tamén participou e, por oitava vez consecutiva, nesta edición 2019 coa diversidade máis completa de España. Os “paparajotes” e o café asiático de Murcia, o mellor da cociña Navarra, as refinadas tapas de Castela e León, os bos viños da D.O. Rueda e o xerez de Xerez conquistaron o padal do visitante mentres que as comunidades de Andalucía, Gran Canaria, Eivissa, Madrid, Mallorca, Murcia, Lanzarote e Navarra achegaron as mellores ofertas turísticas das rexións correspondentes.

Unha vez máis a escritora e xornalista cabanesa Alejandra Praza promocionou o maior reclamo turístico xunto a José Silveira. Ademais do baile flamenco, dos ritmos máis discotequeros ou da sección de contacontos, o público puido gozar da arriscada e vangardista posta en escena musical de Galicia. Mounqup, Broken Peach e Mercedes Peón co proxecto Déixaas, sorprenderon coa mestura de sons tradicionais, experimentais e modernos máis actuais.

Broken Peach, o grupo galego que revolucionou o festival e conquistou ao público

Broken Peach en Alemana copia

Algúns din que Broken Peach é unha banda, outros afirman que quizais é un coro... O que si é certo é que este conxunto de artistas de estética extravagante do porto galego da cidade de Vigo ofreceu un espectáculo que revolucionou o Museumuferfest e namorou a un público que repetiu concerto, bailou e volveuse tolo con eles. Sen dúbida, Broken Peach, foi toda unha revelación neste festival.

O virtuosismo vangardista de Mercedes Peón foi un dos millores momentos musicais do Museumsuferfest

Mercedes Peon en Frankfurt

En Alemaña, Alejandra Plaza puido falar con Mercedes Peón:

  • Alejandra Plaza: Musicalmente falando como se define Mercedes Peón?

Mercedes Peón: Non me defino, pero, en todo caso, son unha compositora con autoestima cultural.

  • A.P: Quen ou quenes foron os teus referentes musicais?

M.P.: As mulleres da creación colectiva dos microhabitats de Galicia.

  • A.P.: Bretaña, Francia, Italia e agora unha parada no Museumuferfest de Frankfurt para continuar cunha apretada axenda de concertos por algunhas das cidades máis importantes do mundo.Qué nos podes contar desta xira?

M.P.: O máis salientable desta xira é a relación músico-artística con Mónica de Nut e Ana Fernández. Creo que son a compañía máis marabillosa que se pode levar para estar sempre na escena cunha enerxía brutal e unha sensibilidade tan fonda que leva ás miñas composicións a un lugar potente e sen fisuras.

  • A.P.: O Museumuferfest é un dos festivais máis importantes de Europa con máis de tres millóns de visitantes. É a primeira vez que actúas ante o público alemán?

M.P.: En Alemania estiven en varias ocasións. E depende do contexto o publico tamén muda. Estiven con banda e estiven amosando unha performance eu sóa cunha música electroacústica e teño que decir que sempre saín totalmente agasallada polo público. En certa medida, o Museumuferfest paréceme un contexto difícil. Difícil porque temos que amosarnos ante un público que busca ocio e, ao mellor a música que fago precisa de certa atención na linguaxe que propoñemos.

  • A.P.: Encontras algunha diferencia entre o público extranxeiro e o da casa?

M.P.: Eu sempre saio na procura do meu transo (Trance), ante iso o que pretendo é achegarlle ao público, a xente que ven escoitarme e a verme esa experiencia cunha linguaxe abstracta, aí é onde me movo alén do país, cultura, lingua etc.

  • A.P.: Cres que existe una suficiente conexión entre a Galicia interior e a exterior?

M.P.: Non entendo a pregunta moi ben. A diáspora galega é moi grande como pobo colonizado que é. Os vencellamentos no mundo actual están mediados polos intereses económicos e políticos e sobre todo polos estados-nación que teñen os mecanismos para relacionarse coas persoas que están fora sempre tamén através de intereses normalmente económicos ou de sentimentos nacionais que tampouco están exentos de intereses fora da identidade.

  • A.P.: Que opinas do traballo que realiza a comunidade galega no exterior como embaixadores de Galicia?

M.P.: Non teño actualmente relación coas comunidades galegas no exterior. Sí tiven haberá 30 anos e é por iso que creo que tivo que mudar profundamente. Supoño que a comunidade galega fora de Galicia non é unha , son múltiples e diferentes. Cando se reúnen pode ser para relaxarse por ter os mesmos códigos de comunicación, de humor, de referentes emocionais etc. Tamén se poden unir para axudarse entreles e ellas etc. Hoxe en día penso que a xente que está na,diáspora está vencellada a Galicia porque é xente cunha preparación espectacular e que non deixan de man a relación coas súas familias ou lugares de orixe. Temos avións, temos internet, temos wuasap. Todo está mudando a unha velocidade moi rápida. O goberno galego non ten moito interese en apoiar as persoas que están fora xa que esas persoas téñense que marchar porque aquí non teñen oportunidades de realizarse laboralmente e iso é un drama.

  • A.P.: Que mensaxe che gustaría trasladar á colonia galega residente no exterior?

M.P.: Penso que hoxe en día, calquera de nós pode decidir irse a calquera sitio de Europa a vivir porque sí. Para min sería o mesmo irme a vivir a Madrid que a Tarragona que a Bilbao que a Berlín que a Marsella. Pero se me teño que ir porque non me podo sobrevivir onde nacín é outro tema. Se falamos de persoas que levan a cultura nosa de creación colectiva diríalles que aínda está Galicia latexando en todas e en todos nós. Que transmitan a lingua, se é que aínda a teñen, aos seu pequenos e pequenas porque lles van dar unha visión do mundo diferente e chea de matices e que hai un lugar onde naceu esa inmensa beleza que é aquí, na súa terra e que eso mesmo vailles dar un plus nos países onde estén a todos os niveis e asi mesmo unha comprensión de todas as singularidades que os rodean por ter unha propia.

 

Mounqup presume de Galicia

 

Mounqup en Frankfort

De igual xeito, a nosa anfitriona cabanesa, falou con esta francesa afincada en Galicia, paradigma da nova electrónica galega.

  • A.P.. Cal é a túa vinculación con Galicia?

M: Galicia é a miña casa, as paisaxes e a tranquilidade que boto de menos cando me marcho. Cando estás noutro país, ver unha foto de polbo chámame inmediatamente a atención.

  • A.P.: Que che levou a fixar a túa residencia en Galicia e deixar Francia?

M: Cheguei a Galicia fai oito anos para levar a cabo un obradoiro de rehabilitación nun pobo abandonado (Saumede) e crear un centro cultural. Ao final, compreime unha casa, tiven unha nena e nunca me quixen marchar.

  • A.P.: Quen é Mounqup e cal é a esencia e a finalidade da súa música?

M: MounQup é o nome do meu proxecto en solitario, é moi persoal, sen límites. Podo transmitir exactamente o que me dá a gana, atópome nun momento bastante cañero, con ganas de risas pois xa vivimos nun mundo cruel. Hai que dicir as cousas no alto pero sen deixar de sorrir. Oxalá haxa un mañá diferente.

  • A.P.: A que tipo de público queres chegar e que che gusta transmitirlles?

M: A calquera persoa que me queira escoitar, que queira compartir, entender ou non, gozar, deixarse levar. Realmente dáme igual, simplemente gustaríame que á xente á que non lle guste a miña música que non me moleste. Se podo transmitir calquera reacción positiva xa me dou por satisfeita. Tamén é certo que se teño un público que arrinca a bailar e vólvese tolo coa miña música pois estou máis feliz aínda.

  • A.P.: Como se vive o papel da muller no ámbito musical?

M: Como nunca fun un home non podo dicir ata que punto sería máis fácil ou non. O papel da muller está, máis ou menos, ao mesmo nivel en todos os ámbitos. Temos menos representación, menos credibilidade e aínda queda moito por facer.

  • A.P.: Foi o teu primeiro concerto internacional?

M: Non, actuei en Francia, Portugal, Eslovaquia e Suíza. Frankfurt é a miña primeira vez en Alemaña.

  • A.P.: Que significa para ti participar nun festival destas características?

M: Non o sei moi ben. Non podo interpretar o alcance pero se que estou moi agradecida de representar a Galicia. Felicito a aqueles que elixiron propostas como a miña ou a de Mercedes Peón, gran música de vangarda. Foi algo improvisado pero cantar con ela foi inesquecible. Son consciente de que se trata dunha proposta moi arriscada e non todo o mundo está disposto a correr o risco pero,doutra banda, é un deber dar visibilidade a novos proxectos. Se non que? Os nosos fillos acabarán uniformes escoitando só rap e raggaeton ? haha ! O público está aberto de mente, hai que alimentalo ben.

Comentarios