Sábado. 20.04.2024
El tiempo

A #AxendaCostadaMorte despídese do entroido con grandes citas como a Mikaela

A #AxendaCostadaMorte despídese do entroido con grandes citas como a Mikaela
Cheira a despida na #axenda de ocio desta fin de semana. Serán moitas as vilas da Costa da Morte as que lle dean o último adiós ás festas do entroido. Neste senso, unha das citas máis destacables desta fin de semana é a Mikaela de Buño, que como todos os anos concentrará nas rúas da vila a centos de mozos e mozas de toda a bisbarra con moitas ganas de festa. Antes de facer un repaso das principais citas, facemos un repaso polo parte costeiro de 4gotas.com.
Hoxe será o peor día climatoloxicamente falando xa que será un día invernal con chuvias intensas na madrugada e na mañá. Irá frío no mediodía con máximas de 10-12 graos e na tarde, na noite e na madrugada chegarán chaparróns a todas as localidades da Costa da Morte. Algún deses chaparróns serán fortes con saraiba e mesmo con algunha treboada. Seguirán os chaparróns na mañá do sábado, pero algo menos intensos.
Ao mediodía e na tarde do sábado serán secos en toda a bisbarra. Na noite, nos arredores de Malpica caerá algún chaparrón puntual, pero entre Fisterra e Muros e no interior da costa xa choverá na tardiña e na noite do sábado. 
Na madrugada do domingo choverá en toda a Costa e na mañá só o fará entre Muros e Fisterra e a partir do final da mañá non choverá en ningún punto da Costa e na tarde abriranse claros nos arredores de Malpica. Toda a fin de semana, ata o domingo ao mediodía soprará forte o vento do oeste. Refachos durante toda a fin de semana entre 60 e os 80 km/h e as ondas estarán entre os 4 e os 5 metros.

Entroido

  • A Mikaela. Un dos días grandes da programación de entroido de Malpica é mañáen Buño. A festa comeza ás 13 horas cunha sesión vermú a cargo do grupo aramio. Os restaurantes de Buño comezarán a servir o cocido a partir das 14 horas que dará paso á saída da Mikaela a partir das 16:30 horas dende o restaurante Canta la Rana. Ás 22:30 horas será a queima da Mikaela e a continuación a festa continuará no aparcamento do restuarante Casa Elías coa actuación do grupo Aramio e cunha disco móbil. As 17 horas celebrarase a Mikaeliña infantil con inchables e chocolatada para os máis novos.
  • Enterro do Caietano en Laxe. A partir das 10 horas de hoxe instalarase diante da casa do concello a capela do Caietano. Será ás 19 horas a hora á que se reunirán os entroideiros para iniciar a procesión polas rúas da vila amenizadas por varios grupos musicais. E xa ás 20:15 horas terá lugar na praia a misa e a posterior queima do Caietano.
  • A programación do entroido de Muxía remata mañá co enterro do percebe. O cortexo fúnebre sairá ás 19 horas do edificio de Servizos Múltiples e percorrerá as rúas da vila. Ao remate haberá queima na rambleta a unha chocolotada con Xaramiños do Corpiño.
  • Enterro da Sardiña en Camariñas. Os actos de carnaval rematan mañá co tradicional enterro da Sardiña. Ás cinco da tarde será o velorio na Casa de Pedra e, a continuación, seguirá a marcha fúnebre. Para as seis está previsto o enterro na praza do Mercado e unha gran chocolatada. Neste acto colaboran As Choronas e a ANPA de Camariñas.
  • Desfile de comparsas e concurso en Cee. A vila despide o entroido mañá cun desfile e un concurso no que se repartirán 4.500€ en premios. A cita é no pavillón de Cee.
  • Sábado de Piñata en Baíñas. O pavillón vimiancés acolle a festa do fin do Entroido vimiancés.
  • Enterros en Malpica. O fin das actividades de entroido de Malpica será este domingo con varias citas. Os Madamitos e Ghuardineros percorrerán as rúas de Cerqueda a partir das 15 horas. En Vilanova, haberá unha festa de disfraces infantil e degustación de doces típicos da época a partir das 16 horas. O restaurante o Esqueiro de Seaia fará un cocido para todos os partipantes no enterro do Farruco e o Faustino e para o que é preciso anotarse previamente. O custe é de 15€ para adultos e 10€ para nenos. A continuación daráselle a despedida ao entroido co enterro do Farruco e do Faustino que terá lugar no porto de Malpica despois de percorreren as súas da vila e de Seaia.
  • Queima do polbo en Fisterra. Despois dun percorrido polas rúas da vila - que comezará ás 18 horas - e do funeral na praza da Constitución, os fisterráns despidarán o entroido coa Queima do Polbo. Ao remate, o grupo musical Dúbidadúo Trío animarán a velada.
 

Teatro

  • Talía Teatro presenta este domingo o seu novo traballo: "Ubú Rei". Será ás 20 horas na casa da cultura de Cee. Na obra participan oito actores: Toño Casais, David Creus, María Ordóñez, Rubén Prieto, Diego Rey, Marta Ríos, Artur Trillo e Dani Trillo. O custe da entrada é de 5€ e 3€ a bonificada (pensionistas, desempregados e estudantes). A obra está indicada para maiores de 14 anos.

Exposicións 

  • A casa de Man de Camelle acolle unha exposición de pintura naval. Baixo o título “Costa da Morte. Naufragios” Rosa Pereda e Rafael Lema recuperan as historias dos naufraxios máis importantes acontecidos nas augas da bisbarra.
  • Castelo de Vimianzo. A fortaleza así como a súa mostra de artesanía ao vivo pódese visitar todos os días da semana en horario de 10:30 a 14 horas e de 16 a 19 horas.
  • As Torres do Allo, en Zas, abren todos os sábados e domingos de 11 a 19 horas. Ademais, o pazo acolle unha mostra de pezas de Olería de Buño e ofrece visitas guiadas gratuitas ás 13 e ás 17 horas.
  • No dolmen de Dombate ofrécense visitas guiadas todos os días de 10:30 a 14 e de 16 a 18:30 horas.

Festas

  • Na Picota (Mazaricos) vivirán esta fin de semana a XIX Festa do Bolo do Pote. Seis locais ofrecerán a degustación deste particular bocado. Do mesmo xeito, o domingo as e os visitantes poderán probar os bolos, saídos das mans da Asociación das Amas de Casa, na carpa habilitada para esta fin. A festa estará amenizada con gaiteiros e orquestra.

Concertos

  • Rockarballo volve un ano máis ao pazo da Cultura. No cartel deste ano figuran Amenaza de muerte, Dude, Killer Cats, Psychofonía, Strobos, Sonseis+, Versión Imposible e The Cerne. Toda unha aposta pola diversidade musical, con versións de clásicos e temas propios para seguidores do rock&roll, metal, rock fussion, pop e música electrónica. A entrada é gratuíta ata completar aforo e comeza ás 21 horas.
  • Mañá arranca na biblioteca Rego da Balsa de Carballo o Curruncho Pop. Diso encargaranse Javier Colis e Psychofonía cuns concertos que comezan ás 20:30 horas. A entrada é de balde.
  • O auditorio do centro cultural e xuvenil de Muros acolle mañá, ás 18 horas, o musical "O Mago de Oz". As entradas son a 2,50 €.

Outras citas

  • O monasterio de San Martiño de Ozón en Muxía acolle ás 21 horas de hoxe unha nova presentación da obra “Costa da Morte, crónica marítima” de Rafael Lema, editada polo Galp.
  • A asociación animalista Anajata organiza unha cea-baile benéfica en Muros que terá lugar no restaurante O Castelo.
  • Mañá nace a nova tenda de roupa LimBo Ropería, na rúa dos comercios de Cee (rúa da Escola, 1). A partir das 18 horas terá lugar a festa de apertura con petiscos, algo de beber, moita roupa bonita, e un pouco de blues en directo.
  • Este domingo, o Palacín de Cee acolle un novo monólogo a partir das 20 horas. Nesta ocasión será o turno de Stephy Llaryora - Nueba Llorq, que falara de "Sen sexo".
Fonte

Comentarios