Sábado. 20.04.2024
El tiempo

A #AxendaCostadaMorte recibe a un festeiro mes de xuño

A #AxendaCostadaMorte recibe a un festeiro mes de xuño
A #AxendaCostadaMorte recibe o mes de xuño que se presenta cargado de festas. Xa está fin de semana, son varias as parroquias da Costa da Morte as que celebran o Corpus Cristi. Pero tamén haberá espazo para o teatro, o sendeirismo e outras actividades de ocio para toda a familia. Antes de analizar polo miúdo cada unha das citas máis importantes desta fin de semana dámoslle un vistazo ao parte costeiro de Meteogalicia.

Parte meteoróxico

Durante a fin de semana seguiremos nunha situación indefinida entre altas e baixas presións o que fará que predominen as masas de aire cargadas de humidade. O venres e o domingo, principalmente, o ceo estará dominado polas nubes e agárdanse choivas moi escasas. O sábado será un día máis estable, principalmente pola tarde que moi probablemente se abrirán claros en toda a Costa da Morte. Ademais, as temperaturas superarán os 20 graos, polo que o sábado será o día máis propicio da fin de semana para realizar actividades ao aire libre. O vento será frouxo os tres días. A situación no mar será tranquila, ainda que as nubes dificultarán a visibilidade.

Festas

  • Corpus Cristi en Brens. En Brens, Cee, celebran esta noite cunha gran verbena o Corpus Cristi. A festa volve o domingo con sesión vermú incluída.
  • Festas de Alborés (Mazaricos). Esta noite hai verbena en Albores coa orquesta Triunfo e o dúo Rosán que volverá a subirse ao escenario o domingo durante a sesión vermú.
  • Festas do Anxo da Garda de Coiro. O sábado e o domingo, celebranse as festas do Anxo da Garda en Coiro, Mazaricos.
  • Festas da Pereiriña. Na Pereiriña, en Cee, están de festa hoxe e mañá.

Sendeirismo

  • Andaina por Muxía. Muxía é o próximo destino das Andainas Coñece a Costa da Morte. Os camiñantes realizarán un roteiro lineal por varios puntos do municipio.
  • 9ª Primavera en Ruta de Senda Nova. Chega ao seu fin esta cita cun percorrido polos ríos de Sofán que será este domingo pola mañá.

Outras citas

  •  Mesa redonda sobre os Penedos. O museo do Mar de Laxe acolle hoxe, ás 20:00 horas, a mesa redonda "Un impulso ó Plan de Conservación dos Penedos de Pasarela e Traba".
  • Feira do Libro de Poesía en Malpica. A asociación cultural Caldeirón, co apoio do concello de Malpica e da asociación cultural Malante, xa ten todo listo para a I Feira do Libro de Poesía “Paco Souto”, que se celebrará entre hoxe e o domingo no Mercado Municipal.
  • Curruncho Pop. Chega ao seu fin o Curruncho Pop na biblioteca Rego da Balsa de Carballo coa actuación de Aries - a versión electrónica de Isa Fernández Reviriego (ex Charades). Compartirá auditorio con Santi Campos, un artista de longa traxectoria que chega a Carballo para ofrecernos o seu traballo máis novo.
  • Teatro en Fisterra.A Escola de Teatro de Fisterra presenta hoxe e mañá a súa nova obra “Agora mandamos nós”. As citas, o salón de actos do concello de Fisterra.
  • Visita guiada ao Castro das Barreiras. Tito Concheiro, o director das escavacións no Castro das Barreiras de Vimianzo, será o guía dunha visita ao espazo. A cita comeza ás 12:00 horas.
  • Inauguración dunha exposición en Stoupa. Mañá, a partir das 19:00 horas, quedará inaugurada a unha nova exposición fotográfica en Stoupa, que desta vez chega da man de Xosé Iglesias.
  • Concerto en Vimianzo. O Celme café de Vimianzo remata mañá a tempada de concerto coa actuación de Bis a Bis que comeza á media noite.
  • Presentación dun libro en Malpica. A casa do Pescador de Malpica acolle este domingo, ás 17:00 horas, a presentación dun libro sobre ornitoloxía do doutor en Zooloxía e fundador da Sociedade Española de Ornitoloxía SEO/BirdLife Francisco Bernis Madrazo.
  • Clausura de teatro en Cabana. O auditorio de Cabana de Bergantiños acolle este domingo a partir das 17:oo horas a clausura da Escola de Teatro Municipal.
  • Clausura da A. C. Raigañas de Cerqueda. O Centro Cívico de Malpica acolle este sábado a partir das 20:00 horas a gala de fin de curso de música e danza tradicional, este ano chamada Regueifa na taberna do gallego. O domingo 3, a partir das 19:00 horas, cambiarán de tipo de música e baile para rendirlle homenaxe ao rock and roll.

Exposicións

  • Castelo de Vimianzo. A fortaleza así como a súa mostra de artesanía ao vivo pódese visitar martes a domingo de 10:30 a 14 e de 16 a 19 horas. Ademais ata o mes de abril hai unha exposición de Esther Ferreiro.
  • Conxunto etnográfico do Mosquetín. O conxunto de muíños e batáns do Mosquetín abre as súas portas todos os días da semana dende as 11 horas ata ás 18 horas. Os sábados e os domingos hai visita guiada ás 13 e ás 18 horas.
  • As Torres do Allo, en Zas, abre sábados e domingos e festivos  (de 11 a 19 horas). Ademais, o pazo acolle unha Mostra de Traxe Tradicional, e ofrece visitas guiadas gratuitas ás 13 e ás 17 horas.
  • No dolmen de Dombate ofrécense visitas guiadas, en temporada baixa, de venres a domingo de 10:30 a 14:00h e de 16:00 a 18:30. En temporada alta (Semana Santa, e do 1 de xullo a 16 de setembro), visitas guiadas todos os días.
  • En Stoupa (Cee) pódese ver ao longo deste mes os traballos do pintor Fernando Rei. A mostra pode visitarse de luns a sábado de 12 a 14 horas e de 17 a 21 horas.

Máis información

Fonte

Comentarios