Martes. 16.04.2024
El tiempo

A biblioteca Rego da Balsa celebra a semana do libro con catro presentacións literarias

A biblioteca Rego da Balsa celebra a semana do libro con catro presentacións literarias
O Pazo da Cultura acolle mañá mércores, ás 11 horas, a presentación do programa da Semana do Libro e a Lectura que se desenvolverá do 24 ao 28 deste mes no Pazo da Cultura, en colaboración, un ano máis, coa asociación Socio-Pedagóxica Galega. Pero ademais desta iniciativa, xa consolidada e que inclúe diferentes actividades orientadas sobre todo ao público infantil, este ano celebrarase unha semana dedicada ao libro e á lectura para adultos na Biblioteca Rego da Balsa, con catro presentacións literarias. A primeira será hoxe ás 19:30 horas. Será o malpicán Xelucho Abella o que visite a biblioteca de Carballo ás 19:30 horas para falar de Fuxiron por mar, un libro no que recolle as historias de “Ciudad de Montevideo”, “San Adrián” e “Rocío”, tres motoras da vila malpicá que fuxiron para Francia durante a Guerra Civil cun total de 66 homes a bordo, e que na súa dura travesía tiveron que enfrontarse a temibles galernas ata arribaren á Bretaña francesa. Mañá mércores será a quenda do lugués Manuel Núñez Singala, o autor convidado a esta semana literaria, que presentará "Sacar a lingua é de mala educación", un interesante volume no que, de maneira sinxela e clara, expón os motivos polos que todos os habitantes de Galicia deberían ser competentes nas e oficiais da comunidade e aproveitar esa destreza como trampolín para adquirir outras o antes posible. Será tamén ás 19:30 horas. O venres 21 descubriranse os misterios que garda Proyecto Exitium Z, o libro do autor carballés Fernando Cabeza, que estará na Biblioteca Rego da Balsa a partir das 20 horas. O protagonista da súa obra é Juan, un mozo carballés que se converte en testemuño de como a liberación dun virus desencadea unha pandemia mundial e supón unha seria ameaza para o planeta. E de pechar a semana do libro encargarase outra carballesa, Rosalía Fernández Rial, que visitará a biblioteca o sábado á 12 horas para presentar Aulas sen paredes, un estudo teórico-práctico derivado da súa tese doutoral sobre o uso da expresión dramática e teatral como ferramentas pedagóxicas para as aulas de linguas. Todas as presentacións son abertas. Novas relacionadas Fonte  

Comentarios