Mércores. 24.04.2024
El tiempo

A Rede Cultural ponse en marcha tras a sinatura dos convenios

A Rede Cultural ponse en marcha tras a sinatura dos convenios
rede-cultural-deputacion Alcaldes e concelleiros de Cultura de concellos de toda a provincia participaron onte na sinatura dos convenios da Rede Cultural da Deputación Alcaldes e alcaldesas ademais de responsables da área de Cultura de todos os concellos da  provincia participaron onte no acto de sinatura dos convenios da Rede Cultural da Deputación da Coruña, que levará 1.170 actuacións aos concellos coruñeses e moverá arredor de tres millóns de euros no sector. O presidente provincial - Valentín González Formoso - e a vicepresidenta e responsable da área de Cultura da Deputación - Goretti Sanmartín - participaron no acto que tivo lugar na sede da institución. Case tres millóns de euros move este ano a Rede Cultural, dos que 2.261.234 irán destinados á programación dos concellos da provincia. A esta cantidade aínda haberá que sumar o que a Deputación destina ás solicitudes das entidades sen ánimo de lucro, que ascenderá a 457.724 €. O presidente da Deputación destacou que, nesta edición o orzamento “contempla a aceptación de todas as solicitudes realizadas” no que significa que “en paralelo co Plan Único dos Concellos, estase a desenvolver unha clara aposta polo mundo da cultura e por achegar a programación ao conxunto dos concellos”. González Formoso subliñou que a Rede Cultural, “o maior circuíto estable de actuacións culturais de Galicia”, contará este ano cun investimento de preto de 3 millóns de euros para a realización de 1.170 actuacións, unha cifra récord que levará unha programación cultural de calidade a todos os recunchos da provincia. “Optamos por aceptar todas as propostas dos concellos coa intención de reforzar un sector que é un motor de dinamización económica fundamental e que sufriu especialmente as etapas máis duras da crise”, sinalou a vicepresidenta e responsable da área de Cultura da Deputación, Goretti Sanmartín, para quen a Rede Cultural supón “a ferramenta para que a veciñanza poida gozar dun número tan grande de espectáculos de altísima calidade sen saír dos seus propios concellos”. Propostas variadas Os datos da Rede Cultural, que comezará agora a desenvolverse a través dos concellos, contemplan a realización de actuacións de teatro, monicreques, música, danza e producións audiovisuais, 240 máis que o ano 2016 e 394 máis que no 2015. O orzamento da achega da Deputación da Coruña á Rede para os concellos experimentou un incremento de 307.420, 03 con respecto ao 2016 e de 553.040,94 € con respecto ao de 2015, é dicir, arredor do 25% máis. As propostas dividíanse en varios programas, en primeiro lugar, “Escena ao Vivo”, con teatro e títeres, música e danza de compañías profesionais, que supoñen 738 actuacións; de entre elas, o grupo máis numeroso é o de teatro e títeres con 415 actuacións, seguida da música con 248 e, finalmente, a danza con 75; “Alicerces” espectáculos de compañías non profesionais, que supoñen 235 desas 1170 actuacións e, de recente creación, o programa “Visións”, de contidos audiovisuais, que vai supor 197 actuacións, 117 de produción propia e 80 de producións xerais. deputacion-rede-cultural Onte tivo lugar o acto de sinatura dos convenios da Rede Cultural entre a Deputación e os concellos da provincia Corresponsabilidade Goretti Sanmartín, destacou a “corresponsabilidade” entre concellos e deputación e a necesidade de reforzar a profesionalización e as boas prácticas para o que pediu a contribución dos gobernos municipais. Anunciou tamén que desde a área de Cultura da Deputación se promoverán accións formativas dirixidas a persoas técnicas e animadoras culturais para garantir as condicións do desenvolvemento dos espectáculos. Nesa “corresponsabilidade”, tamén económica, Deputación dá unha achega do 75% para concellos de menos de 5.000 habitantes, dun 60% para os que están entre os 5.000 e os 10.000, dun 50% aos que están entre 10 e 20 000, dun 40% aos que están entre 20 e 50 000 e dun 30% aos de máis de 50 000. “Estamos a falar dun balón de osíxeno necesario para o sector e un motor na creación e mantemento do emprego tanto no ámbito artístico como no de produción. Supón ademais facer realidade unha presenza moi ampla da oferta cultural máis actual e de maior calidade en todos os concellos”, sinalou Goretti Sanmartín. A responsable da área de Cultura da Deputación mostrou a súa especial satisfacción pola importante acollida do programa “Visións”, que levará as producións audiovisuais galegas aos concellos máis pequenos con propostas como Maimiño e o espello máxico, A Praia dos afogados, A Esmorga, Encallados, Emilia Pardo Bazán, a condesa rebelde ou Esquece Monelos. Compañías consolidadas do ámbito teatral como Talía Teatro, Chévere ou a Panadería, maxia con o Mago Antón ou Mago Romarís, música con nomes da primeira liña do noso panorama cultural como Xabier Díaz, Susana Seivane, Guadi Galego, Sés ou Herdeiros da Crus e danza con grupos como Pisando Ovos ou Henrique Peón e Xacarandaina son algunhas das propostas que se moverán este ano por medio da Rede Cultural da Deputación da Coruña. Novas relacionadas Fonte

Comentarios