Mércores. 24.04.2024
El tiempo

As romarías, as visitas teatralizadas, a música e as andainas enchen de actividade a #AxendaCostadaMorte

As romarías, as visitas teatralizadas, a música e as andainas enchen de actividade a #AxendaCostadaMorte
#axenda da Costa da Morte continúa cargada de citas para esta fin de semana. E hainas para todos os gustos: romarías, visitas teatralizadas, andainas, o concerto de Xabier Díaz en Carballo,.... e moitas máis que recollemos a continuación. Antes de ver as principais citas destes días, repasamos o parte costeiro de Meteogalicia.

Meteogalicia

Onte xoves tivemos unha xornada de cambio debido a que a masa de aire cálida do norte de África comezou a desprazarse cara o sur polo que lle deu paso a unha masa de aire procedente do Atlántico máis fresca e máis húmida. Hoxe terermos unha xornada con nubes compactas e incluso con algunha choiva débil durante a mañá e continuará coa apertura de grandes claros e ceos despexados pola tarde. As temperaturas descenderán e situaranse ao redor dos 20-21 grados. O sábado será un día bastante similar ao de hoxe, con nubes pola mañá e ceos despexados pola tarde. E xa o domingo recuperamos o anticiclón que trae ceos despexados durante todo o día e temperaturas que rondarán os 24-25 grados. O vento soprará levemente do nordeste.

Festas

  • Festas do Mar en Malpica. Dende hoxe e ata o domingo, Malpica vive as súas festas do mar na que non faltará a música a ritmo de orquesta.
  • Romaría da Cachelada de Mallou. Hoxe no lugar de Mallou (en Carnota) celebra a súa romaría da Cachelada. A festa arranca xa ás 10:00 horas cun pasarrúas e continúa durante todo o día.
  • Festas do Val de Sardiñeiro. No Val de Sardiñeiro, en Fisterra, celebran hoxe, mañá e o domingo as festas do Sagrado Corazón no campo de Suarriba.
  • Festas de San Luís da Pereira. En San Luís da Pereira, en Santa Comba, está hoxe de festa na que haberá sesión vermú e verbena.
  • Romaría de San Roque do Monte. Na parroquia de Mira, en Zas, celebran mañá unha das romarías máis agardadas do ano: a de San Roque do Monte. Haberá misa solemne, sesión vermú e verbena con Distrito 7 e o grupo Cibeles.
  • A Romaxe de Coiro. Mañá e o domingo, o lugar de Coiro (en Mazaricos) celebra A Romaxe, unha das festas por excelencia para todos os veciños e veciñas.
  • Festas do Carmen de Dumbría. Tamén mañá e o domingo, Dumbría celebra as festas do Carme nas que non faltará a música a ritmo de orquesta.
  • Festas de San Roque en Corme. Mañá comezan as festas de San Roque de Corme que terán a vila cormelá chea de troula ata o martes 28. A festa arranca co Entroido de Verán, unha das citas favoritas da veciñanza.
  • Romaría dos Milagres de Traba. En Traba (Laxe) celebran mañá, domingo e o luns a súa romaría dos Milagres.

Outras citas

  • Verán Cultural en CarballoA praza do Concello acolle esta noite o concerto de Xavier Díaz e as Adufeiras de Salitre que veñen presentar o seu último traballo: Noró. A cita, que é de balde, comeza ás 22:00 horas.
  • Cine nas Torres do Allo. Esta noite, ás 22:00 horas, proxectarase no pazo das Torres do Allo a película "Os mortos van á présa"; unha actividade que se enmarca no programa "Zas no verán!" coordinado polo concello de Zas.
  • Arte e Vermú na Casa das Pepitas. A Casa das Peritas, obradoiro da artista Natasha Lelenco na aldea de Mallas, en Fisterra, abre novamente esta fin de semana as súas portas como ocasional galería de arte. Faino cunha exposición que poderá visitarse os venres, sábados e domingos entre as 12:00 e as 14:00 horas.
  • Iluminación na Fervenza do Ézaro. Mañá sábado,entre as 23:00 e as 00:00 horas, a fervenza do Ézaro volverá a iluminarse.
  • Á EsCeena. A IV Semana de Teatro e das Artes Escénicas do Concello de Cee "Á EsCEEna!" chega esta noite ao seu fin. Faino con "Los Dos Gemelos Venecianos", de MDM Producciones.
  • Noite en Canduas. A igexa parroquial de Canduas será o punto de partida da "Noite en Canduas" con subida ó Monte Castelo. A andaina comeza ás 22:00 horas e haberá animación teatral e observación da lúa chea e das estrelas.
  • Presentacion literaria en Carballo. O Casino de Carballo acolle esta noite, ás 21:30 horas, a presentación do libro "Na procura da noite: fotografando o ceo nocturno".
  • XVIII concurso de barcanas e castelos de area en Malpica. Coincidindo co arranque das festas do mar, este venres a praia de Area Maior de Malpica acolle entre as 10:30 e as 14:00 horas o XVIII concurso de barcanas e castelos de area.
  • Solpor poético en Laxe. A praia dos Cristais de Laxe acolle mañá a partir das 20:00 horas o Solpor Poético de Laxe, que xa alcanza a 12ª edición, nunha cita que serve ademais acto-homenaxe ó poeta local Antón Zapata García, coa entrega de premio do Certame de poesía que leva o seu nome.
  • Entroido de verán en Corme. Coincindo co arraque das festas de San Roque, Corme celebra mañá o seu entroido de verán a partir das 21:00 horas no que haberá desfile de disfraces con concurso incluído.

Visitas teatralizadas

  • Castelo de Vimianzo. Todos os domingos de xullo e agosto, o Castelo de Vimianzo oferta unha visita guiada teatralizada da men de Os Quinquilláns. Hai dous pases; un ás 13:00 horas e outro ás 17:00 horas. Esta é unha actividade gratuita e dirixida a todos os públicos.
  • Dolmen de Dombate. Todos os sábados de xullo e agosto, os visitantes do Dolmen de Dombate que o fagan ás 18:00 e ás 19:30 horas poderán asistir a unha amena e divertida lección de historia e antropoloxía ao redor de Dombate a través dunha visita teatralizada guiada por Os Quinquilláns. A entrada é de balde e está dirixida a todos os públicos.
  • Torres do Allo. Os domingos de verán os antigos habitantes do pazo das Torres do Allo cobran vida coa visita teatralizada que se ofrece de forma gratuita ás 19:30 horas. A ela pode asistir todo tipo de público e a entrada é de balde.

Exposicións

  • Castelo de Vimianzo. A fortaleza así como a súa mostra de artesanía ao vivo pódese visitar martes a domingo de 10:30 a 14 e de 16 a 19 horas.
  • Conxunto etnográfico do Mosquetín. O conxunto de muíños e batáns do Mosquetín abre as súas portas todos os días da semana dende as 11 horas ata ás 18 horas. Os sábados e os domingos hai visita guiada ás 13 e ás 18 horas.
  • As Torres do Allo, en Zas, abre todos os días durante os meses de verán (de 11 a 19 horas). Ademais, o pazo ofrece visitas guiadas gratuitas ás 13 e ás 17 horas.
  • No dolmen de Dombate ofrécense visitas guiadas, en temporada baixa, de venres a domingo de 10:30 a 14:00h e de 16:00 a 18:30. En temporada alta (Semana Santa, e do 1 de xullo a 16 de setembro), visitas guiadas todos os días.
  • Faro Vilán en Camariñas. Ata o 31 de agosto, as instalacións do faro Vilán abren de 11:00 a 21:00 horas de luns a domingo. A entrada é de balde.
  • Museo Man de Camelle acolle durante os próximos días a exposición “Mar de Fábula: unha viaxe de cinco anos”, da asociación Mar de Fábula.
  • Lonxa de Fisterra. A lonxa de Fisterra acolle a exposición “Arte desde a reciclaxe. Reciclaarte”, de Luis Ares Roca, que se poderá ver no horario da subasta (de luns a venres de 16:30 a 20:00 horas) ata finais do mes de agosto.

Máis información

Fonte

Comentarios