Xoves. 25.04.2024
El tiempo

Carballo leva a arte urbana ás escolas

Carballo leva a arte urbana ás escolas
Presentacion das novas ferramentas do Derrubando Muros con Pintura de Carballo Presentacion das novas ferramentas do Derrubando Muros con Pintura de Carballo Como facer medrar un proxecto tan singular como o de Derrubando Muros con Pintura? Que mellor que a través das escolas, convertindo a arte urbana nunha ferramenta educativa de primeira calidade. Esta é a nova campaña do Concello de Carballo, que gracias a esta iniciativa, dende 2013 está rexenerando ducias de rúas e convertindo desagradables muros de cemento en verdadeiros lenzos. O proxecto, que tivo continuidade co festival Rexenera Fest, e que fixo de tío maior para outras iniciativas semellantes da bisbarra como o Pintar na Rúa de Malpica ou o Muros do Nordés de Muxía, dá agora ao salto aos centros de ensino. Para iso prepararon dúas unidades didácticas para nenos e nenas de Primaria coa arela de achegar aos máis novos, a través dos centros de ensino, os graffitis creados na vila, un xeito de dar a coñecer o proxecto dunha forma transversal e divertida. A primeira titúlase Derrubamos dúbidas, dirixida a alumnado de 1º, 2º e 3º de Primaria; e a segunda titúlase Da prehistoria ao postgraffiti, para rapaces e rapazas de 4º, 5º e 6º de Primaria. As dúas están centradas no coñecemento dos conceptos básicos sobre arte urbana e ao desenvolvemento das habilidades artísticas e creativas do alumnado, tomando como referentes os artistas das obras que poden atoparse polas rúas de Carballo. Propoñen actividades dinámicas e que inclúen saídas para ver os murais. As unidades foron elaboradas por Galipat Servizos Culturais, empresa especializada en servizos de didáctica do patrimonio.

Nova web

O proxecto conta ademais cunha nova páxina web na que se recolle toda a información relativa aos murais, aos artistas e á localización de cada obra para poder dispoñer dos recursos a un só clic de distanza. Esta web ten o seu reflexo na sinalización interactiva de cada obra mediante paneis in situ dotados coas últimas tecnoloxías; e coa renovación do rueiro de arte urbana, no que aparecen recollidos todos os traballos, incluídos os da última edición do Rexenera Fest. Mapa interactivo dos graffitis Ademais, a través da web poderase realizar un percorrido guiado virtual, coma se fose a audiguía dun museo dos de toda a vida. En cada mural hai un panel informativo no que constan o título da obra, o autor, o ano de creación, unha numeración por orde cronolóxica de creación do mural e un Código QR con toda a información sobre a obra artística, incluíndo un texto explicativo e imaxes da obra.

Novas relacionadas

https://quepasanacosta.gal/carballo-suma-cinco-novas-obras-de-arte-a-sua-galeria-ao-aire-libre/

Comentarios