Venres. 29.03.2024
El tiempo

Chega unha teatreira #AxendaCostadaMorte

Chega unha teatreira #AxendaCostadaMorte
axenda costa da morte O teatro volve a ser o protagonista da #axenda da Costa da Morte desta terceira fin de semana de outubro. Carballo, Vimianzo, Laxe, Muros, A Picota,... serán algúns dos lugares nos que se poida gozar das artes escénicas durante estes días. A maioría das citas concéntranse nas noites de hoxe e de mañá ofrecendo así unha boa alternativa de ocio. Ademais tamén haberá charlas, concertos e algunha que outra festa. Antes de facer un repaso máis detallado das principais citas vemos o parte costeiro de 4gotas.com
Esta fin de semana virá marcada pola presenza da chuvia e dun tempo propiamente outonal; ainda así o sol non nos abandonou de todo e todo apunta a que o veremos bastante na segunda quincena de outubro. Hoxe o día amencerá seco, pero o ceo irase cubrindo a medida que avance a mañá e deixará choivas a media tarde e parará na noite quedando unha madrugada seca. Mañá volverá a repetirse un proceso semellante. Amencerá sen chuvia, pero con vento do suroeste, e chegarán chuvias no mediodía. Serán intensas no mediodía e primeiras horas da tarde. No final da tarde e na noite repetiranse no litoral entre Fisterra e Muros. O domingo estará máis cuberto todo o día, con chuvias moderadas nas horas centrais do día e menos chuvias no resto do día, aínda que poden aparecer en calquera momento do domingo. A partir do luns, ou máis ben do martes, volverán varios días de sol.
FIOT 2016 Continúa a programación do Festival Internacional Outono de Teatro – FIOT –  xunto coas actividades paralelas como a Rúa dos Contos ou os "Bocados do FIOT" nos que 14 establecementos hostaleiros de Carballo ofrecen durante os días da programación en sala uns pinchos especiais.
  • Función dobre para a estrea de "O Tolleito de Inishmaan". A compañía galega Contraproduccións, da que forman parte recoñecidas caras como Susana Dans, Ana Santos, Santi Romay, Marcos Pereiro, Luis Iglesia, entre outros, estará hoxe e mañá no auditorio do Pazo da Cultura de Carballo. As funcións son ás 21 horas.
  • A función do domingo correrá a cargo da compañía LÒm-Imprebís que estrea en Galicia a súa obra "La Crazy Class". O espectáculo será ás 21 horas no auditorio do Pazo da Cultura de Carballo. O custe da entrada é de 7€.
  • Tamén continúan as citas da Rúa dos Contos. Esta noite - ás 23:30 horas, estarán na cervexaría A Bombonera "Fantoches Baj". A entrada é de balde. E mañá Touriñán e Pepo Suevo ofrecerán un espectáculo no segundo andar do mercado municipal. A cita comeza ás 23:30 horas e a entrada ten un custo de 5€.
Mes da Fundación
  • Cee. Davide Salvado ofrece este sábado ás 20:30 horas un concerto comentado na casa da Cultura de Cee. "Cantos da Galiza a través de Davide Salvado" enmarcase dentro da programación do Mes da Fundación organizado pola Fundación Fernando Blanco de Cee.
Teatro e monólogos Curtas O Ciclo Ficciónate chega a Santa Comba. As curtas “madeinGalicia” Rancor, El Comediante, Fálame do Silencio e Unary, proxectarane o sábado no Edificio Multiusos. Festas
  • En Muxía celebran mañá as festas do San Miguel cun grupo na sesión vermú e unha verbena a cargo da orquesta Olimpus.
Exposicións e outras citas
  • O centro cívico de Malpica acolle durante todo o mes de outubro a exposición fotográfica de Marcos Rodríguez  “Asunción, María e José”. Cada unha das fotos conta unha historia vital, que invita a viaxar no tempo, sentir o calor da lareira, o peso das zocas nas lameiras, o suor tras unha dura xornada de traballo na leira…
  • Castelo de Vimianzo. A fortaleza así como a súa mostra de artesanía ao vivo pódese visitar todos os días da semana en horario de 10:30 a 14 horas e de 16 a 19 horas.
  • As Torres do Allo, en Zas, poderanse visitar os venres, sábados e domingos de 11 a 19 horas.
  • Conversas Atlánticas en Camelle. Continúan os relatorios nos que no Museo Man de Camelle organizados pola A.C. Naufraxios Galegos.
  • Noiteando en Vimianzo.  Os adolescentes maiores de 12 anos teñen hoxe de 21 a 23 horas unha cita na casa da Cultura de Vimianzo. Desta forma, o concello ofrécelle alternativas de ocio á mocidade.
Concertos
  • O Celme Café de Vimianzo acolle mañá, a partir das 23:59 horas, o concerto do grupo Gramola que fará un repaso polos mellores éxitos das décadas dos 70, 80 e 90.
Fonte

Comentarios