Venres. 19.04.2024
El tiempo

O FIOT celebra as vodas de prata en clave de humor

O FIOT celebra as vodas de prata en clave de humor
Presentacion dos 25 anos de FIOT Presentación dos 25 anos de FIOT

Esta pasada fin de semana tiña lugar a presentación dunha edición moi especial do festival de teatro máis importante da Costa da Morte. O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo (FIOT) cumpre 25 anos e farano nun ambiente festivo e cheo de humor para seguir batindo as marcas de visitantes de anos pasado.

Así o anunciaron os membros da Asociación Cultural Telón e Aparte e o Concello de Carballo, mentres amosaban a imaxe desta edición tan singular. O presidente da A.C. Telón e Aparte, Alberto Sueiro, o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Cultura, Marcos Trigo, presidiron o acto, no que estiveron acompañados pola actriz carballesa María Tasende, unha das protagonistas da imaxe deste ano e que tamén é un rostro coñecido do panorama televisivo español, xunto a Róber Bodegas e Alba Bermúdez.

Unha imaxe, deseñada por Juan Gende. que, como explicou Alberto Sueiro, tiña como “obxectivo facer un paralelismo entre as vodas de prata do FIOT e o xurdimento dunha xeración de actores profesionais nestes últimos 25 anos, para o cal decidimos contar con algúns dos artistas carballeses máis coñecidos”. Ademais, a tarta do cartel tamén fai referencia ao teatro de clown, que tanta presencia ten en cada edición do festival.

Pola súa banda, o alcalde Evencio Ferrero puxo en valor o festival como un fito que crea identidade. “O teatro en Carballo é algo máis. Xa é todo un referente en Galicia e comeza a selo en España gracias ao nivel da súa programación e da simpatía e complicidade que ten co público”, afirmou o rexedor carballés.

Un completo programa

Cartel do FIOT Carballo 2016-25 anos

A vindeira semana coñeceremos máis detalles sobre a programación, pero xa sabemos que as actuacións serán do 23 de setembro ao 29 de outubro. Ademais, o 16 de setembro comeza a venda para a especial obra inaugural, da tan querida compañía madrileña Yllana 25, que desde o ano 1997 actuou en nove ocasións no festival, traendo os seus trepidantes gags, que son un referente do humor xestual dentro e fóra de España.
O custo da entrada de Yllana 25 non estará incluída no prezo dos bonos e poderá adquirirse entre o 16 e 22 de setembro a un prezo de 10 euros para o público en xeral e de 5 euros para os socios da A.C. Telón e Aparte.

Ademais, xa sabemos quen vai ser o que reciba un Xograr de Outono tan especial como o deste ano.

Cambio no sistema de televenda de entradas

Outra das novidades da presente edición será o cambio no sistema de televenda de entradas, que se realizará a través da plataforma Ticketea, co obxectivo de potenciar a venda anticipada de entradas e ofrecer un mellor servizo, rebaixar custos para o usuario e potenciar a súa difusión.

A compra de entradas poderá facerse a través de múltiples canais: na plataforma Ticketea, pero tamén a través de páxina do festival (www.fiot.gal) e da súa páxina de Facebook.

O público en xeral poderá mercar os bonos e as entradas soltas a partir do 21 de setembro, mentras que os socios da A.C. Telón e Aparte poderán facelo entre o 17 e 20 deste mes mediante vía telefónica. No caso de acudir directamente á billeteira do Pazo da Cultura, a adquisición de entradas estará dispoñible ata 90 minutos antes do comezo de cada función. Os prezos dos bonos e das entradas serán similares aos do ano pasado.

Novas do FIOT

Fonte

Comentarios