Venres. 19.04.2024
El tiempo

O teatro e as festas enchen de actividade a #AxendaCostadaMorte

O teatro e as festas enchen de actividade a #AxendaCostadaMorte
A axenda da Costa da Morte arrinca con forza nesta primeira fin de semana do mes de maio. O teatro - con propostas en Zas, Muros, Cee e Muxía - e as verbenas son as principais citas destes días na bisbarra. Ademais, a climatoloxía permitirá desfrutar da zona tal e como o indica o parte costeiro de Meteogalicia.

Parte meteoróxico

Hoxe venres, a Costa da Morte, seguirá baixo a influencia anticiclónica con ventos do nordés moderados e algo de nubosidade, principalmente pola mañá. As temperaturas rexistrarán un lixeiro ascenso que oscilarán entre os 15 e os 20º, ainda que non deixarán notar debido ao vento do nordés. Xa o sábado, os ceos estarán practicamente despexados en toda a comarca e continuarán os ventos do nordés de carácter moderado na maior parte da zona, excepto por Fisterra que poden ser fortes. As temperaturas superarán os 22º. O domingo continúa a influencia anticiclónica na Costa da Morte e os ventos do nordés, os ceos estarán despexados durante toda a xornada e as temperaturas seguirán novamente en aumento con máximas ao redor dos 23-24º. No mar, esperanse unhas xornadas tranquilas con ondas de mar de fondo por debaixo dos dous metros.

Teatro

  • Primavera en Danza. Mañá chega ao seu fin este programa co espectáculo "Divinas Palabras Revolución" do Centro Dramático Galego.
  • Teatro en Zas. O grupo Os Kabramakabra, de Rianxo, representará este sábado, ás 21 horas, a obra de teatro "Mass co-medias" no auditorio de Zas. A representación enmárcase na III Mostra de Teatro Afeccionado “Labarta Pose” . A entrada é de balde.
  • Teatro en Muros. Hoxe ponse en marcha en Muros a XII Mostra de Teatro Xosé Agrelo que arranca ás 19:00 horas coa obra "Caralavada e Chourisón", do grupo de teato O Xeito, e "Aventuras e desventuras dunha espiña de toxo" do grupo de teatro Sueiro.com. As representacións continúan mañá, ás 21:30 horas, con "A Cousa de Bernarda Alba", de Martabelas Teatro.
  • Teatro en Muxía. Mañá comeza a programación en Muxía polo Día das Letras Galegas co espectáculo “Falar sen cancelas” de Isabel Risco, Pedro Brandariz e Fran Rei e dirixida por Diego Rey. O  espectáculo será posto en escea no Salón de Actos do Voluntariado ás 19:30 horas. As entradas, poñeranse á venda a partires das 19:00 ó prezo de 1 €.
  • Teatro en Cee. Osvaldo Digón, Marcos Pereiro e Santi Romay traen este sábado ao auditorio de Cee o seu espectáculo “Coleccionistas”. A función comeza ás 21:00 horas e as entradas podense mercar no bar Atrio ou en ataquilla.com.

Sendeirismo

  • Andainas “Coñece a Costa da Morte”:   Ponteceso é a próxima parada das Andainas "Coñece a Costa da Morte". Os camiñantes descubrirán este sábado os puntos máis emblemáticos do municipio nun percorrido lineal.
  • 9ª Primavera en Ruta. Senda Nova continúa percorrendo espazos naturais de espectáculo. Nesta ocasión camiñarán pola “Ruta das Mámoas” de Cabana de Bergantiños.
  • Roteiro polos cruceiros de Mazaricos. Este sábado, terá lugar o 1º roteiro polos cruceiros de Mazaricos artellado polo concello.

Festas

  • Festa en Santa Irene. En Santa Irene (Vimianzo) comezan hoxe tres días de festa na honra a súa pratrona. A partir das 20:00 horas de hoxe, arrinca a II Festa do Pulpo que estará amenizada pola orquesta Cinema e a discoteca CDC.
  • Festas en Serramo. Este sábado, a parroquia vimiancesa de Serramo celebra as festas no honra a Santa Cruz cun cartel cargado de música.
  • Festas en Sestaio. Mañá, sábado, e o martes e mércores a parroquia de Sestaio, en Muros, celebra as festas no honra de San Miguel.

Outras citas

  • Curruncho Pop en Carballo. "Trámitess" celebra esta fin de semana na Biblioteca Rego da Balsa de Carballo o seu 30º aniversario.
  • Maxia en Dumbría. Dentro da programación "+Q Libros",a Casa Cultural de Berdeogas acolle mañá sábado, ás 17:30 horas, un espectáculo de Maxia.
  • Presentación dun libro en Fisterra. O salón de actos do Concello de Fisterra acolle mañá, ás 20:00 horas, a presentación do libro "Naufragios y crónica marítima de Galicia hasta 1899" de Fernando Patricio Cortizo.
  • Concerto en Vimianzo. "Los Claretes" chegan este sábado ao Celme Café de Vimianzo cos mellores éxitos do Rock'n Roll.
  • Domingos de Lecer en Ponteceso. O domingo hai unha nova sesión de baile en Ponteceso da man do "dúo Manu y Alberto Madaira".

Exposicións

  • Castelo de Vimianzo. A fortaleza así como a súa mostra de artesanía ao vivo pódese visitar martes a domingo de 10:30 a 14 e de 16 a 19 horas. Ademais ata o mes de abril hai unha exposición de Esther Ferreiro.
  • Conxunto etnográfico do Mosquetín. O conxunto de muíños e batáns do Mosquetín abre as súas portas todos os días da semana dende as 11 horas ata ás 18 horas. Os sábados e os domingos hai visita guiada ás 13 e ás 18 horas.
  • As Torres do Allo, en Zas, abre sábados e domingos e festivos  (de 11 a 19 horas). Ademais, o pazo acolle unha Mostra de Traxe Tradicional, e ofrece visitas guiadas gratuitas ás 13 e ás 17 horas.
  • No dolmen de Dombate ofrécense visitas guiadas, en temporada baixa, de venres a domingo de 10:30 a 14:00h e de 16:00 a 18:30. En temporada alta (Semana Santa, e do 1 de xullo a 16 de setembro), visitas guiadas todos os días.
  • En Stoupa (Cee) pódese ver ao longo deste mes os traballos do pintor Fernando Rei. A mostra pode visitarse de luns a sábado de 12 a 14 horas e de 17 a 21 horas.

Máis información

Fonte

Comentarios