Venres. 19.04.2024
El tiempo

O teatro e os monólogos convértense nos principais protagonistas da #AxendaCostadaMorte

O teatro e os monólogos convértense nos principais protagonistas da #AxendaCostadaMorte
As artes escénicas collen forza na #Axenda da Costa da Morte desta fin de semana. Haberá máis de dez espectáculos en distintos puntos da bisbarra que son uns auténticos referentes teatrais durante o outono. Carballo (co Fiot) e Vimianzo (coa programación para adultos e pequenos) levan a palma. Pero antes de ir cas citas, traemos o Parte costeiro de 4gotas, que se presenta como o prognóstico máis sinxelo dos últimos meses / anos.
O venres aínda quedará algunha nube na mañá, pero moi pouca cousa. Persistirán algo máis nos arredores de Bergantiños por mor do nordés, e alí os termómetros quedarán nos 21-22 graos. Pola contra, no litoral oeste xa chegarán aos 23-24 graos no venres.
O sábado e o domingo, NON se verá nin unha nube no ceo da Costa da Morte. Ceos completamente limpos, pouco vento e 23-25 graos de máxima. A noite de venres a sábado con temperaturas moi agradables e a de sábado a domingo con algo de fresco no interior.

Así que teremos unha fermosa fin de semana de verán para disfrutar de todas estas actividades.

Fiot

  • Rúa dos Contos. Esta noite hai dúas propostas diferentes. A primeira comeza ás 22 no mesón A Cabaña onde Alberte Montes ofrece un monólogo que leva por título "Galego pode selo calquera". Un pouco máis tarde, ás 23:30 horas, será o turno do dúo Aldaolado (Lucía Aldao e Marí Lado) que regresan co seu novo espectáculo "Cría fama e bótate a correr". Mañá sábado tamén haberá sesión dobre. Ás 22 horas o Bulevar musicafé acolle o espectáculo "Improvisar e gañar!" de Oswaldo Digón, Pedro Brandariz e Víctor Grande. E a media noite a Rúa dos Contos trasládase á cervaxería Dublín cun concerto de "Os fillos do Estramonio".
  • OTNI no Fiot. O pazo da Cultura de Carballo acolle mañá, ás 19 horas, a estrea de "Hamlet entre todos" da compañía madrileña [los números imaginarios]. A duración do espectáculo é de catro horas e a entrada ten un custe de 5€.
  • Microteatro no FIOT. Esta fin de semana tamén haberá dúas sesións do certame Microteatro Metro Cadrado. Unha será mañá coa estrea de "In Memoriam" de Roberto Alvite e Rebeca Amor na papelaría San Ramón. E o domingo será o turno de Entretés con "Areas no deserto" que será na rúa Coruña. As funcións son ás 13, 13:30, 19 e 19:30 horas.

Teatro

  • Muros. Comeza forte a tempada teatral no centro cultural e xuvenil de Muros. Esta fin de semana haberá aquí dous espectáculos; un para adultos - hoxe ás 21:30 horas - e outro para público familiar - mañá ás 18 horas -. Concretamente trátase de “Goldi libre!” e o musical “O Mundo máxico de Pinocho”.
  • 3º ciclo de monólogos RíXallasManuel Manquiña estrea hoxe o 3º Ciclo RiXallas, que organiza o departamento de cultura do concello de Santa Comba durante este mes de outubro. A cita comeza ás 22 horas no edificio multiusos de Santa Comba.
  • Noites de Outono en Vimianzo. Mañá arranca a programación cultural para adultos que, como todos os anos, pon en marcha a concellería de Cultura de Vimianzo.  Ás 21:30 horas comezará a obra "A cabeza do dragón" da man de Produccións Teatrais Excéntricas. A entrada ten un prezo de 5€ e 2,5 € para maiores de 65 anos e estudantes.
  • "Os Contos de Joselín" en Muxía. Quico Cadaval e Celso F. Sanmartín que traen o seu espectáculo ao salón de actos do edificio do Voluntariado de Muxía. A cita comeza ás 19:30 horas.
  • "Outono Rebuldeiro" en Vimianzo. Este domingo arranca a programación cultural infantil do concello de Vimianzo. A cita será as 18:30 horas co espectáculo musical "As parábolas de Pakolas" de Paco Cerdeiras.

Festas

  • Festas do Rosario de Cerqueda. Mañá e o domingo a parroquia malpicana de Cerqueda celebra as festas na honra da Virxe do Rosario. A sesión vermú do sábado correrá a cargo do grupo Garibaldi que comparte escenario á noite coa orquesta Tango. E xa o domingo, a orquesta Versalles encargarase de amenizar o día.

Exposicións

  • Castelo de Vimianzo. A fortaleza así como a súa mostra de artesanía ao vivo pódese visitar martes a domingo de 10:30 a 14 e de 16 a 19 horas. Visitas guiadas gratuítas: sábado e domingo ás 12 e ás 19 horas.
  • Conxunto etnográfico do Mosquetín. O conxunto de muíños e batáns do Mosquetín abre as súas portas todos os días da semana dende as 11 horas ata ás 18 horas. Os sábados e os domingos hai visita guiada ás 13 e ás 18 horas.
  • As Torres do Allo, en Zas, abre sábados e domingos e festivos  (de 11 a 19 horas). Ademais, o pazo acolle unha mostra de pezas de Olería de Buño e ofrece visitas guiadas gratuitas ás 13 e ás 17 horas.
  • No dolmen de Dombate ofrécense visitas guiadas todos os días de 10:30 a 14 e de 16 a 18:30 horas.

Outras citas

  • O Mes da Fundación. Esta fin de semana arranca a programación que se enmarca dentro do Mes da Fundación organizado pola Fundación Fernando Blanco de Cee. A primeira das citas é para o alumnado. O IES Fernando Blanco acolle ás 11:30 horas unha conferencia sobre "A importancia dos primeiros auxilios. Entre todos podemos salvar vidas" impartida por Jesús Rey Ferreiro. E mañá dan comezo os actos dirixidos ao público en xeral. María Mercedes Álvarez Lires - doutora en Química - ofrece unha conferencia ás 20:30 horas na casa da Cultura de Cee sobre "Mulleres científicas esquecidas e silenciadas: o caso das científicas Mariñas".
  • Concerto en Vimianzo. O grupo estradense Os John Deeres actúan mañá no Celme Café de Vimianzo. O concerto comeza á media noite.
  • VII xuntanza Cabalar das Caselas. Mañá celébrase en As Caselas, en Santa Comba, a VII xuntanza Cabalar que comeza ás 10:30 horas. Despois dun paseo pola zona, os participantes xuntaranse para compartir un xantar e botarlle uns bailes.
  • Presentación do libro "Escapados". A biblioteca municipal de Santa Comba acolle este domingo, ás 18 horas, a presentación do libro "Escapados" da mazaricana Carmen Rey Núñez.
Fonte

Comentarios