Venres. 26.04.2024
El tiempo

Os barbudos, os coruñeses menos propensos á gripe

Os barbudos, os coruñeses menos propensos á gripe
Barbudos Coruneses

Ben é certo que se trata dun estudo baseado nunha enquisa realizada a 100 homes adultos da provincia, pero as conclusión son ben curiosas. O Colectivo PX da Ponte do Porto, dirixido por Rafael Lema, vén de analizar a situación da gripe en Galicia, que este inverno está causando verdadeiros problemas nos hospitais. Estamos sufrindo unha curva epidémica que leva sete mortos e máis de 300 ingresos diarios polo virus.

Da análise dos datos chegaron á conclusión que os barbudos son menos propensos a contaxiarse do virus que os barbilampiños ou afeitados, dobrando en incidencias; e creen que dalgún modo isto apunta á selección natural e á protección que o vello daba aos homes contra unha serie de posibles efectos desde a prehistoria. Así desde o grupo recordan que o vello facial, pectoral, púbico, nasal, ou as mesmas cellas "están aí por algo, teñen todos unha función" e ás veces a estética pode xogar unha mala pasada ao deixarnos sen a súa protección. Lema recorda que algúns especialistas de xinecología incidían en que as mulleres que rasuran o vello púbico son máis propensas a certas enfermidades venéreas, xermes e infeccións.

”Metodoloxía”

A historia da análise de barbudos coruñeses naceu o ano pasado precisamente tras un debate casual sobre un episodio de gripe e ao constatar que entre os presentes, todos os barbudos non foran afectado polo virus nun momento de pico alto na zona da Costa dá Morte. Así que en novembro e decembro de 2016 un grupo de voluntarios dedicouse a preguntar, mediante consulta directa ou a través da páxina do colectivo en facebook a cen pacentes -a metade barbudos, a metade sen barba-, si nos tres últimos anos foran afectados pola gripe de forma que perdesen algun día de traballo. Evidentemente deixaron fóra da enquisa ás mulleres e centráronse en homes de entre 25 e 60 anos, da Costa da Morte, entre Malpica e Dumbría; pero destes, unha parte vivía ou traballaba habitualmente na Coruña e Santiago, o que abría o espectro a distintos hábitos de residencia, rural e urbana. Tamén buscaron unha coincidencia de datos entre as profesións de ambos grupos.

Así entre os 50 afeitados, por sectores profesionais, 3 eran militares ou de seguridade, 20 hosteleiros, 12 do sector primario (labradores, marineros), 8 doutros servizos e 7 estudantes ou educadores. Deles, 22 vivían no medio urbano e 28 no rural. Entre os barbudos, 4 eran militares ou de seguridade, 15 hosteleros, 17 do sector primario, 8 doutros servizos, 6 estudantes ou educadores; deles 21 vivían no medio urbano e 29 no rural.

A enquisa arroxou que entre os barbudos só 4 sufriran un espisodio de gripe relevante, que os mantivo en cama. Outros seis sufriran algún catarro, ou proceso gripal liquidado cunha pastilla e uns caldos. Entre os barbilampiños e rasurados sen embago 9 sufriran a gripe e outros 10 un episodio menor.

Creen desde o colectivo camariñán que “pese a ser tan só un exercicio de curiosidade para o debate as cifras apuntan unha importante diferenza e corroboran a apreciación inicial”. Desde o grupo cren que “a enquisa sen ser científica nin ter outras pretensións si é unha mostra empírica representativa, e que se basea nas respostas dadas polos participantes sen comprobar a veracidade, pero que pode servir como un curioso dato a ter en conta”. Tampouco teñen nada contra os barberos, aínda que recomendarían aos coruñeses que se deixasen a barba no inverno nas épocas de picos de incidencia gripal, como os seus devanceiros. Ademais, Lema asegura que enviará os resultados e os nomes do equipo de voluntarios a unha revista científica.

Fonte

  • O Colectivo PX da man de Rafael Lema.

Comentarios