Venres. 19.04.2024
El tiempo

3ª Autonómica: Xa non quedan invictos

3ª Autonómica: Xa non quedan invictos
Trala derrota do Outes a mans do Montelouro, xa non quedan equipos na Terceira que non coñezan a derrota, ademais este resultado propiciou cambio de líder, agora tócalle ao Coristanco, aínda que estes teñen un partido máis que os seus inmediatos perseguidores. Cabana e Carnota non fallaron e seguen nos postos de promoción, mentres que o Porteño sacou un puntiño ante o volantes e impiden que estes lle pasaran na táboa. O Cerqueda non foi quen de sacar máis que un empate en Cee, tampouco mereceu máis e segue descendendo na clasificación, todo o contrario que o Laxe que vén nun traxectoria ascendente e xa se atopa a dous puntos dos postos que dar lugar a promoción de ascenso.

Atl. Pereiriña - Cerqueda (1-1)

  • ATL. PEREIRIÑA: Simón, Alvaro, Javichu (Jose, min.46), Mateo, Josinho (Grille, min.80), Alex (Mario, min.46), Poqui, Morcillo (Víctor, min.60), Mario, Rafa e Néstor.
  • CERQUEDA: Ché, Rober (Dani Añón, min.61), Javi, Juan, Athu, Javi Pazos, Dani, Maikel (Nión, min.70), Lorenzo, Manu e Alex.
  • Goles: 0-1, min.27: Lorenzo; 1-1, min.70: Víctor.
Encontro marcado polo estado do xogador local Gabri que segue no hospital sedado a espera de que se estabilice a presión cranial, os seus compañeiros rendíronlle unha sentida homenaxe a espera de que pronto volva a estar con eles no campo. No relativo ao partido, a primeira parte foi moi igualada na que só un fallo dos locais tras unha indecisión entre os centrais deixou o balón franco para Lorenzo que marcou de vaselina ao porteiro. A segunda parte foi de dominio local aínda que sen crear demasiadas ocasións de gol. Ao final xusto reparto de puntos nun encontro moi igualado e sen moitas ocasións de gol.

Ademais, de homenaxes vai a cousa, e dende a UD queren render homenaxe a Dieguito, que se lesionaba a fin de semana pasada. Aí queda esa homenaxe:

Lira - Carnota (0-3)

  • LIRA: Miguel Anxo, Petete, Edu, Pelexo (Manolo, min.46) ,Fernando (Yerai, min.63), Suso Patachin, Gabri (Oscar, min.70), Abel, Ancho, Fran Perico e Lalo (Alvaro, min.65).
  • CARNOTA: Peipo, Boni, Pedro, Manolo, David, Manuel Luís (Pedro, min.87), Rodrigo, Tono, Joselu, Casti e Manoliño (Urko, min.87)
  • Goles: 0-1, min.34: Manoliño; 0-2, min.60: Joselu; 0-3, min.64: Tono.
Volta a casa aciaga a dos liristas, xa que no seu eterno derbi co Carnota recibiron un contundente correctivo. O campo de Portocubelo foi coma sempre un campo duro e con forte vento durante toda a primeira parte. Nesta parte os dous equipos se amosaron moi contundentes atrás e todo era loita na medular. Ata chegar o minuto 20 onde se animou todo isto xa que nunha internada de Ancho cando encaraba portería só é derribado por Manolo, os locais reclamaban cartón vermello, pero o colexiado amosoulle o amarelo. Dous minutos despois, xa ca choiva sobre os xogadores, Manoliño facía o 0-1 despois de aproveitarse Casti dun mal saque do porteiro local. A continuación os visitantes terían dúas ocasións inmellorables unha de Manuel Luís ao rematar de cabeza fóra un centro de Joselu dende a esquerda e outra de Casti cunha volea espectacular que estrelou no corpo do porteiro local cando todos cantaban gol. Así a segunda parte comezou con mais brega se cabía, pero despois de varias internadas por banda dos visitantes sen froito, chegou a definitiva no minuto 60 cando Joselu só dende a frontal fixo o 0-2. Despois o partido voltouse un pouco tolo aproveitándose disto Tono da Caixa para facer o 3-0 dende a distancia. Así rematou o partido pero o resultado ben puido cambiar por un paradón de Peipo a Manolo e un tiro fóra de Fran Perico que lle poderían dar algo de emoción ao partido, e Manoliño que ben puido redondear a goleada ao estrelar unha vaselina contra o porteiro local.

Muxía – Independiente (1-3)

  • MUXÍA: Angel Luís, Raúl (Carrera, min.51), Ramón (Martinciño, min.46), Currás, Jose Manuel, Pataca, Juni, Javi, Ziro, Albertiño (Arxires, min.60) e Jose Ignacio.
  • INDEPENDIENTE: Upi, Jonathan (Rafa, min.30), Dani, Míchel, Rubén (Scot, min.75), Cholo, Sande (Jorge, min.65), Brian (Iván Lorenzo, min.78), Ivi, Juni e Gustavo.
  • Goles: 0-1, min.2: Ivi; 1-1, min.40: Juni, de falta; 1-2, min.55: Juni; 1-3, min.60: Juni.
Partido de poder a poder, no que os dous equipos xogaron e deixaron xogar, pero a mellor condición física dos visitantes fíxose ver na segunda metade e foi determinante para levarse os tres puntos.

Cabana – Soneira B (3-1)

  • CABANA: Añón, Jose (Eloi García, min.75), Jacobo (Fariña, min.81), David, Pancho, Eloi Pereira, Sandro, Fran Martuxa, Diego (Fernando, min.65 (Oscar, min.79)), Rubén Rama e Nando.
  • SONEIRA B: Víctor, Chans, Roi, Alberto, Marquitos, Jemisa, Mayor, Quilmes, Cristian de Carantoña, Félix e Dani.
  • Goles: 0-1, min.15: Roi; 1-1, min.30: Rubén Rama, de penalti; 2-1, min.39: Nando; 3-1, min.49: Rubén Rama.
  • Expulsións: O xogador visitante Roi (min.75) por dobre cartón amarelo.
Non tivo o Cabana un partido fácil e ata o 3-1 non baixaron os brazos os pupilos de Mayco e Ana que tiveron maior posesión do balón. Roi abriu o marcador ao rematar de cabeza nun córner. Os dous primeiros goles locais foron moi protestados polos vimianceses, o primeiro por unha pena máxima por mans moi rigurosas e o segundo por un fóra de xogo, segundo eles, moi claro. Nada máis saír da caseta, os locais marcaron o terceiro e aí o partido rompeuse moito, os locais pasaron a dominar a un rival que deu o partido por perdido e sumado a expulsión de Roi o camiño quedou máis despexado para o equipo de Pablo Mallón.

Coristanco - Alcaian (5-1)

  • CORISTANCO: Gonzalo, Iván, Oscar (Castro, min.35), Germán, Arantón, Pazos, Luís, Carlos, Benitez, Toniño e Mallón (Chutín, min.80)
  • ALCAIÁN: Rizos, París, Dani, Pombo, Rubén, Souto (Nahuel, min.46), Nando (Rubén, min.46 (Diego, min.60)), Víctor, Luisito, Tote (Pichel, min.46) e Roberto.
  • Goles: 1-0, min.20: Oscar; 2-0, min.50: Toniño; 3-0, min.65: Benitez; 3-1, min.75: Pichel; 4-1, min.80: Toniño; 5-1, min.90: Toniño.
Pese a goleada non foi un partido moi bo, sobre todo na primeira metade. Na segunda metade e tras o terceiro gol dos locais o choque rompeuse claramente para os locais que puideron acadar unha goleada moito maior. Óscar marcou o primeiro ao rematar co pé tras o saque dun córner, así rematou a primeira metade que estivo moi igualada. Na segunda metade Toniño puxo o segundo a rematar un centro de Pazos, logo Benitez marcou cun disparo dende a frontal da área o segundo. Do mesmo xeito Pichel reduciu distancias, pero Toniño na reta final firmaría un hattrick con dous goles que mataría o encontro. Con esta vitoria os de Coristanco póñense líderes, cun partido máis que o resto de perseguidores.

Montelouro – Outes (3-0)

  • MONTELOURO: Isma, Geiko, Pedro, Alvaro (Fernando, min.65), César, Teo, Chema, Chumy, (Germán, min.85), Pesco, Raúl (Edu, min.70) e Rico (Denís, min.80).
  • OUTES: Gato, Saúl, Martín (Damian, min.46), Chúa, Arturo, David, Lass, Fabio, Deivi, Pesco (Debé, min.46) e Potro (Pitu, min.75).
  • Goles: 1-0, min.25: César; 2-0, min.49: Pesco; 3-0, min.85: Pesco, de penalti.
Gran partido o xogado na tarde de onte entre Montelouro e Outes no que os locais acabaron coa imbatibilidade dos da Serra. Os seareiros abarrotaron as gradas do campo de Agra de Filgueira nun choque moi atractivo entre dous equipos do máis alto da táboa clasificatoria. Os visitantes protestaron moito a actuación arbitral, segundo eles decisiva nalgún dos goles, un colexiado tan xoven non lle parece a mellor selección para un partido de rivalidade e con tanto en xogo. Os locais adiantáronse por medio de César ao rematar un balón tras un falta. Os visitantes intentaban facer o seu fútbol combinativo, pero as condicións do terreo de xogo de Louro non son as máis propicias para un xogo raso, polo que non chegaban a trenzar xogadas con perigo ante a meta defendida por Isma. Tralo descanso chegou a xogada clave, nada máis empezar Pesco aproveitábase duns rexeites para marcar tras unha falta, os de Outes reclamaron que o xogador local tocara o balón coa man antes de rematar. O equipo de Manu Roque segue sufrindo a defensa das xogadas a balón parado e a piques do final chegaría o terceiro e definitivo gol obra de Pesco ao transformar unha pena máxima.

Xaviña - Fisterra B (2-3)

  • XAVIÑA: Pablo, Sergio, Juan Antonio, Chapu (Jallejo, min.75), Chiribí, Búa, Juan (Brion, min.50), Angel (Rubén, min.80), Diego, Elvis (Alberto, min.65), Camaño (Maikel, min.70)
  • FISTERRA B: David Perlón; Dani (Diego min.83), Jorge, Pablo, Didier Matalobos; Eddy, Noé, Tano (Gaby min.76); Carlos (Manu m.84), Insua, Juanjete.
  • Goles: 0-1, min.8: Tano; 1-1, min.11: Angel; 1-2, min.44: Carlos; 1-3, min.65: Insua; 2-3, min.80: Brion.
Bo parido o disputado no Hermanas patiño por dous dos clubs mais novos da categoría. Adiantaríase o Fisterra B moi pronto cun gol de volea de Tano tras unha gran xogada persoal de Insua. Pouco despois o Árbitro daría a nota do encontro participando na xogada do gol do Xaviña na que un despexe de Jorge toca no arbitro e fai que o Xaviña teña un man a man e no rexeite marque Angel. Eran os mellores minutos dun fisterra que estaba facendo un gran xogo. Pouco antes do descanso o Fisterra B conseguiría adiantarse nun gol de Carlos tras un gran pase de Insua, o mais atinado do filial neste encontro. Xa na segunda parte o Fisterra B parecía sentenciar o encontro nunha contra levada e finalizada por Insua. Logo do gol o Fisterra B dispuxo de ocasións para golear o Xaviña, pero coma ben se sabe non e de hoxe a falta de puntería e finalización do filial Fisterrán e nun disparo do Xaviña que peta en Pablo fai que o partido cobre emoción nos minutos finais. Aínda así os visitantes aguantaron ben e conseguían unha traballada vitoria en Camariñas que, de saír favorable a sentencia co partido do Muxía, quedara moi cerca dos postos de promoción.

Volantes – Porteño (2-2)

  • VOLANTES: Masu, Fran, Maikel, Josiño, Paki (Juan, min.60), Ramon, Nimo, Brais, Ivi (Javi, min.60), Piti e Seluco. Tamén xogaron: Piru, Mou e Pardelo.
  • PORTEÑO: Asiel, Yago, Maikel, Yago Carril, Brais, Piti, Cousillas, Ismael, Jorge, Wii (Jimy, min.80) e Varela (Gabi, min.75).
  • Goles: 0-1, min.20: Varela; 1-1, min.25: Seluco; 2-1, min.32: Fran do Español; 2-2, min.75: Varela.
  • Expulsión: O local Brais (min.75) por dobre cartón amarelo, o segundo polas protestas tras o gol do Porteño ao considerar fóra de xogo.
Partido intenso e moi igualado o disputado entre un Volantes que está conseguindo estabilizar a súa irregularidade e un Porteño que segue sacando empates e xa é o que máis partido leva empatados da categoría, seis en total, tamén o que menos partidos perdeu, tan só un. A recén incorporación dos Porteños, Varela, demostrou que non perdeu o olfato goleador e cos seus dous goles dálle un puntiño máis ao equipo dirixido polo camariñán Gerpe.

Laxe – Camelle (4-0)

  • LAXE: Illote, López, Ventura (Oscar, min.75), Antonio Castro, Jaja, Adán, Jacinto, Iván, Darío, Naya (Felipe, min.46) e Zurich (Gándara, min.86)
  • CAMELLE: Carlos, Cristian, Mauri, Carlos (Buri, min.50), Adrián, René, Mario, Barreiro, Coruña (Alvaro Pantera, min.65), Valiña e Sergio (Varu, min.46).
  • Goles: 1-0, min.60: Darío; 2-0, min.70: Felipe; 3-0, min.80: Felipe: 4-0, min.86: Zurich.
Primeira parte igualada e coas ocasións de gol repartidas. Na segunda metade os locais foron pouco a pouco dominando ao rival e tras o primeiro gol fóronse sucedendo as ocasións de gol e os goles.

Máis información

Crónicas da semana

Máis novas

Fonte

  • Redacción de Deportes de QPC ([email protected]).
  • Colabora Miguel de Lira, Paquy de Muos e Serxio Domínguez.

Comentarios