Xoves. 25.04.2024
El tiempo

3ª Autonómica: Salvando o temporal

3ª Autonómica: Salvando o temporal

Tarde de temporal na Costa que fixo que os campos estiveran impracticables e os xogadores tiveron que empregarse a fondo para sacar algo positivo nos seus respectivos encontros. O Alcaian-Corcoesto foi o único encontro da liga que non se puido disputar.

Varios enfrontamentos entre os primeiros clasificados e a igualdade foi máxima. Carnota-Cabana e Outes-Porteño remataron en táboas, mentres que o Cerqueda puido coa invatibilidade do Montelouro e gañou con moito traballo. O Soneira B segue dando mostras de recuperación, pero non puido sacar nada positivo ante un veterano Coristanco. O irregular Volantes levouse os tres puntos de Carballo con 5 goles do recén fichado do Muros, Seluco.

Nos encontros do sábado, Lira e Xaviña sacaron un punto que non lle resolve nada a ningún e lodo de que os dous puideran gañar. O Muxía levouse os tres puntos ante o Camelle cun último gol moi polémico e pouco deportivo.

Cerqueda - Montelouro (4-3)

  • CERQUEDA: Ché, Javi Pazos (Athu, min.66), Juan, Javi, Rober, Dani, Lorenzo, Santi, Manu (Jorge, min.81), Alex (Dani Añón, min.42 (Maikel, min.90)) e Dieguito.
  • MONTELOURO: Isma, Pablo (Edu, min.78), Pedro (Juan, min.70), Alvaro, Teo, Fernando, Chema, Chumy, Geiko (Denís, min.60), Pesco e Rico.
  • Goles: 0-1, min.11: Rico; 0-2, min.36: Pesco; 1-2, min.42: Lorenzo; 2-2, min.62: Santi; 3-2, min.72: Lorenzo; 4-2, min.85: Dieguito, de falta; 4-3, min.87: Edu, de falta.
  • Expulsión: O visitante Teo (min.86) con dobre cartón amarelo.
  • Lesión: O local Alex con problemas musculares.

Importantísima vitoria do Cerqueda que lle permite non descolgarse e romper a boa racha do Montelouro que levaba todos os puntos posibles sumados. Comezaron moi ben os de Louro que xogaron case os 90 minutos a contra e causou moito perigo nas saídas con balóns longos. Rico e Pesco poñían un 0-2 que facilitaban moito as cousas. Os locais non renunciaron en ningún momento ao partido e antes do descanso encontraron premio ao seu maior dominio cun gol de Lorenzo na saída dun córner.

Tralo descanso Santi conseguía o empate de cabeza nun córner e pouco despois unha xogada individual de Lorenzo con internada pola banda dereita acaba co disparo deste polo primeiro pau. Dieguito cun lanzamento de falta puxo o 4-2 e Edu reduciría distancias a piques do final tamén ao transformar unha falta directa. Os visitantes tiveron problemas en defensa que era unha das súas armas fortes pois encaixaron tantos goles nun partido como levaban en 8 partidos.

Lira - Xaviña (1-1)

  • LIRA: Miguel Anxo, Fernando (Míchel, min.60), Fran, Pelexo (Oscar, min.70), Abel (Jose, min.72), Suso Patachín, Yeray (Fran Petete, min.55), Alvaro (Iago, min.65), Ancho, Lalo e Fran Perico.
  • XAVIÑA: Pablo, Chiribí, Sergio, Chapu, Adrián (Brión, min.55), Juan Antonio, Búa, Diego, Elvis (Rubén, min.80), Angel e Martín.
  • Goles: 0-1, min.30: Diego; 1-1, min.82: Suso Patachín.

Lira e Xaviña leváronse un empate que non sabe a ningún dos dous unha vez rematado o partido. Na primeira parte comezaron mellor os locais levando a iniciativa no xogo, froito do cal tiveron unha gran ocasión nun remate de cabeza para adiantarse no marcador que fallou a bocaxarro Lalo. Pero serian os visitantes os que se poñerían por diante no marcador nun balón que a defensa local deixou que chegase tranquilamente a area pequena e alí a reviravolta Diego fixo o 0-1. Puideron os xaviñáns aumentar a vantaxe cun tiro dende a frontal que desviou xusto o porteiro local para que rozase o pau e fose fóra.

A segunda metade comezou cun Xaviña que sabia o que tiña que facer para manter a súa vantaxe, e froito deste dominio puideron poñer o 0-2 nun man a man co porteiro que rematou no longueiro e nun centro dende a banda que non atopou rematador co porteiro local vendido. Os últimos 20 minutos do partido volvéronse tolos, con 3 grandes paradas do porteiro visitante en grandes contras levadas polos locais, e finalmente no 75 despois de pediren penalti os visitantes nun salto na área local, a contra excelentemente levada por Fran Perico foi rematada por Suso Patachin poñendo o 1-1 no marcador. Os últimos minutos foron unha tolería con balón de area a area, non tendo sorte os locais que levaron moito mais perigo debido a maior pegada que amosaron na tarde de sábado.

Camelle - Muxía (1-2)

  • CAMELLE: Carlos, Cristian, Juan, Mauri, Coruña, Varu, Valiña, Adrián, Sergio, René (Alvaro Pantera, min.75) e Mario.
  • MUXÍA: Angel Luís, Raúl, Martín, Sergio, Currás, Javi, Julián, Ziro, Pesqui, Arxires e Alberto.
  • Goles: 1-0, min.20: Cristian; 1-1, min.42: Arxires, de falta; 1-2, min.65: Pesqui.
  • Expulsión: O visitante Javi (min.75) por dobre cartón amarelo.

Non lle sorriu a sorte o sábado ao Camelle e sumou unha nova derrota cun segundo gol moi polémico dos muxiáns. O Camelle adiantouse no marcador aos 20 minutos e pouco despois puideron poñer máis terra de por medio co lanzamento dun penalti, pero o central Mauri, que reaparecía logo dunha lesión, non estivo acertado no lanzamento e o meta visitante detivo o coiro. Antes do descanso, cun lanzamento maxistral de falta, Arxires empataba o encontro. A acción polémica do encontro chegou aos 65 minutos cando un xogador visitante cae mal e tras as queixas e a aparatosa caída, os xogadores visitantes e incluso o colexiado foron a preocuparse polo estado do xogador, mentres tanto os seus compañeiros sacaron rápido e marcaron. O colexiado, que segundo os de Camelle, non viu incluso a xogada e só viu o balón dentro da rede, dou o gol como bo.

Ambos equipos tiveron moitos problemas para conseguir efectivos, o Muxía acudiu con tan só 12 (un deles o porteiro suplente) xogadores con dous xuvenís, e non puideron ser máis por que tamén xogaba o equipo xuvenil en Dumbría que acabou encaixando unha goleada considerable. Os locais que seguen acarreando baixas, tan só tiveron 12 xogadores.

Carnota - Cabana (2-2)

  • CARNOTA: Nowita, Boni (Andrés Fandiño, min.46), Pedro, Manolo Chousa, Tono da Caixa, Joselu, Rodrigo, Andrés (Manuel Luís, min.80), Borja Santos, Manoliño e Casti.
  • CABANA: Añón, Jose, David Sande, Jacobo, Eloi García, Fernando (Diego, min.75), Adrián, Sandro (Darío, min.55), Josiño, Rubén Rama (Fran Martuxa, min.75) e Nando (Eloi Pereira, min.75).
  • Goles: 1-0, min.12: Manolo Chousa; 2-0, min.20: Joselu; 2-1, min.30: Rubén Rama; 2-2, min.38: Josiño.
  • Expulsións: O xogador local Borja Santos (min.86) por dobre cartón amarelo e o míster visitante Pablo Mallón.

O campo de Lombáns non ofreceu moitas facilidades para xogar ao fútbol e os dous equipos tiraron de brega e suaron duramente para arrancar un punto que deixa aos dous equipos satisfeito debido ao intercambio de ocasións para ambos lados.

Os locais arrancaron mellor e conseguiron poñerse con vantaxe de 2-0 aos 20 minutos, primeiro Manolo Chousa ao rematar de cabeza nun córner e logo Joselu ao definir nun man a man poñía unha renta importante que non foron capaz de administrar e xa na primeira metade os de Pablo Mallón conseguían empatar. O primeiro gol foi moi protestado, pois o colexiado interpretou como cesión ao porteiro un despexe do lateral carnotán que co vento se foi cara a porta, Rubén Rama materializaba o libre indirecto. Pouco despois Josiño empataba cun remate de cabeza nun córner.

Na segunda metade xa non houbo goles, pero si boas ocasións, Joselu tivo ao mellor para o Carnota, pero a súa vaselina ao porteiro foi tan suave que lle deu tempo ao porteiro a sacar o balón en liña de gol. Os visitantes reclamaron un gol fantasma.

Soneira B - Coristanco (1-3)

  • SONEIRA B: Víctor, Chans, Roi, Jemisa, Marquitos, Quilmes, Dani (Chuchi, min.85), Cristian de Cereixo (Cho, min.70), Ricardiño, Capote e Cristian de Carantoña (Félix, min.70).
  • CORISTANCO: Gonzalo, Castro, Oscar, Germán, Marcos, Pazos (Iván, min.75), Sergio, Luís, Arantón (Edgar, min.60), Toniño e Benítez (Mallón, min.70).
  • Goles: 1-0, min.25: Luís en propia porta; 1-1, min.39: Benítez; 1-2, min.41: Arantón; 1-3, min.60: Pazos.

Non puido sumar a terceira vitoria o equipo filial e pese a levar o peso do encontro e tentando tocar o balón, pese as pésimas condicións climatolóxicas. Os visitantes tiraron de veteranía e do maior acerto de cara a porta leváronse os tres puntos.

Unha indecisión entre Luís e o seu porteiro Gonzalo supuxo o primeiro gol. Os goles visitantes xusto antes do descanso foron decisivos para o devir do encontro. Primeiro Benitez ao lle bater un despexe do meta Víctor e logo Arantón ao rematar de cabeza un centro de Marcos déronlle a volta ao marcador. Xa no segundo tempo unha falta lanzada por Marcos foi rexeitada por Víctor e Pazos aproveitouse para poñer o definitivo 1-3.

Porteño - Outes (2-2)

  • PORTEÑO: Asiel, Pejo, Maikol (Piti, min.35), Iago Carril, Brais, Iago (Tajes, min.80), Cousillas, Asier, Sergio Vilaseco (Pablo de Quintáns, min.60), Oscar e Wi (Pablo Santacristina, min.70)
  • OUTES: Gato, Martín, Saúl, Chúa, Arturo, David, Lass, Kin (Fabio, min.70), Deivi, Pesco (Edu, min.70) e Potro (Damian, min.62).
  • Goles: 1-0, min.29: Oscar; 2-0, min.50: Piti, de penalti; 2-1, min.53: Pesco; 2-2, min.72: Chúa.
  • Lesión: O local Maikol con problemas musculares.

Gran partido entre dous da parte alta da táboa que acabou nun reparto de puntos que a estas alturas de competición deixa aos dous equipos satisfeitos.

Óscar abriu o marcado a media hora de encontro ao rematar libre de marca un balón no primeiro pau tras un córner. Os visitantes fixeron méritos para marcar algún gol, pero non estiveron acertados de cara a porta.

Tralo descanso outro despiste defensivo dos de Outes custoulle un penalti e o segundo gol. Martín agarrou ao Wi e Piti transforma a pena máxima. A reacción dos blanquinegros chegou moi pronto e iso estimulounos para conseguir o empate. Pesco remataba un pase atrás de Pesco logo de pelexar pola banda un balón e pouco despois Chúa recollía un balón morto na área para poñer o definitivo empate a dous.

Fisterra B - Atl. Pereiriña (4-3)

  • FISTERRA B: David, Diego, Cotiño (Manu, min.64), Dudo, Eloy (Santy, min.60), Eddy, Rubia (Gabi, min.70),Tano (Cote, min.50), Carlos, Insua e Juanjete (Pirri, min.55).
  • ATL. PEREIRIÑA: Simón, Grille, Javichu, Mario, Fiuza, Alex, Morcillo (Adán, min.53), Nestor, Poky, Javi (Rafa, min.60) e Victor (Mario, min.75).
  • Goles: 0-1, min.1: Poky; 1-1, min.35: Ruben Insúa; 1-2, min.37: Néstor; 1-3, min.40: Poky; 2-3, min.75: Eddy; 3-3, min.84: Cote; 4-3, min.93: Cote, nun man a man.

Espectacular, esa é a palabra que pode describir o derbi de filiais disputado en Ara Solis. Os dous equipos pelexaron de poder a poder e ao final o Fisterra B levouse a vitoria.

Nada máis empezar o partido Poky, colocaba o 0-1 nunha falta sacada por Javi. O partido continuou moi movido e Insua de disparo raso fixo o empate. Pero de pouco lle serviu a alegría aos locais, xa que pouco despois chegaba o 1-2 nun barullo, onde Cotiño no acerta a despexar e acaba empuxando Nestor o balón ao fondo da portería de David. Dous minutos máis tarde Poky de cabeza, á saída dun córner, parecía poñer a sentencia para o Pereiriña antes do descanso. Pero todo cambiou na segunda parte, Cote entrou por Tano e o partido empezo a poñerse de cara para os de Fisterra. Eddy de cabeza á saída dun córner peinado por Manu poñía o 2-3 e pouco despois Manu bota unha falta desde 30 metros, o balón toca na cruzeta e cae en liña de gol e Cote empurra pata empatar o encontro. O Fisterra B volcouse na portería de Simón e no desconto unha gran xogada colectiva deixou a Cote de novo man a man con Simón onde non fallou. Sufrida vitoria fisterrán con remontada incluída que suman tres puntos máis.

Independiente - Volantes (1-5)

  • INDEPENDIENTE: Upi, Toni, Míchel, Dani (Rafa, min.25), Rubén (Efren, min.60), Carlos, Ivi, Cholo, Iván Lorenzo (Jorge, min.46), Juni e Gustavo.
  • VOLANTES: Masu, Fran (Benja, min.75), Varito, Mou, Paquy, Nimo (Fran, min.80), Ramón, Brais (Edu, min.75), Ivi (Javi, min.60), Pardelo e Seluco.
  • Goles: 0-1, min.10: Seluco; 0-2, min.20: Seluco; 1-2, min.40: Gustavo; 1-3, min.47: Seluco; 1-4, min.55: Seluco; 1-5, min.75: Seluco; 2-5, min.82: Cholo, de falta.

Segue o Volantes dando alardes da súa irregularidade e onte desfíxose cunha goleada do Independiente de Carballo cunha tarde inolvidable do debutante Seluco que marcou os 5 goles dos de Baño recibindo 3 asistencia do seu gran amigo Brais. Os de Muros foron superiores durante os 90 minutos e non deron opción algunha aos de Carballo que recoñecen que a goleada puido ser maior.

Alcaián - Corcoesto (Suspendido)

Non deixou o colexiado que se botara o balón en xogo pola gran cantidade de auga que tiña o campo de Portorrubio que impedía que o balón se desprazara.

Máis información

Crónicas da semana

Máis novas

Fonte

  • Redacción de Deportes de QPC ([email protected]).
  • Colabora Miguel de Lira.
  • Vídeo do Cerqueda-Montelouro da UD Cerqueda.

Comentarios