Martes. 23.04.2024
El tiempo

A cima está no Cairo

A cima está no Cairo

Imaxe do Corme-Zas de Fin Lema Imaxe do Corme-Zas de Fin Lema

Hai partido da xornada. O liderado da Liga da Costa decídese no campo con máis “finais” disputadas este ano, O Cairo. O domingo (16.00 horas) acollerá a nai de todas as batallas, pois ao Corme (actualmente segundo clasificado) rende visita o líder da competición, o Mazaricos, que chega a este partido sen marxe de erro (só un punto de vantaxe), aínda que iso si, con un partido menos (o partido contra o Baíñas, suspendido hai unhas semanas a causa do tempo e o estado do Municipal de Vimianzo). O partido da xornada, que decide o liderado, será arbitrado por Rubén Reborido. De reollo mira a este partido o Ponteceso, que podería igualar no alto da táboa se se produce un empate no Cairo e consegue vencer no Pinguel a un sempre incómodo Sporting Zas (domingo, 16.30 horas, Juan Marcos Ríos).

Na pelexa por retornar a esta Liga da Costa, o Coristanco ten unha xornada a priori benévola coa súa visita ao Seaia (Pedra Queimada, domingo, 16.00 horas, Manuel Espasandín), un Seaia que fará dobrete nesta estraña ponte, pois o xoves recibirá no mesmo campo (17.00 horas, David Cancela) Ás Baleas, no encontro tamén atrasado naquel sábado de temporal. O segundo en discordia, o Cabana, que ven en clara subida (13 dos últimos 15 posibles) visita ao Laxe (Municipal de Laxe, domingo, 16.00 horas, Iván Ferreiro) en duelo de rivalidade veciñal.

Algúns dos mellores árbitros da Costa, ademais de participar nesta interesante xornada ligueira, terán tamén compromisos fóra das nosas fronteiras. Será o caso de Pablo Rama, que o domingo dirixirá o Sarriana-Arzúa de Preferente Galicia, e de Adrián Pérez, que estará como asistente primeiro no Polvorín-Céltiga de Terceira División.

Xornada a medio gas

No resto de categorías esta ponte festiva o fútbol estará máis disperso. A competición de fútbol veterano colle vacacións, en tanto o fútbol base reparte os seus encontros entre os catro días (de xoves a domingo), aproveitando as vacacións escolares.

No fútbol xuvenil os dous duelos de maior interese serán o enfrontamento de vecindade entre Cabana e Corme (As Redondas, sábado, 17.00 horas, Juan Marcos Ríos) e o que enfronta a dous dos iniciais aspirantes a todo, despois da magnífica temporada do ano pasado, Fisterra e San Lorenzo (Ara Solis, sábado, 16.15 horas, Óscar Santos).

Na categoría cadete, a clasificación comeza a estirarse, despois de moitas xornadas con catro e cinco equipos empatados a puntos. Agora son Concello de Zas e Outes quen semella que comezan a abrir oco, e esta xornada parece propia para continuar esta liña. O líder, Concello de Zas (oito vitorias e unha derrota) visita ao colista, Muxía (Municipal de Arliña, sábado, 10.00 horas, David Cancela), en tanto o Outes visita ao Ponteceso (O Pinguel, mesmo día e hora, Óscar Santos).

A categoría infantil apostou, pola contra, maioritariamente, por adiantar os seus partidos ao xoves. O líder imbatido, Dumbría, que ven de ceder os seus primeiros dous puntos na súa visita ao Corme, recibe desta volta ao Muxía (O Conco, 16.30 horas, Carlos Señarís), mentres que o Xallas, que ven nunha xeira impresionante (gañou todo, salvo a derrota no Cairo na xornada 3) e se colocou xa segundo, a tan só un punto do líder, visita ao Laxe (Municipal de Laxe, 12.00 horas, Alberto Baña). O Corme, terceiro a dous puntos da cabeza, despois de conseguir frear ao invicto Dumbría, visita agora ao Xalleiros (San Pedro de Castriz, 11.00 horas, Manuel Espasandín).

E dobrete para os equipos de ligas galegas

E mentres os equipos de fútbol da Costa da Morte aproveitan esta ponte festiva para competir pero tamén ter uns días de descanso, este asueto estalles vedado aos equipos costeiros con presenza nas ligas galegas, xa que aquí a Federación dispuxo dobre xornada, de xoves e sábado.

Na Liga Galega Xuvenil, o Dumbría pode seguir escalando posicións, pois enfronta a dous rivais de inferior entidade, o At. Ribeira e o Boiro. En ambos casos, iso si, terá que emprender viaxe á zona do Barbanza, pois en ambos partidos actuará como visitante.

Pola contra, na Liga Galega Cadete o Dumbría vivirá o proceso inverso e xogará ambos partidos como local, partidos que chegan como auga de maio, pois despois de dúas derrotas consecutivas o apoio do público ten que axudar a recuperar a liña marcada nunha temporada ilusionante. Os rivais son propicios pois ambos están en peor posición clasificatoria, o primeiro deles pelexando incluso por escapar dos postos de descenso. Primeiro visitará O Conco o Lalín (xoves, 11.00 horas, Bruno Méndez, auxiliado por Iván Vilanova e Iván Ferreiro) e despois farao o San Tirso B (domingo, 11.30 horas, Alberto Baña, auxiliado por Iván Vilanova e Lucas Vicente).

Tamén, en consecuencia, haberá moito fútbol base nas Eiroas. Neste caso, os catro equipos carballeses (Liga Galega Xuvenil, División de Honra Cadete, Liga Galega Cadete e Liga Galega Infantil) xogan a xornada de xoves a domicilio e a da fin de semana nas Eiroas.

Pola banda de Carballo, a ponte festiva é especialmente trascendente e dura para o Bergantiños de División de Honra cadete. Os de Barca, despois da derrota fronte a un rival directo da pasada xornada, e acumulando cinco xornadas sen gañar (e con só dous puntos sumados), caeron a posicións de descenso. E nesta semana a empresa semella complicada, pois o xoves visitan en Abegondo a todo un Deportivo da Coruña, en tanto o domingo reciben nas Eiroas (12.15 horas, Rubén Reborido, auxiliado por Manuel Espasandín e Iván Ferreiro) ao Calasanz, equipo tamén situado na parte media-alta da táboa.

Festa do fútbol base en Outes

E este xoves o campo do Conchido, en Outes, será unha festa do fútbol base. Ao longo de todo o día os equipos masculinos e femininos das seleccións comarcais en categoría sub 12 disfrutarán dunha magnífica xornada de competición e convivencia. Entre outras estará tamén a selección da Costa da Morte, e como non podía ser doutra maneira, tamén haberá colexiados costeiros para os distintos encontros. Na xornada matinal serán Pablo Rama, Juan Marcos Ríos e Sebastián Pérez os encargados de impartir xustiza, en tanto na xornada de tarde serán Bruno Méndez, Iván Vilanova e Iván Ferreiro.

----

Como cada semana, todas as designacións arbitrais da RFGF, categoría a categoría, en www.futgal.es.

Comentarios