Venres. 25.09.2020
El tiempo

A Lomba, outro fermoso campo que acolle trío costeiro

A Lomba, outro fermoso campo que acolle trío costeiro
Os costeiros Marcos Ordóñez, Bruno Méndez e Rubén Reborido nun choque o ano pasado nas Eiroas entre o Depor e o Bergan Os costeiros Marcos Ordóñez, Bruno Méndez e Rubén Reborido nun choque o ano pasado nas Eiroas entre o Depor e o Bergan

O campo da Lomba (Vilagarcía de Arousa) é un deses campos especiais do noso país, dos que a todos os árbitros gusta render visita algunha vez na vida. Esta fin de semana haberá trío costeiro nese terreo de xogo para un interesante Arousa-Arenteiro da decimoquinta xornada de Terceira División, unha final para o equipo local que se está descolgando dos postos de cabeza tras tres xornadas sen gañar (actualmente, sexto clasificado). Bruno Méndez estará asistido por Pablo Rama e David Cancela, e o partido xogarase o domingo ás 17.00 horas.

Agónico e igualado será o encontro que esta semana dirixirá David Vázquez no campo da Grela 1 (A Coruña), o domingo, a partir das 16.15 horas. Nel veranse as caras Orillamar e Cultural Maniños, dous equipos empatados a 14 puntos no grupo 1 da Primeira Galicia, apenas dous puntos por riba da zona de descenso. Nas bandas, David Vázquez estará auxiliado por Daniel Martínez e Esteban Domínguez, todos da Subdelegación da Costa da Morte.

Tamén terá partido de categoría Adrián Pérez, que será asistente principal no Noia-As Pontes de Preferente Galicia que dirixirá o coruñés Gonzalo Belmonte. Completa o trío arbitral Daniel Naya, tamén da Delegación da Coruña.

E na Costa, outra finde con partidos de intensidade

A xornada da Segunda arrinca xa o sábado con un duelo a cara de can: pola vecindade e pola clasificación. O Lira-Muros disputarase en Lombáns, a partir das 17.00 horas, baixo a dirección de Pablo Rama. Tamén ao sábado se adianta o partido entre As Baleas e Corcubión, da Terceira (Hermanas Patiño, 16.30 horas), arbitrado por Óscar Santos.

Na dominical, o partido con cartel de partido da xornada enfrontará no Peña do Ouro (16.00 horas) a primeiro contra terceiro, ou o que é o mesmo, Mazaricos e Muxía. Dirixirá o encontro Marcos Ordóñez. O segundo en discordia actualmente, o Corme, terá unha difícil saída a San Andrés para enfrontarse ao Zas (16.30 horas, Alberto Baña).

Na Terceira da Costa, e tamén na dominical, a Rocheira acollerá (16.30 horas, Lucas Vicente) un encontro que o ano pasado era de Segunda, e no que os dous implicados (Coristanco e Outes) se están adaptando de moi diferente forma á categoría, líderes os locais, na media táboa os visitantes. Na pelexa polo segundo posto de ascenso directo destaca o enfrontamento directo entre Castriz e Castrelo (San Pedro, 17.00 horas, Rai Reborido). E haberá un novo derbi camariñán, desta volta no Campo do Rodeiro (Camelle-Camariñas, 16.00 horas, Iván Ferreiro).

Moita liga galega entre Carballo e Dumbría

Haberá dobre partido de liga galega xuvenil na Costa da Morte esta xornada, e debería servir para afianzar as opcións dos nosos equipos, pois parten favoritos contra equipos con peor situación clasificatoria.

O Dumbría recibe ao penúltimo clasificado, o Betanzos (O Conco, sábado, 16.00 horas, David Vázquez-Dani Martínez-Esteban Domínguez), en tanto o Bergantiños recibe nas Eiroas ao Conxo B (domingo, 10.30 horas, Adrián Pérez-Sebastián Pérez-Breogán Rey). Bergantiños e Dumbría son actualmente quinto e sexto clasificado, e non teñen opción a recuperar postos (o cuarto clasificado, Montañeros, sácalles máis de tres puntos de vantaxe), pero si puntos coa cabeza, pois tres dos catro primeiros clasificados xogarán esta semana partidos a domicilio.

Nas Eiroas xogarán tamén como locais o resto de equipos das ligas galegas. O equipo cadete A, que compite na División de Honra, recibe o sábado (19.00 horas, Bruno Méndez-David Cancela-Fabián Rey) ao Victoria, coa urxencia dunha vitoria que o separe do pozo do descenso. Actualmente, o Bergantiños suma 10 puntos, por 9 do Victoria, xusto no límite que separa a permanencia do descenso, polo cal o partido é fundamental.

O cadete B, que vive nunha cómoda posición na Liga Galega Cadete, recibe o domingo (12.15 horas, Alberto Baña-Lucas Vicente-Diego Vila) ao Xuventude de Oroso, actualmente segundo clasificado. Neste mesmo grupo, o Dumbría, pola súa parte, que ven protagonizando un espectacular arrinque de campaña (actualmente é quinto), terá posiblemente o partido máis difícil da temporada, xa que lle toca render visita ao líder, Bertamiráns, equipo cun currículo impecable (11 vitorias e 1 empate en 12 partidos).

Na Liga Galega Infantil, o partido será de igualdade entre dous equipos da zona media. O Bergantiños (undécimo, 16 puntos) recibe ao Conxo (oitavo, 18 puntos). Será o domingo, tamén ás 12.15 horas, e o encontro estará dirixido por Rubén Reborido, auxiliado por Sebastián Pérez e Breogán Rey.

O Corme quere pechar a liga de xuvenís

Esta estraña competición de xuvenís (a do grupo costeiro) podería quedar vista para sentenza este sábado. O Corme é actualmente líder indiscutible, despois de nove vitorias e dous empates. O segundo en discordia é o Sofán, a catro puntos de distancia, e con un partido máis. O terceiro na loita, o Fisterra, está a cinco puntos, aínda que ten un partido menos que Corme e dous menos que Sofán (cousas que ocorren con esta competición desconfigurada polas baixas de equipos). E neste escenario, o Corme recibe o sábado (O Cairo, 16.00 horas, Alberto Baña) ao Fisterra co ánimo de dar un golpe definitivo ao campionato. O beneficio sería maior aínda, de gañar, por canto tanto o segundo clasificado, o Sofán, como o cuarto clasificado, Os Miúdos, teñen xornada de descanso.

E duelos polo liderado en competición cadete e infantil

A competición cadete continúa a ofrecer o contrapunto. Despois de nove xornadas, cinco equipos atópanse no alto da táboa cunha marxe de tan só tres puntos. Para esta finde, o principal foco de atención estará en San Andrés, onde o domingo (10.30 horas, Juan Marcos Ríos) se enfrontarán os dous primeiros, Concello de Zas e Cee. Duelo directo, o que gañe será líder.

E na competición infantil repítese un escenario semellante. O Dumbría (9 vitorias en 9 partidos) leva un currículo impecable nesta temporada, e semella querer completar o pleno de categorías inferiores en ligas galegas. Este sábado visita (O Cairo, 11.00 horas, Daniel Martínez) ao seu principal rival, o Corme, actualmente segundo a tan só dous puntos (aínda que con un partido máis). Podería haber cambio de liderado, ou un golpe case definitivo ao título.

E houbo alternancia no fútbol veterano

A pasada xornada, coa sorprendente derrota do San Lorenzo en Castriz, deixou un cambio de liderado despois de que o San Lorenzo comandase durante boa parte da temporada. Agora é o Soneira quen se atopa á fronte da táboa clasificatoria, e comezará a defender o seu posto de privilexio fóra das fronteiras bergantiñás, pois toca visitar ao Sporting Bértoa (domingo, 10.00 horas, Porta Santa, Javi Mella).

Nesta División de Honra a priori o encontro máis disputado será o que enfronte no Hermanas Patiño (domingo, 11.00 horas, Iván Ferreiro) a Porteño e San Román, dous equipos que o ano pasado festexaron sendos títulos (copa e liga, respectivamente) e que volven pelexar pola zona alta da competición, estando actualmente quinto e cuarto na clasificación.

Na Primeira, a zona alta vivirá un duelo polo ascenso no campo do Areal (domingo, 11.00 horas, Daniel Martínez), pois alí se atoparán Razo (segundo) e Xornes (quinto). O líder (cos mesmos puntos que o Razo), Corme, visita ao Sofán (O Carral, domingo, 10.00 horas, David Cancela).

----

Como cada semana, todas as designacións arbitrais da RFGF, categoría a categoría, en www.futgal.es, e todos os horarios e resultados actualizados ao instante en www.futboldacosta.com.

comentarios