Xoves. 18.04.2024
El tiempo

A Pipa: Gran xornada na 1ª

A Pipa: Gran xornada na 1ª
Manu Guillamet e Berto no Cee-Cerqueda Manu Guillamet e Berto no Cee-Cerqueda Nova xornada apaixonante na competición futbolística no que aos conxuntos costeiros se refire, referendando os seus respectivos lideratos Mazaricos, en 2ª, e Coristanco, en 3ª; seguen en ascenso Fisterra e Dumbría, en 1ª, con empate no derbi desta xornada en Esteiro; e xornada para esquecer en Preferente, con dobre derrota nos desprazamentos de Sofán e Xallas a terras lucenses.

2ª Galicia

O Mazaricos CF segue líder da Liga da Costa O Mazaricos CF segue líder da Liga da Costa No Pino do Val non deu opción o Mazaricos ao Malpica, ao que endosou un claro 4-0 na segunda metade, logo de chegarse ao descanso con 0-0 no marcador. Os locais adiantáronse preto da hora de xogo, para, nos últimos quince minutos, aumentar a súa conta goleadora ata o resultado final. Gran partido en Ponteceso, onde o conxunto local recibía a visita doutro dos invictos, o Muxía, e o 0-0 final foi un reflexo do intenso do choque, onde vos porteiros foron claves para que o marcador non se movese, en especial o meta visitante na primeira metade, onde o Ponteceso apertou máis, para igualarse a contenda na segunda metade, dando un paso cara adiante o Muxía. Ao final, un reparto de puntos que deixa ao Mazaricos líder con dous puntos de vantaxe sobre o Ponteceso; tres sobre Corme e catro por encima do Muxía. O Corme, cun Alejo en estado de graza, volveu sumar os tres puntos en xogo, nesta ocasión ante un Monte Louro que non mereceu tan amplo castigo, pero que viu como os pupilos de Angel seguen mostrando unha gran capacidade á hora de definir ante a meta contraria e son capaces de liquidar calquera tipo de contingencia que suceda ao longo dos noventa minutos. 1-0 ao descanso, que foi aumentado nos últimos 20 minutos de xogo con dous tantos máis. Reaccionou e puxo fin ao seu racha de tres encontros perdidos de xeito consecutivo o Baiñas, superando con claridade ao Muros no Eleuterio Balayo por 0-4. Os pupilos de Emilio Corzón retornaron á senda do triunfo nun campo complicado, pero demostrando unha gran solvencia ofensiva e unha defensa que permitiu pouco a un once local moi traballador e que mantivo o 0-0 ata o minuto 52. A partir do 0-1, superioridade visitante. Foi máis igualado do que o marcador demostra o duelo de Zas entre o Sporting e o San Lorenzo. Igualdade absoluta na primeira metade, cun pau por bando, e na segunda, comezou forte o San Lorenzo, pero os dous primeiros goles do Sporting freáronlle en seco e o 3-0 pechou un marcador excesivo para os méritos duns e outros. O Buño sumou o triunfo en Carnota, ante un Lira que segue sen saborear o mel do triunfo. Os oleiros, agora baixo a dirección de Chema Rivadulla, souberon sentenciar o encontro antes do descanso, con dous goles, para, nos minutos finais da segunda metade, colocar un 0-4 merecido, pero abultado polo traballo desenvolvido polos lirachos. Non deu opcións o Volantes ao Ameixenda en Cee, colleitando un rotundo 1-4 ao seu favor, con tres goles de Pesco, que marcaron a diferenza sobre o terreo de xogo. Primeiro tempo cun tanto moi rápido visitante, pero que contrarrestou o once de Julio Vila con bo fútbol. Na segunda metade, os dous novos tantos do goleador muradán marcaron distancias, e aínda que recortou o Ameixenda, volverían marcar os visitantes. Partido igualado entre Cerqueda e Cee, resolto polos homes dirixidos por Raúl Periscal cun tanto en cada tempo. Pese a todo, o Cee gozou de boas oportunidades de gol, pero o bo labor defensivo local non lle deu opcions, senón que, no último minuto, aumento a vantaxe do Cerqueda. Na próxima xornada, un partido sobresae sobre todos, o derbi do Concello entre Corme e Ponteceso, cos dous equipos encaramados todo o máis alto da clasificación. Un gran partido que, seguro, levará un gran contingente de afeccionados ás gradas do Cairo. O líder, Mazaricos, rende visita a un San Lorenzo que llo poñerá moi complicado sen dúbida, mentres que o Muxía intentará superar en Arliña ao Muros para seguir o ronsel dos catro primeiros clasificados. Na zona media, o Baiñas terá un complicado rival no Cerqueda, co que marchan empatados a puntos na táboa, mentres que o Volantes será o anfitrión dun Zas que lle supera nun punto na clasificación. O Buño quere seguir ascendendo a costa dun Ameixenda que quere saír da zona de descenso. Bo partido en Cee, onde os locais recibirán a un Lira que buscará estrear o seu casillero de triunfos. En Louro, os homes de Oscar Leis mediranse a un Malpica que intentará borrar a derrota de Mazaricos.

3ª Galicia

Coristanco Coristanco Referendou a súa liderato o Coristanco en Nantón, onde venceu por un mínimo pero suficiente 0-1, deixando aos locais a cinco puntos de distancia do liderato. Os líderes souberon nadar e gardar a roupa, ata facerse cun complicado triunfo ante un conxunto que sempre pugna por coarse na zona de play-off. Gran partido o presenciado nas Redondas, onde o Cabana viu como o Castriz segue o seu ascenso e colócase a un punto o liderato, tras vencer por 1-2. Antes do descanso os pupilos de David Velo colocaron o 0-2 no marcador, e pese a que recortarían os xogadores preparados polo tándem Fernando-Pablo, non foron capaces de alcanzar o seu obxectivo final. Outro dos encontros importantes da xornada, e que non defraudou a ninguén, foi o derbi camariñán na Ponte do Porto, onde os locais, que perdían por 1-2 a falta de dous minutos, deron a volta ao marcador con dous tantos nos minutos 89 e 90, que lle colocan na cuarta praza e deixan ao Camariñas a catro puntos da promoción e oito dos postos de ascenso. [fbvideo link="https://www.facebook.com/porteno.cf/videos/2011212805610184/?t=0" width="600" height="400" onlyvideo="1"] Primeira vitoria da historia das Baleas en Terceira Autonómica, superando no outro derbi do Concello ao Camelle, por 2-1. Os xogadores preparados por Vicente adiantáronse antes do descanso e, aínda que o Camelle empataría a dez minutos do final, o 2-1, a falta de pouco máis de cinco minutos, levoulles a primeira gran alegría da tempada. Laxe e Castrelo repartíronse os puntos en terreo laxense nun choque moi igualado, con dous goles nos primeiros vinte minutos de xogo e logo intentos duns e outros por voltear o marcador, pero non conseguíndoo polo bo labor das liñas de retaguardia. O 1-1 mantén ao Castrelo a tres punto do liderato, como terceiro, e deixa aos locais a un punto da promoción. Para rematar, táboas en Corcubión, onde os pupilos de Sergio souberon contrarrestar o potencial do Outes, que chegou a adiantarse por dúas veces no marcador, pero dúas expulsións, e o empuxe local, terminaron por pechar o marcador no 2-2 final. Na próxima xornada, partido da xornada en Vimianzo, onde chega un Cabana disposto a frear a boa marcha do Castrelo. Descansa o líder, o que espera aproveitar o Castriz, que busca os tres puntos ante o As Baleas, para asaltar o liderato. Partido importante na Serra, onde chegará un Porteño crecido, do mesmo xeito que o duelo de Camelle, onde non poden perder nin o once local nin o Nantón, así como en Camariñas, que medirá aos locais co Laxe. O Seaia quere estrearse na competición sumando os seus primeiros puntos coa visita dun Corcubión complicado de superar.

Preferente

Xornada para pasar ao esquecemento a disputada en Preferente, onde Sofán e Xallas perderon nos seus compromisos do fin de semana en terras lucenses. En Viveiro, o Sofán perdíu un encontro que se lles puxo costa arriba na primeira metade, pero logrou empatar e, cando parecía telo máis controlado chegaría o gol da vitoria local, pese aos merecimientos claros dos pupilos de Iván Cancela, que fixeron méritos máis que suficientes para sumar un mellor resultado. Non estivo ben o Xallas en Sarria, onde os locais, segundos clasificados e lanzados en pos do As Pontes, deron boa conta dun conxunto que foi incapaz de remontar os dous tempraneros tantos locais, pois antes do cuarto de hora a Sarriana vencía por 2-0. Tralo descanso, e aínda que o intentaron, o terceiro gol local desarmou por completo, ata pechar o marcador no 5-0 final. Esta vindeira xornada, o Sofán recibe no Carral a un potente Arzúa, encaramado aos postos de promoción, mentres que o Xallas, na Fontenla, buscará un triunfo balsámico ante o farolillo vermello da táboa, o Estudiantil.

1ª Galicia

Excelente xornada en 1ª, con triunfos do Fisterra, Dumbría e Soneira, e empate no derbi de Esteiro. O Fisterra parece decidido a todo esta tempada, e se encaramou á 2ª praza da clasificación tras superar por 3-1 ao Praiña en Ara Solís. Os pupilos de Canosa manteñen o seu gran nivel de xogo e resultados, aínda que vexan ao líder, Sigüeiro, a seis puntos de distancia. Remonta na clasificación paso a paso o Dumbría, que, de ser colista, se encarama á 6ª praza da táboa tras unha marcha excelente nas últimas xornadas. O seu triunfo en Lalín vén referendar que o inicio está esquecido e que as miras están en ir ascendendo cara a postos de privilexio, atopándose agora mesmo a dous puntos da segunda praza. Moitísimo sufrimento, o Soneira fíxose cos tres puntos en disputa en Vimianzo ante un complicado Unión de Rianxo, e sae da zona de perigo. Os brancos sufriron de xeito abondo, pero ao final o esforzo e traballo tería o seu recompensa cun merecido e pelexado éxito. Para rematar, o derbi de Esteiro saldouse con reparto de puntos entre un necesitado Esteirana e o Baio. Non defraudou o choque e, tralo 0-0 ao descanso, o gol de Álex Rama parecía que lle daría os tres puntos, empataría no último minuto o Baio co tanto de Iván Vermello. Na próxima xornada, derbi de proximidade en Dumbría, coa visita dun Fisterra que cotiza ao alza. O Baio buscará seguir sumando de tres en tres no Pratas Reinoso ante o Bastavales. O Soneira quere puntuar no campo do Chaián, situado en postos de descenso, mientars que a Esteirana ten un máis que complicado desprazamento ao terreo do líder intratable, Sigüeiro.  
  • Manuel Corredoira, Entrenador UEFA PRO, Nacional Nivel 3 de Fútbol e Director Deportivo pola RFEF, formador da Escola Galega de Adestradores, actual coordinador das Escolas de Fútbol Base de Zas e Delegado da Federación Galega de Fútbol para a Costa.
A pipa de Corredoira

Todas as Pipas anteriores

 

Todas as crónicas do Fútbol da Costa

Comentarios