Xoves. 25.04.2024
El tiempo

A Pipa: E a chuvia fixo parar o fútbol

A Pipa: E a chuvia fixo parar o fútbol
[fbvideo link="https://www.facebook.com/FutboldaCosta/videos/367940370605977/?t=1" width="800" height="400" onlyvideo="1"] Por primeira vez esta tempada, e esperemos que sexa a última, a choiva e o mal tempo fixo que se suspendesen dous encontros, un en Segunda, o que enfrontaba ao Baíñas e ao líder, Mazaricos, e o outro en 3ª, onde o Seaia e As Baleas viron como non podían disputar o seu choque na Pedra Queimada.

2ª Galicia

Na Liga da Costa, non fallaron Corme e Muxía, que sumaron os tres puntos en xogo e ambos polo mesmo resultado de 5-0. Os pupilos de Angel foron superiores a un Ameixenda que nada puido facer ante o ritmo imposto polos azuis, aínda que o primeiro gol tardaría en subir ao marcador, pois ata o minuto 43 non marcaría Alejo. Logo, tras chegar o 2-0 nada máis reiniciarse o choque, os goles terminarían caendo ao lado local, pese ás intervencións de Bicho, que ocupou a meta visitante ante a ausencia do meta titular habitual nos ceenses. En Muxía, superioridade do once de Lema ante un Sporting Zas moi apático e que, tralo 3-0, despareceu por completo do terreo de xogo. Os rojillos tardaron en adiantarse no marcador, pero dous erros da zaga visitante propiciaron que ao descanso se chegase cun 2-0 no marcador. O 3-0, á hora de xogo, terminou de rematar a un Sporting absolutamente indolente e sen intensidade, mentres que o Muxía demostrou a súa excelente liña de xogo. Sufriu moito o Ponteceso para sumar o empate ante un Lira que cada día vai dando pasos de xigante e mellorando en xogo e resultados. Por dúas veces adiantáronse os pupilos de Diego Lobelos, pero o Ponteceso buscou con ahínco cando menos o empate, e cerca do final sería Matías o que puxese as táboas no marcador, co que os locais ven freada a súa boa marcha, caendo á cuarta praza, e os visitantes ven máis preto abandonar o farolillo vermello. Gran triunfo do Muros sobre un Cerqueda que desapareceu do encontro tralo 2-0 local, aos dous minutos da reanudación. Antes, no último minuto da primeira metade, chegaría o 1-0 para os celestes, que se mostraron a un gran nivel de xogo e pelexa, ante un Cerqueda sorprendido e que non estivo a gusto no Eleuterio Balayo. Volantes-Montelouro-Foto-Xose Sendon Volantes-Montelouro-Foto-Xose Sendon O derbi muradán de Louro resolveuse ao lado dun excelente Volantes, que segue a súa liña ascendente e sóubose aproveitar das baixas locais para alcanzar un triunfo que lle coloca na zona de privilexio. As dúas novas fichaxes do equipo dirixido por Sil, Berto e Jano, foron os autores dos tantos, un en cada tempo, cun ambiente excepcional nas gradas de Agra da Filgueira. Excelente triunfo do Cee no seu compromiso ante un Malpica que suma a súa segunda derrota consecutiva e que terminou o encontro con catro expulsados. Os ceenses cun gol en cada tempo, un aos cinco minutos de inicio do choque e outro a cinco do final, sumaron tres puntos moi importantes e que lles valen para levantarse á sétima praza da clasificación xeral. Reparto de puntos en Buño entre o once branquiazul e o San Lorenzo de Verdillo. Os visitantes, cun plantel moi novo, adiantáronse por dúas veces no marcador, pero o Buño respondeu igualando o compromiso, que deixa aos dous equipos empatados na táboa clasificatoria con 12 puntos. Na próxima fin de semana, duelo ao grande no Piño do Val, onde o líder, Mazaricos, recibirá a visita do Muxía, mentres que o segundo clasificado, Corme, viaxará a Zas e o cuarto, Ponteceso, farao en Cee, ante o Ameixenda. O Baiñas, pola súa banda, visitará a un necesitado Malpica e o Volantes será o anfitrión do Buño. Partido de rivalidade en Carnota, onde o Lira recibe a un mellorado Muros, mentres que en Buño, o Cerqueda terá a visita do Monte Louro. En Verdillo, o San Lorenzo terá un complicado rival no Cee. Gran xornada, pois, a que se aveciña este próximo domingo.

Preferente

Non foi excesivamente boa a xornada en Preferente, onde non gañaron nin Xallas nin Sofán. Os primeiros conseguiron empatar no compromiso de Ordes, mentres que os segundos perderon na súa visita ao Negreira por un mínimo 1-0. En Ordes, o Xallas adiantouse moi pronto no marcador, con gol do incombustible Doro, pero un gol no último minuto da primeira metade e outro pouco logo da reanudación, colocaron en vantaxe aos locais, empatando a falta de 11 minutos o equipo xalleiro por medio de Alex Blanco. O reparto de puntos fixo xustiza ao traballo dos visitantes. En Negreira, choque moi igualado entre dous conxuntos moi parellos, como o demostra a clasificación. Un gol antes do descanso, dun gran disparo desde fóra do área, supuxo a derrota dun Sofán que dominou na segunda metade, pero o labor defensivo local e o desacerto visitante á hora da finalización, fixeron que o choque terminase co 1-0. Na próxima xornada, ambos conxuntos xogan ante os seus afeccionados. O Sofán recibirá no Carral a un Agolada en zona de descenso, mentres que o Xallas será anfitrión dun Foz que ocupa un posto na zona de perigo.

1ª Galicia

Suma e segue o Fisterra en pos do liderato en Primeira, vencendo e convencendo no terreo do Val do Ulla, onde os verdes sumaron os tres puntos en xogo cun 1-3 que deixa claro o seu potencial e, ademais, sóubose aproveitar do empate entre Sigüeiro, líder, e Flavia, ata ese instante segundo, o que lle coloca na segunda posición da clasificación a dous puntos do liderato. Saltou a banca a Esteirana, que tiña a necesidade de gañar si ou si a un Bastavales que ocupa zona de descenso, e os pupilos de Geno, moitísimo sacrificio, venceron ampliamente ao final, por 4-1, pero os dous goles finais dos azulgrana chegarían nos minutos de desconto, (93 e 94), levando a alegría á gran afección que se deu cita no José Luís Vara de Esteiro. O derbi entre Baio e Soneira finalizou como empezou, cun 0-0 que se pode considerar xusto polos méritos e o traballo de ambos onces. O empate frea a gran progresión do Baio, que ocupa a quinta praza, empatado con Piloño e Tordoia, mentres que o Soneira segue en situación delicada, dous puntos por encima da zona de descenso. Triunfo cómodo do Dumbría no seu compromiso co Cordeiro, en Ou Conco, deixando resolto o chopque na primeira metade, ao término da cal os pupilos de Julián vencían por un rotundo 3-0, non dando opción ao Cordeiro. Na segunda metade, os visitantes recortaron distancias prácticamente co tempo finiquitado, colocándose o Dumbria na zona media a tres puntos da quinta praza. Na próxima xornada, o Fisterra intentará o asalto ao liderato recibindo a visita do Bertamiráns que quere saír do descenso, cun ollo en Vimianzo, onde o Soneira medirase ao Sigüeiro, líder da clasificación. O Baio renderá visita ao Tordoia, co que marcha empatado a puntos, mentres que a Esteirana viaxará a Lalín coa idea de sumar para intentar saír da última praza. A Rianxo viaxa o Dumbría para medirse a un Unión que é atopa un punto e un posto por baixo dos brancos.

3ª Galicia

Non cede un ápice o Coristanco, que no duelo da xornada sumaba os tres puntos en xogo no terreo dun Camariñas que perde comba en pouso a zona de play-off de ascenso. Un tanto de Samuel, aos 35 minutos, outorgoulle os tres puntos aos verdes, que aumentan a súa vantaxe con respecto á segunda praza a cinco puntos, e deixan aos pupilos de Ton a dous puntos do Outes, sexto. O Cabana aproveitouse do descanso do Castriz para asaltar a segunda praza do grupo co seu triunfo, sufrido, en Corcubión, onde os locais adiantáronse no marcador, pero os visitantes, nunha gran segunda metade, deron a volta ao marcador con tantos de Diego Castro e Iván Mato. Non cede o Porteño de Varela, que venceu e convenceu ante o Laxe, ao que deixa fóra da zona de play-off. O 4-2 final foi o reflexo da gran segunda metade local, pois ao descanso chegouse con 1-1 no marcador, pero tres goles en 20 minutos colocaron o marcador amplo para os locais, recortando ao final os laxenses. Partido tremendamente igualado e de loita na Serra, onde o Outes e Nantón non foron capaces de bater a meta contraria, finalizando os noventa minutos cun 0-0 que deixa aos blanquinegros ocupando a última praza de play-off, un punto por encima dun Camelle que nada puido facer na súa visita ao Municipal de Vimianzo, que máis parecía unha piscina que un campo de fútbol, onde o Castrelo con tres goles antes do descanso non lles deu opción algunha aos camariñáns, finalizando a contenda cun 4-1 fiel reflexo do sucedido ao longo de vos noventa minutos de xogo. Na xornada do próximo fin de semana gran partido en Coristanco, onde os locais recibirán a visita dun Outes que non pode fallar, do mesmo xeito que o Castriz, que se mide ao Castrelo, revelación desta tempada e que conta cos mesmos puntos que os locais. Outro dos choques da xornada poderase presenciar en Cabana onde os locais defenderán o seu posto de ascenso directo ante un Porteño que marcha cuarto a un punto dos negriazules. As Baleas buscará o seu segundo triunfo da competición ante un Corcubión que aínda non gañou, mentres que o Nantón quere achegarse á zona de play-off intentando superar a un Seaia que esta xornada non xogou o seu choque ante As Baleas. Descansa o Laxe.
  • Manuel Corredoira, Entrenador UEFA PRO, Nacional Nivel 3 de Fútbol e Director Deportivo pola RFEF, formador da Escola Galega de Adestradores, actual coordinador das Escolas de Fútbol Base de Zas e Delegado da Federación Galega de Fútbol para a Costa.
A pipa de Corredoira

Todas as Pipas anteriores

Comentarios