Venres. 04.10.2024
El tiempo

A Pipa: Igualdade polo título e polo descenso, tras unha xornada marcada por unha suspensión

A Pipa: Igualdade polo título e polo descenso, tras unha xornada marcada por unha suspensión
Paralise en Agra da Filgueira polo desplome de Juan de Selia-Foto-Edu Olveira Momento da parálise en Agra da Filgueira tralo desplome de Juan de Selia-Foto-Edu Olveira A que debía de ser unha xornada apaixonante cos derbis en Primeira e na Liga da Costa, por partida dobre, terminou marcada polo gran susto vivido en Muros, no derbi entre Monte Louro e Esteirana, que xa non deu comezo ante a perda de coñecemento sufrida polo xogador do once local, xuvenil de 17 anos, Juan de Selia, que fixo saltar todas as alarmas, pero, afortunadamente, parece que todo marcha polo mellor dos camiños, e o rapaz xa está na casa tras pasar a noite en observación. Xa centrándonos no sucedido na xornada, o máis clarificador é por arriba onde, unha semana máis, Corme e Baio seguen pugnando polo primeiro posto, e quédanse cada vez máis sós, pois o Cerqueda volveu ceder, nun partido onde partían como claros favoritos, e deixan a terceira praza en mans do Mazaricos, que tras un comezo irregular se ha ir situando na zona nobre da clasificación. O Corme, nun dos derbis apaixonantes da xornada, superaba nun duelo moi disputado, ao Ponteceso, cun 4-2 que non deixa lugar a dúbidas, aínda que os pupilos de Barca chegaron a colocar o 1-1 no marcador, pero a efectividad goleadora do líder non deixou lugar á sorpresa e afasta aos visitantes dos postos de privilexio, xa a dez puntos dos dous primeiros clasificados. Tampouco fallou o Baio, que superou con tres goles de Javi Suárez a un Coristanco que viña nunha boa liña, pero que viu como os visitantes, mostrando a súa fortaleza, tanto defensiva como ofensiva, levábanse os tres puntos en xogo afianzando a súa pelexa co Corme nesa loita polo posto de ascenso a Primeira Autonómica. Os locais quedan un punto por encima do descenso, pero con moi boas sensacións malia a derrota por 0-3. Sufriu o Mazaricos para superar a un Buño que quere poñer terra por medio coa zona de descenso, da que lle separan dous puntos. Os amarelos, tras un comezo de Liga pouco alentador, están tomándolle o pulso á competición e xa ocupan a terceira praza da mesma, a cinco puntos dos dous primeiros clasificados, pero mostrando boas vibracións. Tampouco quere quedar fóra de xogo o Castriz, que volveu gañar, nun encontro que decidiu na segunda metade, e de penalti, ante un Camariñas que parece perder fuelle e cede na táboa, quedando a cinco puntos dos seus rivais, quen tratan de seguir o ronsel do Mazaricos. O San Lorenzo quere volver á zona nobre da clasificación, tralos tropezos sufridos que lle deixaron moi afastado dos postos de privilexio, e en catorce minutos, na primeira metade, liquidou a contenda en Corcubión, onde puido alcanzar unha maior vantaxe nos primeiros corenta e cinco minutos, nos que foi moi superior ao seu rival, que queda dous puntos por encima da zona de descenso. A sorpresa da xornada protagonizouna o Laxe, que sacou un punto importante na súa loita por saír da zona baixa da clasificación, no terreo do Cerqueda, conxunto que perde comba na pelexa polos primeiros postos, que xa os ten a sete puntos de distancia, aínda que a terceira praza téñaa a dous puntos. Na Ponte do Porto, triunfo do Porteño sobre o farolillo vermello, Baíñas, que repetiu resultado en contra por segunda xornada consecutiva. Pese a todo, o 4-2 final non foi xusto cos vimienceses, que chegaron a poñer en aprietos aos locais, co 3-2 que puxo a incerteza nas gradas, ata a chegada do último tanto local. Para rematar, non terminan de afianzarse na zona alta da táboa nin Cee nin Malpica, e repartíronse os puntos nun choque que non deixou contentos nin a uns nin a outros, separados por un punto na táboa clasificatoria e nunha zona, de momento, tranquila da mesma. A próxima xornada preséntase unha vez máis apaixonante, cun Malpica-Corme onde os líderes non o terán nada fácil ante un Malpica que quere mirar cara arriba e afastar calquera tipo de dúbida. E o segundo clasificado, Baio, espera o pinchazo do líder e, de gañar ao Cee, que seguro venderá moi cara a súa derrota, para poder escapar á fronte da táboa clasificatoria. En Laxe, un necesitado conxunto local recibirá a incómoda visita dun Mazaricos en alza, mentres que o Cerqueda intentará borrar o tropezo ante os laxenxes buscando os tres puntos en Vimianzo ante un Baíñas que non pode ceder un ápice na súa loita por saír do último posto. Como o Cerqueda e o Mazaricos, o San Lorenzo non pode fallar no seu terreo de xogo ante o Porteño, aínda que seguro que se vai a atopar a un rival que lle poña as cousas moi complicadas, do mesmo xeito que se van a atopar moitas dificultades o Castriz en Buño e o Ponteceso, que recibirá a un moi irregular Corcubión. A Esteirana buscará volver á senda do triunfo no seu terreo de xogo ante un Coristanco que é capaz do mellor e de sumar puntos en calquera campo, mentres que o Monte Louro, recuperándose do susto sufrido nesta xornada, intentará darlle unha satisfacción ao seu xogador Juan de Selia, sorprendendo a un Camariñas que no seu terreo se mostra moi firme.  

O derbi de Primeira, para o Dumbría

Sobresaía sobre todos os encontros o choque entre o líder, Dumbría, e o “rei do empate”, Fisterra, que agora comparte esa “honra” co Tordoia, pero os visitantes non deixaron lugar á sorpresa e, nun encontro trepidante, sacaron adiante o difícil compromiso cun 0-2 que lles afianza na primeira praza e deixa “tocados” aos verdes, que se sitúan un punto por encima do descenso. A volta de Makay ao verde de Ara Solís, saldouse cunha boa actuación do cañonero e goleador, que foi moi ben recibido polos que o ano pasado foron os seus incondicionais e, sobre todo, amigos. O Sporting Zas saíu derrotado da Fieiteira, en Riveira, onde os sportinguistas xogaron prácticamente 80 minutos con dez futbolistas ao ser expulsado o meta Anxo aos 14 minutos de xogo. Pese a iso, e tras un frouxo primeiro tempo, ao término do cal o Sporting perdía por 2-0, na segunda metade melloraron ostensiblemente as súas prestaciones e buscaron un empate que non chegaría, aínda que si marcarían os locais, nunha acción moi protestada polos zasences, pois o asistente sinalou posición antirreglamentaria, pero o colegiado concedeu o terceiro tanto local. O resultado deixa ao Sporting Zas dous puntos por encima da zona de descenso. Nesa zona atópase o Outes, que deu a noticia, desagradable, da semana, coa decisión por parte do “profe” Manu Roque, de deixar ao equipo dá Serra, por problemas unha dolencia nas cordas vocais. Os blanquinegros tiñan un complicado compromiso en Tordoia, ante o terceiro clasificado, vendendo cara a súa derrota, pero cedendo por un 3-1 final que deixa ao Outes como farolillo vermello. Na próxima xornada, o Dumbría recibirá no Conco ao Val do Ulla, nun encontro onde os azuis parten como favoritos ante un rival que ocupa a decimosegunda praza da clasificación. Un histórico Flavia renderá visita ao Sporting Zas, estando empatados ambos a trece puntos na táboa, mentres que o Fisterra terá un duro compromiso na Pobra do Caramiñal, onde os locais buscan os postos nobres da clasificación, aínda que se atopan a tres puntos de distancia dos fisterráns. Para rematar, o Outes quere romper o seu racha negativa e sumar un desexado triunfo para poder brindarllo ao seu míster, Manu Roque, ante un Riveira que, paso a paso, se ha ir situando preto dos postos de privilexio, sendo quinto, a catro puntos do segundo.

Xornada negativa en Preferente

Tripla derrota para os representantes da Costa en Preferente, onde nin Sofán, nin Xallas nin Soneira foron capaces de puntuar ante Sporting Sada, Noia e Galicia de Mugardos, respectivamente. Os sofanistas rendían visita ao colista, Sporting Sada, pero os locais, a base dun forte traballo de contención, e aproveitando unha contra a pouco de comezar a segunda metade, souberon derrotar a un Sofán que, posiblemente, realice o encontro máis flojo do que vai de tempada, ademais de errar en numerosas ocasións de gol. Mereceu moito máis o Xallas na visita do líder, Noia, á Fontenla, pois os homes de Iván Cancela, onde unha desafortunada decisión do asistente do colegiado, anulando un tanto de Rober Pladur, significou a derrota dos xalleiros. Ao final, un solitario gol dos visitantes e líderes, supuxo a inmerecida derrota dun Xallas que deixa moi boas sensacións pese ao resultado final. En Vimianzo, o Soneira xogou un bo partido, tratando de ti a ti a un Galicia de Mugardos que non fai moito tempo competía en Terceira División, pero os goles de Permuy non puideron ser contrarrestados máis que por un tanto materializado por Dani Casal, a falta de catorce minutos, que puxo a incerteza nos instantes finais do duelo. Na próxima xornada, derbi en O Carral, onde o Sofán recibirá a visita do Xallas, nun encontro sen favorito claro, malia a clasificación duns e outros, separados por catro puntos de vantaxe para os vermellóns locais. A Laracha irá o Soneira en busca de sorprender a un equipo que, pasito a pasito, se ha ir situando na zona alta da clasificación, ocupando a cuarta praza, a dous puntos do Polvorín. Non o terán fácil os brancos, pero esperan dar cumprida resposta ás propostas que cheguen ao lado rojiverde.

Muxía, líder ao término da primeira volta

Líder incuestionable en Terceira o Muxía, que quere retornar á Liga da Costa, e xa son nove os puntos de vantaxe sobre o segundo clasificado, Ameixenda, ao término da primeira volta da competición. Os muxiáns non atoparon dificultades para superar a un Cabana que queda prácticamente fóra da loita nesta campaña para retornase a categoría perdida a pasada tempada. O Ameixenda fixo saltar a sorpresa en Carnota, ante o Lira, ao que deixa a cinco puntos de distancia e aproveitouse do empate sen goles que cedeu, no seu terreo, o Nantón, que deixa aos ceenses na praza de promoción de ascenso. O Volantes soubo sacar os tres puntos en xogo no seu choque ante o Castrelo, ao que supera na clasificación e afasta da segunda praza, a que agora estñaa catro puntos dos vimianceses. O duelo entre os colistas deixa ao Camelle como farolillo vermello ao perder en Malpica, co Sporting Seaia, na súa primeira vitoria da campaña, por un claro 4-2. A segunda volta arrinca co desigual duelo entre líder, Muxía, e colista, Camelle, en terreo dos primeiros, mentres que Ameixenda, Nantón, Lira, Castrelo e Volantes non poden ceder si queren ter opcións para retornar á Liga da Costa, aínda que un deles si terá que facelo, pois o Lira recibirá ao Castrelo en Carnota. Seaia, en casa, Cabana e Outes B, a domicilio, serán os rivais de Nantón, Volantes e Ameixenda, e todos eles buscarán a sorpresa nos noventa minutos en xogo.
  • Manuel Corredoira, Entrenador Nacional Nivel 3 de Fútbol e Director Deportivo pola RFEF, formador da Escola Galega de Adestradores, e actual coordinador das Escolas de Fútbol Base de Zas.
A pipa de Corredoira

A Pipa de Corredoira

Fonte

Comentarios