Xoves. 28.03.2024
El tiempo

A Pipa: O fútbol da Costa si que é Clásico

A Pipa: O fútbol da Costa si que é Clásico
O derbi de primeira no Conco foi o sabado O derbi de 1ª no Conco foi o sábado pero demostra o potencial do fútbol modesto costeiro Gran xornada a disputada a pasado fin de semana en liñas xerais, con varios encontros que concitaron a atención dos afeccionados, malia a coincidencia de horario co Clásico do fútbol español, pero os afeccionados non abandonaron ao fútbol máis modesto, moito máis próximo e importante, sen dúbida. Na Liga da Costa, o partido que chamaba a atención era o que medía no Cairo a Corme e Ponteceso, ambos conxuntos  instalados na zona alta da táboa clasificatoria e derbi por excelencia do Concello. Os cormeláns, con moitísimo traballo, fixéronse cos tres puntos en xogo, malia os intentos finais do Ponteceso para lograr cando menos o empate. O triunfo deixa aos pupilos de Ángel a un punto do líder, e aos visitantes a tres puntos. Sufriu, e moito, o Mazaricos en Verdillo ante un San Lorenzo que soubo contrarrestar o potencial dos visitantes que nunca se atoparon cómodos sobre o terreo de xogo. Malia adiantarse no marcador, o Mazaricos non foi capaz de pechar o encontro e ao final cedeu un empate que frea a súa inmaculada marcha. Non estivo fino o Muxía na tarde do sábado, que viu como un ordenado e traballador Muros arrincáballe un empate sen goles en Arliña, que lle deixa a catro puntos do líder. Os pupilos de Adrián Lema seguen mostrando unha solvencia defensiva espectacular, cun só gol encaixado nas sete xornadas disputadas. Gran salto do Volantes na táboa clasificatoria, que soubo aproveitar as moitas baixas do Sporting Zas para alcanzar unha xusta vitoria por 2-0 no Eleuterio Balayo. Aínda que o encontro estivo aberto ata o 2-0, a verdade é que os laranxas gozaron de moitas ocasións de gol e foron superiores a un once visitante que non inquietou en exceso á zaga local. Baiñas e Cerqueda repartíronse os puntos nun encontro moi disputado e traballado polos dous equipos, liquidado cun 0-0, onde as defensas superaron por completo ás dianteiras e deixáronlles coa pólvora mollada. Os dous mantéñense na zona media, empatados a puntos, pero moi afastados da zona de privilexio. Gran triunfo do Malpica en Louro, onde se adiantou cun cómodo 0-3, con dous tantos nos primeiros minutos. Pero o once de Oscar Leis nunca entregou o encontro, e dous tantos de Juan de Seila puxeron a emoción nos minutos finais do choque. Ao final, un 2-3 que deixa aos malpicanes na oitava praza. Saltou a sorpresa en Buño, onde os locais prometíanas moi felices ante o Ameixenda, sobre todo ao adiantarse por segunda vez, pero os xogadores preparados por Julio Vila están de doce e saen da zona de descenso cun triunfo traballado e pelexado, freando a reacción dos blanquiazules. Bo triunfo do Cee no seu terreo de xogo ante un Lira que, pese a traballar de xeito abondo e chegar ao descanso con 0-0, na segunda metade, chegarían os tres tantos locais que deixan aos ceenses fóra da zona de descenso e ao Lira sen sumar de tres en tres e cun punto pechando a clasificación. Na próxima xornada, gran partido en Cerqueda, onde chega un Muxía disposto a sumar ante os homes de Periscal. O líder, Mazaricos, non o terá fácil co Volantes, mentres que os outros dous conxuntos do Concello muradán, Monte Louro e Muros, terán como rivais a Ponteceso, a domicilio os primeiros, e como locatarios os segundos ante o Corme. Derbi local en Cee, onde o Ameixenda enfróntase ao Unión, separados por un punto na clasificación. O Lira buscará inaugurar o seu taboleiro de vitorias ante un Baiñas que quere ascender postos na táboa. Duelos igualados, polo menos en principio, en Zas e Malpica, onde chegan Buño e San Lorenzo, respectivamente.

3ª Galicia

Cambio de líder en Terceira, pois o Coristanco descansaba, e o Castriz non fallou ante un Baleas que lle puxo as cousas moi complicadas aos pupilos de David Veo, pechándose o choque cun 4-2 final, trala loita pechada nos noventa minutos. Gran vitoria do Camariñas sobre un Laxe que nada puido facer para frear o bo xogo dos pupilos de Tono, que recuperan boas sensacións na competición. Reparto de puntos na Serra, onde o Outes non puido cun Porteño moi traballador e complicado de superar. O 1-1 non satisfixo a ningún dos dous, pero mantén ao Porteño en zona de promoción e deixa ao Outes a dous puntos da mesma. Remontada e goleada final do Cabana no terreo dun Castrelo que parece frear o seu gran inicio de campaña. O 2-5 final deixou claro que os pupilos do tándem Fernando-Pablo queren recuperar sensacións e seguir optando ao ascenso directo. Primeiro triunfo da competición dun Seaia que abandona o farolillo vermello vencendo e convencendo ante un Corcubión que agora pecha a táboa clasificatoria. A loita dos locais tivo o seu premio final cos tres puntos en xogo. En Camelle, o once local tiña un duro compromiso ante o Nantón, liquidado cun 2-0 que deixa aos locais un punto por encima dos visitantes na táboa clasificatoria, ambos en zona de play-off. Dous duelos chaman a atención a próxima xornada. Por unha banda, o Coristanco recibe na Rocheira ao Camelle, mentres que o Cabana será anfitriñon na visita do Camariñas. O líder terá un complicado rival no Nantón, mentres que o Castrelo non pode fallar no terreo dun moi mellorado As Baleas. Laxe e Outes buscarán os tres puntos en xogo para seguir o ronsel do play-off, mentres que o Porteño intentará manter a súa posición de play-off superando en Ponche do Porto ao Seaia.

1ª Galicia

Liquidou o derbi de Primeira o Fisterra cun triunfo incuestionable en Dumbría, onde os locais se adiantaban no marcador, pero dous tantos de Pablo Lestón remontaron a contenda e colocan ao once verde na segunda praza da táboa clasificatoria, freando en seco a reacción dos pupilos de Julián. Non cede o Baio, pese a que o Bastavales igualou a contenda no Pratas Reinoso, onde os locais fixeron méritos máis que suficientes para sumar o triunfo, pero ao final tiveron que conformarse cun punto. Mantén a súa reacción o Soneira, que sacou un empate sen goles no terreo do Chaián. Os homes de Pedro Gómez puideron gañar a contenda e aos poucos van saíndo da zona de perigo da clasificación. Tiña un complicado encontro a Esteirana no terreo do líder, Sigüeiro, e non puido sacar nada positivo o conxunto de Gelo, que viu como os locais o derrotaban por un claro 3-0, pese aos intentos dos azulgrana de conseguir un mellor resultado. Na próxima xornada, o Fisterra mídese ao Esclavitude, terceiro, no partido da xornada en Ara Solís. O Baio visita a un histórico como o é o Lalín, separados por tres puntos na táboa. A Padrón irá o Dumbría en busca de tres puntos complicados ante un Flavia que marcha na cuarta praza, dous puntos por encima dos dumbrieses. A Esteirana buscará o seu segundo triunfo da competición no José Lis Vara ante un complicado Val do Ulla.

Preferente

Xornada moi positiva en Preferente, con dobre triunfo dos equipos costeros nesta xornada. Na Fontenla, o Xallas deu un recital de fútbol e goles ante o colista, Estudiantil, endosándolle un rotundo e merecido 6-1, resultado que puido ser máis amplo polo xogo dos verdes. No Carral, o Sofán recibía a visita do Arzúa de Chus Baleato, e o 2-0 premiou o bo xogo e traballo dos pupilos de Iván Cancela, que deixa aos rojillos na oitava praza e frea a boa marcha dos visitantes, aos que deixa fóra dos postos de promoción de ascenso. Na xornada deste fin de semana, complicada saída do Sofán ao terreo do líder, As Pontes conxunto que suma triunfo tras triunfo. Pola súa banda, o Xallas rendirá visita ao Viveiro, sexto, a tres puntos dos xalleiros.  
  • Manuel Corredoira, Entrenador UEFA PRO, Nacional Nivel 3 de Fútbol e Director Deportivo pola RFEF, formador da Escola Galega de Adestradores, actual coordinador das Escolas de Fútbol Base de Zas e Delegado da Federación Galega de Fútbol para a Costa.
A pipa de Corredoira

Todas as Pipas anteriores

 

Todas as crónicas do Fútbol da Costa

Comentarios