Xoves. 25.04.2024
El tiempo

A Pipa: Vai de derbis

A Pipa: Vai de derbis
Imaxe do derbi Cerqueda-Malpica desta fin de semana Imaxe do derbi Cerqueda-Malpica desta fin de semana Xornada con resultados para todos os gustos, positiva en Preferente, onde sumaron puntos Sofán e Xallas, os dous lonxe das súas afeccións; en Primeira, só un triunfo, do Baio ante os seus afeccionados, con derrotas de Soneira, Dumbría e Esteirana e empate do Fisterra que levantou un 0-2 en contra. Na Liga da Costa, dúas goleadas a domicilio e o resto de encontros tremendamente disputados. En Terceira, comezou goleando o Cabana e o Nantón asume o liderato.

Liga da Costa

Dous derbis chamaban a atención nesta xornada. Por unha banda o Cerqueda-Malpica, saldado con reparto de puntos nun choque onde os visitantes se adiantaron no marcador moi pronto, pero a reacción dos locais na segunda metade, e pese a quedarse cun home de menos, foi suficiente para que os pupilos de Raúl Periscal alcanzasen cando menos o empate. E o outro derbi tamén finalizou con reparto de puntos. En Arliña, o Muxía nunca se atopou cómodo para facerse co triunfo ante un Cee moi ben plantado sobre o terreo de xogo e que foi capaz de manter o 0-0 inicial ata o final dos noventa minutos. Foi un choque moi disputado, aínda que con poucas ocasións de gol. Vendeu cara a súa derrota o Monte Louro en Vimianzo, ante o Baiñas, que se adiantou antes do descanso con dous tantos de Javi Souto para facerse cos tres puntos en xogo. Pese a iso, os pupilos de Oscar Leis trataron de conseguir polo menos recortar distancias, pero non atoparon o camiño do gol ante un Baiñas que soubo nadar e gardar a roupa. O terceiro empate da xornada abría a mesma en Muros, onde o San Lorenzo adiantábase no marcador cun bo comezo de encontro, pero na segunda metade a reacción local propiciou que os muradáns alcanzasen o empate, que premia o traballo desenvolto por uns e outros ao longo dos noventa minutos. Resultados idénticos nos choques do Concello de Ponteceso, onde o Corme derrotaba ao Buño por 3-1 e o Ponteceso facía o propio ante o Volantes de Baños. Os dous encontros tiveron un desenvolvemento moi parello, con mellor xogo local e efectividade dos seus atacantes en ambos choques, e recorte de resultado final por parte dun Buño e un Volantes que, pese aos resultados adversos, seguiron traballando en pos dun mellor resultado. E os mesmos guarismos déronse en Cee, onde o Sporting Zas superaba ao Ameixenda, e en Carnota, onde o Mazaricos desarbolaba ao Lira. Dous 0-5 inesperados ao principio dos choques, pero que ao final dos mesmos foron un indicador do sucedido ao longo dos noventa minutos, onde nin Ameixenda nin Lira foron capaces de contrarrestar o xogo e as ocasións de gol dos visitantes. Para a próxima xornada, o partido da xornada vivirase en Vimianzo, coa visita do Muxía ao Baiñas, e en Muros, con de o derbi local entre o Volantes e o Muros, esta vez en Segunda, tralos dous vividos a pasada campaña en Terceira. Mini derbi en Buño, onde os blanquiazules recibirán ao potente conxunto do Ponteceso con sensacións bastante diferentes nuns e outros. O Sporting Zas rende visita a un complicado Monte Louro, mentres que o Mazaricos recibe en Pino do Val a un tocado Ameixenda. Bo partido en Cee, onde os locais mediranse a un Corme que comeza forte. En Malpica, locais e Lira buscarán estrear o seu casillero de triunfos, do mesmo xeito que San Lorenzo e Cerqueda en Verdillo. Xornada, pois, para dar e tomar en todos os campos da Costa.

3ª Galicia

Cambio de líder en Terceira, por canto o Laxe perdía no seu terreo co Nantón e cedía a primeira praza aos vencedores. O partido foi moi intenso e disputado, cun Laxe que se adiantou no marcador e un Nantón que volteou o marcador e terminou sumando lor tres puntos en disputa cun 1-3 final. Sorpresa no Conchido, onde un Castrelo moi na liña do final da pasada campaña, foi capaz de superar a todo un Outes que as prometía moi felices co tempraneiro tanto de Santi, pero en dous minutos o Castrelo daba a volta ao marcador. Antes do descanso empataría o Outes, pero, aos quince minutos da reanudación, o Castrelo alcanzaría o tanto do triunfo, pese aos intentos do Outes de alcanzar mellor resultado. Bo triunfo do Castriz en Malpica, ante un Seaia que aguantou ata ben entrada a segunda metade o 0-0 inicial, pero un tanto de Martín e outro postrero de Sebas deron o triunfo final a un Castriz que suma o seu primeiro tirunfo da competición tralo empate da primeira xornada ante o Outes. Recompúxose da goleada sufrida en Coristanco o Corcubión, derrotando con máis claridade da esperada ao Camelle, por 4-1. Cun Iago Lema goleador, con tres tantos, os pupilos de Sergio sumaron o seu primeiro triunfo da campaña, mentres que o Camelle non puido facer nada para evitar a derrota. Gran partido na Ponte do Porto, onde o Porteño e o Coristanco asinaron táboas logo de noventa minutos moi intensos e disputados. Adiantouse por dúas veces o Coristanco, o 1-2 a falta de dez minutos, e con dez futbolistas o Porteño, pero os homes de Varela seguiron pugnando por conseguir un mellor resultado e obtiveron o seu premio no último minuto da contenda. Non houbo cor no enfrontamento entre Cabana e As Baleas, onde os locais foron moi superiores e colleitaron un 8-0 final que aínda puido ser moito máis amplo. Tras un 3-0 ao descanso, na segunda metade a vantaxe foise ampliando aos poucos ata chegarse ao guarismo final. Na próxima xornada, partido grande en Camariñas, onde os locais recibirán a visita do Outes. Derbi en Nantón, onde o líder defenderá a súa praza ante o Cabana, e gran partido en Coristanco, onde os verdes mediranse ao Laxe. Outro derbi vivirase en Camelle, coa visita dos seus veciños do Porteño, mentres que o Castrelo recibirá ao Seaia en Vimianzo e o Castriz será o anfitrión ante o Corcubión. Nesta xornada descansa o As Baleas.

Preferente

Puntuaron os dous representantes costeiros nesta ocasión en Preferente, aínda que o Xallas non saíu moi satisfeito co empate en Ribadeo, pois o once local xogou con dez homes desde o minuto 15, pero aínda así foi capaz de poñer o 2-1 no marcador a falta de 20 minutos e manter a súa vantaxe ata o minuto 88, onde empataría o conxunto de Néstor, que ata puido gañar xa no desconto cun lanzamento ao pau de Álex Blanco. Pola súa banda, o Sofán soubo controlar e derrotar ao Puebla no terreo deste, sufrindo o indecible malia que realizou un gran primeiro tempo, no que marcaría Alexandre e fallarían varias oportunidades para sentenciar o choque. Na segunda metade, o Puebla intentouno todo, pero o bo traballo de contención dos rojillos foi suficiente para sumar o triunfo. Na próxima xornada, derbi de proximidade en Sofán, onde os pupilos de Iván Cancela mediranse a un Dubra que marcha na quinta praza da táboa, mentres que o partido grande disputarase na Fontenla, coa chegada do potente e máximo candidato ao ascenso, Noia, que na pasada xornada cedía os seus primeiros dous puntos e o liderato ao empatar en casa co Boimorto.

1ª Galicia

Xornada non excesivamente boa para os intereses dos clubs da Costa, coas derrotas de Dumbría, Soneira e Esteirana; empate do Fisterra e únicamente o Baio sumou os tres puntos no Pratas Reinoso ante o potente Piloño. Os pupilos de Pablo Torreira, cun tanto de MC na segunda metade, romperon as táboas que se mantiñan no marcador desde o minuto 32, cando o Piloño empataba o tanto inicial de Álex Varela. Os blanquiazules foron superiores na primeira metade, especialmente, pero en cambio marcarían o gol da vitoria na segunda parte e aínda puideron alcanzar un triunfo máis amplo cun lanzamento ao pau de MC. Gran remontada do Fisterra en Ara Solís ante un Tordoia que se colocou con 0-2 ao seu favor aos 11 minutos de xogo, pero os verdes sacaron o seu xenio e bo facer para sumar, polo menos, o empate, e mereceron o triunfo na segunda metade, na que dominaron por completo e gozaron de varias ocasións de gol, sobre todo tralo 2-2 de Makaay de penalti e quedarse o Tordoia con 10 futbolistas. A falta de acerto ante o gol supúxolle á Esteirana unha derrota inmerecida no José Luís Vara ante o Chaián, a pesar do bo xogo desenvolvido polos home de Jeno, pero un tanto no inicio da segunda metade sentenciou a contenda de xeito inxusto polo bo facer dos azulgrana. Dous goles en cinco minutos, no tramo final da primeiro parte, sentenciaron a un Soneira que non mereceu tan dura derrota no seu desprazamento a Padrón, pero o Flavia, cunhas solvencia ofensiva grande, repúxose ao mellor inicio dos brancos e terminou sumando un claro triunfo por 3-0. Estalle custando moito ao Dumbría, con moita mocidade e inexperiencia nas súas filas, o arrincar neste inicio de tempada, e en Val do Ulla viu como os locais, na segunda metade e tralo 2-2 aos 57 minutos materializado por Yuyo, marcaban un minuto despois o 3-2 e sentenciaban a contenda a falta de oito minutos cun 4-2 que deixa aos pupilos de Julián como colistas e sen coñecer a vitoria. Na próxima xornada, o Baio recibe ao líder, Sigüeiro, no Pratas Reinoso, mentres que o Dumbría xogará no Conco co Bertamiráns (13º). Os demais conxuntos costeros xogan fóra de casa, desprazándose a Praiña (15º) a Esteirana; a Cordeiro (4º) o Fisterra e ao campo do Piloño (3º) desprazarase o Soneira.  
  • Manuel Corredoira, Entrenador UEFA PRO, Nacional Nivel 3 de Fútbol e Director Deportivo pola RFEF, formador da Escola Galega de Adestradores, actual coordinador das Escolas de Fútbol Base de Zas e Delegado da Federación Galega de Fútbol para a Costa.
A pipa de Corredoira

Todas as crónicas do Fútbol da Costa

&nbps;

Comentarios