Xoves. 28.03.2024
El tiempo

A Pipa: Vivas, moi vivas

A Pipa: Vivas, moi vivas
O Porteño ten moi preto a fase de ascenso, no partido ante o Muros-Foto-Manuel Caamaño O Porteño ten moi preto a fase de ascenso, no partido ante o Muros-Foto-Manuel Caamaño A locomotora da liga segue en plena ebullición, e mostrando que as competicións seguen estando vivas, moi vivas, en especial nas posicións onde hai moito en xogo, xa sexa un ascenso xa sexa eludir un descenso. Por arriba, nas loitas polo título ou polo ascenso, a 2ª da Costa vibra, co cambio de liderato, agora asumido pola Esteirana, e é onde a loita será pechada con tres candidatos moi claros e un cuarto que se deixou moitas posibilidades na Serra de Outes. En 3ª, resta coñecer unha praza de promoción, que se xogará nesta Semana Santa de Paixón. Os tres equipos implicados serán Porteño, Nantón, Laxe e Castriz, con vantaxe inicial para o Porteño, que de gañar no seu terreo estará no play-off final, que xa se aseguraron Camelle, Cabana e Ameixenda. Por abaixo, en Preferente loita o Dumbría para escapar da queima, aínda que cada vez se lle está poñendo máis complicado. En 1ª, paso diante de Fisterra e Baio, e retroceso do San Lorenzo. En 2ª, o Camariñas cae á última praza e cada vez complícaselle máis a permanencia; importante paso do Outes, que abandona ese "farolillo vermello", e segue na loita por manterse vivo ata o final.

2ª Galicia: Cambio de líder

A xornada en 2ª, como comentamos, trouxo consigo o cambio de líder, por canto a Esteirana, no encontro da xornada, superaba nun gran partido, ao Mazaricos, ata ese instante líder, e asaltaba a primeira praza da táboa. Choque espectacular, cun Mazaricos que se adiantaba no marcador, aos 15 minutos, e unha Esteirana que volteaba o partido e a Liga, cun tanto no último minuto da contenda, e que coloca aos azulgrana á fronte da táboa cando restan cinco partidos para a conclusión do campionato, cun punto de vantaxe sobre os amarelos e dous sobre os verdes do Baiñas. O Baíñas viu como o Monte Louro facía saltar a banca en Vimianzo e, cun gol aos cinco minutos de Geiko, deixaba aos locais sen alcanzar o liderato, que xa tocaban coa xema dos dedos, colocándose agora na terceira praza, a dous puntos da Esteirana. O choque foi moi intenso, cun Monte Louro ben plantado sobre o Municipal e un Baiñas que o intentou todo, pero que non soubo atopar o camiño do gol, pois o traballo defensivo dos visitantes foi impecable neste sentido. Quen se deixou case as súas opcións de optar ao título ou promoción foi o Corme, que na súa visita á Serra, viu como un Outes moi forte de saída, colocábase cunha vantaxe de dous goles na primeira media hora de xogo, e logo, pese a recortar distancias o Corme, soubo defenderse moitísimo orde e eficacia, ata sumar tres puntos vitais nas súas aspiracións de manter a categoría. Na loita por eludir o descenso, dous encontros chamaban poderosamente a atención. Por unha banda, en Malpica xogábanse moitas posibilidades de permanencia os pupilos de Repi e os de Tono, e ao final, o conxunto local era capaz de sacar adiante o compromiso con dous goles nun minuto, remontando o 1-2 que campeaba no marcador, tras remontar o Camariñas o tanto inicial local. Ao final, paso moi importante local e retroceso dun Camariñas que ve moi complicada o seu permanencia. O outro encontro disputábase en Buño, onde os pupilos de Dani Calvete souberon sacar adiante o compromiso ante un Coristanco que traballou denodadamente para sumar un mellor resultado, pero os dous goles iniciais dos branquiazuis, nunha serie espectacular de vitorias consecutivas, foron unha losa para os homes de Alberto Pensado, que xogaron toda a segunda metade con dez futbolistas, e aínda así venderon moi cara a súa derrota. Paso adiante do Sporting Zas, que case se asegura o seu permanencia un ano máis, trala irregularidade mostrada na tempada, coa súa vitoria, sufrida, ante un Cerqueda que se mantén afastado da zona de perigo. Foi un encontro moi intenso, onde os locais conseguiron o triunfo nos últimos minutos, tras empatar a contenda o Cerqueda no tramo final do choque. En Ponteceso, os locais, cun gol tempranero, conseguiron superar a un Cee que viña mantendo unha boa liña de xogo, pero que viu como os seus intentos de alcanzar, cando menos, o empate, quedáronse sen premio mercé ao bo traballo local, que soubo nadar e gardar a roupa e conseguir os tres puntos en xogo. Bonito choque o ofrecido por Lira e Muxía, cun tempo para cada equipo. Comezou forte o conxunto liracho, que marcou os seus dous tantos no prazo de dous minutos, e tratou de reaccionar na segunda metade o Muxía, máis dominador, pero sen efectividade á hora da finalización, concluíndo a contenda co triunfo local, que se afasta da zona de perigo. Esta Semana Santa dispútase a xornada suspendida polo temporal, e hai varios encontros que chaman a atención. Por unha banda, o líder, Esteirana, visita a un crecido Buño; o colíder, Mazaricos, rende desprazamento a un necesitado Malpica, mentres que o Baiñas xogará nuevamente no Municipal ante un Coristanco que, como o Malpica, trata de escapar da zona de descenso. O Corme, como o Baiñas, terá no Cairo un complicado compromiso ante o Cee, que tamén está inmerso na loita pola permanencia. Partido de vital importancia para o Camariñas en Carnota, ante un Lira que podería certificar o seu permanencia, mentres que o Outes quere seguir a súa pelexa por manter a categoría e mídese na Serra a un Cerqueda que quere certificar o seu sitio en 2ª Autonómica. Dous encontros parecen ter menos en xogo, polo menos en canto a transcendencia polo ascenso ou eludir o descenso. Disputaranos en Zas o Sporting e o Muxía, e en Ponteceso, o once local e o Monte Louro.

Preferente

Na máxima categoría Autonómica, o Dumbría mantén a súa incerteza de saber si logrará salvar ao categoría, e este fin de semana perdía no desprazamento a Val do Dubra, onde os pupilos de Chus Baleato superaban aos homes dirixidos por Nacho Barreiro cun 2-0 materializado na segunda metade, deixando aos dumbrieses a tres puntos de saír do descenso directo, aínda que os arrastres de Terceira poderían facer que fosen tres os conxuntos que perdesen a categoría, por canto, a día de hoxe, Laracha, Noia e Negreira recalarían en Preferente Norte. O Xallas segue a súa boa liña de resultados, empatando no seu desprazamento a Outeiro de Rei, ante un colista que, pese ao seu case seguro descenso, segue competindo e ben nestas xornadas. Os verdes adiantáronse no marcador, cun gran gol de Raúl Añón, para empatar os locais. Os xalleiros, xa matemáticamente salvados, mantéñense na 7ª praza, a cinco puntos da zona de promoción de ascenso. Gran paso adiante do Sofán de Iván Cancela en Lugo, ante a Residencia, conxunto inmerso na zona de arrastres. Os rojillos, que comezaron perdendo, voltearon o encontro con dous tantos que lle colocan dez puntos por encima dos posibles arrastres de descenso, e case certifican o seu permanencia, un ano máis, na Preferente de xeito moi merecido e xusta. Este fin de semana non terán competición ningún deles, por canto na xornada suspendida polo temporal xa xogaron, así que gozarán dun máis que merecido descanso.

1ª Galicia

En 1ª, saltou a banca o Baio en Piloño, goleando ao líder da táboa, cun novo hat-trick de MC, o que coloca aos blanquiazules fóra da zona de descenso por arrastres, aínda que o Tordoia, ao que supera en catro puntos, teña un encontro menos. Os pupilos de Diego Díaz realizaron un gran encontro, superando de principio a fin ao Piloño, que pode ceder a súa privilexiada posición na xornada suspendida que se xoga este fin de semana. Importante e case definitivo paso adiante o dado polo Fisterra tralo seu triunfo, sufrido e moi traballado, sobre o Bertamirans en Ara Solís. Os pupilos de Noé souberon contrarrestar a vantaxe adquirida por dúas veces polos visitantes e sumaron uns puntos de vital importancia para asegurarse a súa permanencia un ano máis en Primeira. Non o fixo así o San Lorenzo, que viu como o Chaián, outro dos conxuntos que buscan manter a categoría, derrotáballe en Verdillo por 0-2, cun gol no último minuto que pechaba toda posibilidade aos pupilos de Pablo Mallón, que agora teñen ao Tordoia a dous puntos, pero cun choque máis disputado polos de Verdillo. O Soneira non puido pasar do empate en casa ante un Flavia que sumou un punto en Vimianzo, pese ao mellor xogo dos locais e que se fixeron acreedores ao triunfo, marrando ata no lanzamento dun penalti que puido significar o triunfo para os brancos, que se manteñen na sétima praza da clasificación, xa sen case opcións de chegar á promoción de ascenso. Como en Preferente, os catro equipos de Primeira descansan nesta minixornada deste fin de semana.

3ª Galicia

En 3ª, só resta por coñecerse un conxunto para o play-off de ascenso, por canto o título e o ascenso xa están decididos. Por unha banda, o Volantes, que derrotaba nunha gran segunda metade ao Laxe por 3-0, lograba o seu primeiro título de campión de Liga e ratificaba a súa gran tempada da man dese mestre que é Sil, cun novo ascenso na súa conta de éxitos, deixando aos laxenses fóra dos postos de play-off e complicando moito a súa presenza no mesmo. O Muros, con todo resolto e xa ascendido, perdía en Ponte do Porto cun Porteño que agora mesmo é o que ten case todas as papeletas de estar nese play-off de ascenso, pois ocupa a sexta praza, con vantaxe sobre o Nantón, Laxe e Castriz. Os locais, que gañaban por 2-0, vían como o Muros lograba empatar o encontro, e nos cinco últimos minutos lograba os dous tantos que lle colocan na privilexiada posición. Asegurou a súa presenza nesa loita polo ascenso o Ameixenda, que derrotaba, nun gran primeiro tempo, ao Castriz por 4-0, chegando ao descanso cun 3-0 que deixaba a contenda prácticamente sentenciada. Tres goles de Cristian e un de Álex outorgaron os tres puntos en disputa a un Ameixenda que na última xornada poderá ir preparando esa fase final. O Nantón mantense na loita por estar nesa fase de ascenso vencendo, con grandes apuros, ao Camelle por 1-0. Un gol na primeira media hora de xogo foi suficiente para que os locais manteñan viva a chama da esperanza de face ao encontro deste Domingo de Resurrección. O Cabana viu como o Seaia, con todo resolto ambos, empataba nas Redondas a cero tantos, nun partido sen moita historia, con ocasións moi claras para os locais na primeira metade e pouco xogo e nulas oportunidades na segunda. Nun partido sen nada en xogo, o Castrelo, que realizou un gran final de tempada, sumaba un novo triunfo, nesta oportunidade na súa visita a Corcubión, vencendo por 2-3, e iso que os locais adiantáronse no primeiro minuto de xogo, pero os visitantes deron a volta ao marcador e colocaron un 1-3 ao seu favor que ao cabo resultaría definitivo para que os visitantes sumasen os tres puntos en xogo. Na xornada deste fin de semana, a aprazada polo temporal, o Xoves pecharán o campionato o Castrelo e o Muros en Vimianzo, como aperitivo á mesma, xogándose o resto de choques o domingo, día 1, ás cinco da tarde. A emoción estará na Ponte do Porto, onde o Porteño medirase ao Camelle, e moi pendentes do resultado deste encontro estarán en Nantón, onde os locais reiben ao Laxe, e en Cabana, onde xogará o Castriz. Un triunfo deixaría ao Porteño na fase final, pero si o Camelle puntúa, Nantón, Laxe ou Castriz poderían arrebatarlle esa praza. Os resultados entre eles, por si producísese empate na clasificación, foron os seguintes : Laxe - Castriz 1-1 / Castriz - Laxe 3-1 Nantón - Porteño 4-2 / Porteño - Nantón 6-2 Laxe - Porteño 2-0 / Porteño - Laxe 2-1 Porteño - Castriz 3-5 / Castriz - Porteño 1-0 Laxe - Nantón 1-1 / Nantón - Laxe (xógase o domingo) Nantón - Castriz 2-3 / Castriz - Nantón 1-1  
  • Manuel Corredoira, Entrenador UEFA PRO, Nacional Nivel 3 de Fútbol e Director Deportivo pola RFEF, formador da Escola Galega de Adestradores, actual coordinador das Escolas de Fútbol Base de Zas e Delegado da Federación Galega de Fútbol para a Costa.
A pipa de Corredoira

Novas relacionadas

A Pipa 17/18

Fonte

Comentarios