Sábado. 20.04.2024
El tiempo

E seguimos de Costa a Costa coas designacións arbitrais

E seguimos de Costa a Costa coas designacións arbitrais
Arbitros de Boiro no derbi-Foto-Fisterra copia Árbitros da delegación de Santiago no derbi da semana pasada entre Esteirana e Baio-Foto-Santi Soneira

Semella que “os astros” se conxuran para que o colectivo arbitral da Costa prolongue as súas “vacacións” en terras das Rías Baixas, e por segunda semana consecutiva haberá unha boa representación costeira na Preferente Sur, en campos pegados á volta do mar.

Debido aos horarios tan estraños provocados sen dúbida polo “clásico” do domingo, será desta volta na xornada de sábado cando dous tríos arbitrais costeiros viaxen ao sur para dirimir sendos derbis de veciñanza.

Ás 17.00 horas, no Monte da Vila (O Grove), o trío arbitral dirixido por Pablo Rama e completado por Adrián Pérez e Iván Ferreiro poñerá orde no partido que enfronta a O Grove e Cultural Areas. Duelo por todo o baixo da clasificación, o que perda quedará condenado en posto de descenso directo.

E ás 18.00 horas, no campo de Baltar (Portonovo), Marcos Ordóñez dirixirá o Vilalonga-Cambados, partido no que os visitantes aspiran a recuperar o liderado cedido a pasada xornada. Completarán o trío arbitral Alberto Baña e David Cancela.

Un domingo de Primeira

O domingo á tarde, pola contra, os árbitros costeiros terán presenza no grupo I da Primeira Galicia, o grupo que acolle aos equipos da Coruña e Ferrol. Dous partidos de máxima intensidade contarán con trío arbitral costeiro.

Ás 16.15, na Grela 1, David Castreje dirixirá o Ciudad-Cambre, dous equipos con traxectorias opostas nesta temporada, os locais comodamente instalados na parte nobre da clasificación, en tanto os visitantes se encontran antepenúltimos. Estará auxiliado por David Cancela e Rai Reborido.

E en horario “Champions”, 19.00 horas, en Vilaboa, un clásico da Primeira, Olímpico-Betanzos, dous claros aspirantes ao ascenso, aínda que os visitantes comezaron de forma irregular. O trío arbitral estará composto por David Vázquez, José Ageitos e Iván Ferreiro.

Partidos para todos os gustos na Liga da Costa

Competindo co Barsa-Madrid, en horario e intensidade, disputarase no Cairo o derbi pontecesán (Corme-Ponteceso), con arbitraxe de Adrián Pérez e co liderado en xogo, sempre mirando de reollo ao que faga o Mazaricos á mesma hora na súa visita ao San Lorenzo (Pablo Rama).

O partido das urxencias, que xa comezan a ser vitais, disputarase en San Paio de Refoxos, a partir das 19 horas, entre Cee e Lira (Alberto Baña). Na Terceira da Costa, o partido máis interesante semella o que se disputará tamén ás 19 horas no municipal de Vimianzo entre dous aspirantes ao ascenso, Castrelo e Cabana (Iván Vilanova).

E moito fútbol base, coma sempre

En categoría xuvenil, o Fisterra ten xornada de descanso, polo que de conseguir a súa sexta vitoria consecutiva, o Corme situaríase líder en solitario. Non o terá sinxelo pois toca render visita ao Cairo a outro dos aspirantes, San Lorenzo. Será o sábado, a partir das 17 horas, con arbitraxe de Manuel Espasandín.

A competición cadete é a que máis aberta está de todo o fútbol base costeiro. A perda da imbatibilidade do Seaia a pasada xornada no Carral deixa atalora a cinco equipos igualados con nove puntos (Cee, Os Miúdos, Sofán, Concello de Zas e Seaia). Non hai duelos directos entre eles, polo que toca ver se conseguen manter a regularidade ou se consolidan como grupo de cabeza.

Un escenario semellante atopamos na categoría infantil, aínda que o Dumbría si mantén a imbatibilidade e acumula dous puntos de vantaxe sobre Os Miúdos, Cee e Corme.

Derbi cadete por todo o alto

Un orgullo para o fútbol base costeiro será o partido que se vivirá o domingo a partir das 12 horas no Conco. Dumbría e Bergantiños B disputan un encontro por todo o alto da Liga Galega Cadete. O Dumbría contaba os seus partidos por vitorias, até a pasada xornada que caeu en Viveiro, entregando o liderado. O Bergantiños B arrincou con catro vitorias, mais agora acumula tres xornadas sen gañar e precisa recuperar sensacións para engancharse á parte alta da táboa.

Este fermoso partido estará dirixido por un trío arbitral plenamente malpicán, encabezado por Marcos Ordóñez e completado por Fabián Rey e Breogán Rey. Que sexa unha festa do fútbol costeiro!

As mañás do domingo son do fútbol veterano

A pesar de que esta é unha xornada atípica e na matinal do domingo haberá partidos de Terceira (en Camariñas) e en categoría cadete, o protagonismo nesa franxa corresponde ao fútbol veterano.

Na División de Honra, o San Lorenzo, líder intratable (seis de seis) defenderá o seu trono ante un rival directo, o Soneira, e na súa casa. O municipal de Vimianzo acollerá a partir das 10.00 horas, con arbitraxe de David Vázquez, o encontro que pode provocar o cambio de liderado... ou non.

Na Primeira, pase o que pase, o Xornes seguirá líder, pois acumula xa catro puntos de vantaxe sobre os seus perseguidores. Rende visita ao Corme (11.00 horas, Iván Ferreiro), quen intentará recurtar os cinco puntos que, no seu caso, os separan.

----

Como cada semana, todas as designacións arbitrais da RFGF, categoría a categoría, en www.futgal.es.

Ademais tendes todos os horarios actualizados en www.futboldacosta.com.    

Comentarios