Venres. 19.04.2024
El tiempo

'Gracias, vieja'

'Gracias, vieja'
Coma diría un canchera arxentino, ou como lle gustaba referirse a Di Stéfano, a bola e Mara parecen ser os mellores amigos sobre un terreo de xogo; o centrocampista do Ponteceso é un deses futbolistas en perigo de extinción Mara, durante a súa etapa no Malpica - Foto: Campos Gallegos A para moitos mal chamada evolución do fútbol moderno ten devorado moitas figuras xa máis propias das retransmisións en branco e negro que das ataduras tácticas do HD. O extremo, o gambeteador, mesmo o líbero ou o dianteiro centro soan hoxe máis a narración de Matías Prats (avó) que a partido de rojadirecta. Se un fai de Indiana Jones do balompé antigo, ou clásico máis ben, botando un ollo pola Liga da Costa tamén atopa exemplares desas especies en perigo de extinción. Unha está no Pinguel e ten só 22 anos. Martín Souto Lema (Malpica, 1994) é deses centrocampistas capaces de suscitar unha velocidade diferente per se. Recibe, controla, ergue a cabeza e mima a bola sen facer como moitos daqueles homes dos que Toshack dicía lle provocaban dor de cabeza cada vez que golpeaban. Evidentemente, a peaxe moitas veces a pagan as pernas que sortean acometidas de rivais que parecen ir a outro rollo. "As patadas que levo? faime gracia a pregunta", di. "Son un futbolista ao que lle gusta moito ter a pelota, e que se sinte cómodo con ela; sobre todo con confianza, está claro que se che gusta tela levas máis golpes que alguén que a toque de primeiras sempre; eu desfruto xogando, e cando desfruto as cousas saen", engade. E vaia se saen. O mellor Ponteceso do que vai de curso venceu o pasado domingo con dous goles de Martín, ou como todo o mundo lle coñece, Maradona. E non lle pesa o mote nin a responsabilidade. Nin siquera ao voltar a casa. Os da Vila de Pondal arrasaron (0-3) na Pedra Queimada de Malpica, onde o homólogo costeiro do Pelusa deu os seus primeiros pasos. No pobo no que a aquel rapaz que sempre pedía e mimaba a bola tiña que levar un mote. Dos recreos da escola saíu o de Maradona. "Nunca me molestou", confesa. Pois o Maradona da casa chegou feito un líder rival, capitaneando un equipo ao que non lle ve tope. "Sinceramente, vexo a este Ponteceso con opcións de facer grandes cousas, tanto este ano coma no futuro", advirte. "A canteira é boa e o plantel que temos actualmente é incrible e moi novo, non só falando de calidade futbolística, que claro que é importante, pero tamén humana, que se cabe é aínda máis importante; estamos a apretar o acelerador ao máximo e esperamos non levantar o pe", prosigue coma aviso a navegantes. E o di un home ao que precisamente tamén lle custou acadar esa condición de líder e convencer ao seu míster de que rendemento e encantamento poden ir da man dun xeito efectivo. "Se algo leva a este equipo a estar aí arriba é a gran competitividade entre os xogadores, sempre sana claro, o que leva a todos a dar o máximo, pódese dicir que ninguén é indiscutible neste equipo; despois de dúas lesións difíciles este ano trato de coller a forma para aportar todo o que sei que podo para o ben do equipo", explica. Pode que precisamente o éxito do Ponteceso pase tamén polo equilibrio entre o rigor táctico e o traballo milimétrico polo que sempre apostou o exporteiro e adestrador Jose Barca, e esa porcentaxe de improvisación e inventiva que lle aportan homes coma Alberto Recarey, Dieguito ou o propio Mara. Pero, como leva un futbolista dese estilo a aprendizaxe e madurez ao longo da súa carreira?: "Sobre todo cando estás a aprender si que es carne de broncas polo estilo de xogo; son consciente de que aínda teño que mellorar moitas cousas, e sen algunha que outra bronca non progresas coma futbolistas; débolle moito aos adestradores que tiven ata agora". A última vez que Mara fóra líder o Malpica acadou a Liga da Costa… Xuvenil. Agora, pode ser a primeira vez que probe o éxito lonxe da casa, onde ten dado precisamente a súa última exhibición. Sobre a situación do fútbol na súa vila e o futuro a curto prazo prefire falar desde o cariño e o agradecemento, sobre todo á hora de referirse ao panorama para un futbolista malpicán calquera. "ueno, creo que esta pregunta deberia ser mais ben para a directiva do Malpica, sempre defendin o meu pobo", explica. "Pero cando ves que as cousas non son como queres que sean e non estas a gusto é mellor marchar sen malos rollos; teño grandes amigos alí, ningun problema. O Ponteceso sempre o sentín como a miña segunda casa e sempre se interesaron moito en min, e iso fixo que non me pensara en dar o paso", matiza. O vindeiro domingo chega ao Pinguel o segundo clasificado, o Club Deportivo Baio. Para moitos será 'o partido decisivo' ou 'a gran oportunidade'. Para a xente coma Martín simplemente serán noventa minutos máis para pasalo ben, para mimar 'a la vieja', coma lle chaman os cancheros á bola. Simplemente, é fútbol. E que duro é as veces facer sinxelo o compricado.

Comentarios