Xoves. 28.03.2024
El tiempo

Lariño prepárase para II BTT Solidaria e Carballo para a BTT Monteneme 12+1

Lariño prepárase para II BTT Solidaria e Carballo para a BTT Monteneme 12+1
BTT-Solidaria-de-Larino-Carnota-2015   É tempo de sacar a bici de montaña. Mentres as bicis están invandindo Santa Comba, e coa data fixada para a BTT de Zas, preparámonos para a II BTT Solidaria de Lariño e para a BTT da xente do Club Ciclista Monteneme. A cita será o sábado 3 de outubro con saída ás 9:30h dende Lariño. O tramo curto será de 25 km e o tramo longo de 43 km. A inscrición será a cambio dun donativo de 1 kg de alimentos non perecedoiros e xa poden reservar praza en www.galitiming.com.

Cita co Monteneme

Un ano máis o Club Ciclista Monteneme – Calvo organiza a súa marcha, de tipo cicloturista non competitiva, unha das marchas máis tradicionais do calendario ciclista de BTT de toda a zona. Desta vez toca a número 12+1. A proba celebrarase o vindeiro domingo día 4 de outubro e a saída será da Praza do Concello de Carballo ás 9 da mañá. BTT Monteneme Carballo 2015 Haberá dous percorridos, un longo de uns 50 quilómetros e outro máis curto duns 30, asequible e atractivo para todo tipo de participantes que discorrerá principalmente polo Concello de Carballo, pero tamén pasará máis brevemente polos de Coristanco, Ponteceso e Malpica. A saída oficial será desde a Praza do Concello de Carballo, desde onde se circulará cara a Sísamo, onde pasarán ao carón do Pazo do Souto para, desde alí, baixar ao cauce do río Anllóns que haberá que percorrer ata chegar a Verdes. Neste lugar deixaremos o río para subir Vilaverde, en Cereo, e cruzaremos de Coristanco a Ponteceso polo antigo Camiño Real que atravesa por A Pontedona, e adentrarnos en Xornes para continuar subindo ata Cances onde se fará o corte das rutas longa e curta. Alí os máis ousados poderán continuar ata Oza para, como non podía ser doutra maneira na nosa marcha, facer a subida a Monteneme ata a Eira das Meigas. Desde este punto comezará xa unha bonita e longa baixada duns 6 quilómetros que nos deixará a nivel do mar na praia de Razo. En Razo, pedalearase un anaco a carón do areal e comezarase a volta a Carballo facendo unha pequena, aínda que dura subida que nos conducirá por Oza ata preto do Polígono Industrial de Bértoa. Haberá que bordealo para ir adentrándose xa en Carballo e rematar a ruta nas instalacións da Fábrica de Calvo onde se dispoñerá de duchas e mangueira para lavar as bicicletas e, para os que queiran, haberá unha churrascada esperándoos.
  • Máis info en: Evento no Facebook da 12+1 BTT do Monteneme.

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios