Venres. 29.03.2024
El tiempo

Luís Porto: Carta aberta a un árbitro

Luís Porto: Carta aberta a un árbitro

Pechaba o seu mítico blog sobre o Malpica o bo de Luís Porto a final da pasada campaña tras 46 anos recollendo a senlleira historia do club. Pero a súa pluma segue ben activa, e se a semana pasada quixo render homenaxe a Tino Chouciño dende estas liñas, esta semana, despois de ir ver un novo partido do seu equipo en Pedra Queimada (o choque contra o Baio da Liga da Costa), quixo enviarlle esta carta ao colexiado do mesmo. E o dito, é unha carta persoal que manda Luís Porto, e QPC está aberto a todos os que queiran expresar a súa opinión a través do noso diario.

Luís Porto: Carta aberta a un árbitro

Capis e arbitro do Malpica-Baio-Foto-Santi Soneira Bruno Méndez foi o colexiado do Malpica-Baio da pasada fin de semana- Foto-Santi Soneira

D. Bruno Méndez Castro, é na actualidade colexiado de 3ª División adscrito ao Comité Técnico do Colexio Galego de Árbitros, cuxa sede se atopa na cidade da Coruña.
A carreira do Sr. Bruno Méndez, (como así é coñecido no argot futbolístico da arbitraxe) foi fulgurante, destacando dende os seus inicios no fútbol base, ata integrarse na categoría de 3ª División cunha labor impecable no seu percorrido nun curto período de anos, (non estivo mais dunha ou dúas tempadas en cada categoría) foi ascendendo meteoricamente polas súas extraordinarias actuacións e polo seu bo curriculum. Segundo datos dos que dispón este historiador, o CTGA, ten in mente propoñelo ao ascenso á 2ª División “B”.

Todo un éxito na carreira da arbitraxe deste rapaz con raíces bergantiñáns, (concretamente en Corme) do cal me congratulo moito dos seus éxitos.

Coñecín ao Sr. Bruno Méndez, hai aproximadamente uns 12 anos en Castriz, con motivo dun partido que lle corespondía arbitrar a outro colexiado, pero, por motivos dun accidente de tráfico o designado non se presentou, polo que houbo que chamar urxentemente ao Colexio, e este, mandouno a el. A súa actuación foi excelente. Charlamos ao final do partido, démonos a coñecer, e quedei bastante impresionado pola súa cordialidade e o seu don de xentes, pareceume un rapaz moi aberto cun futuro prometedor, en fin o que solemos dicir dunha persoa así, moi seguro de si mesmo que sabe o que quere.

Aproximadamente, un ano ou dous mais tarde, volvín atoparme con el en Carnota, nun partido de “Copa” que, desta vez fora el o designado actuando con asistentes. O partido resultoulle algo complicado, ou así o entenderon algúns dos futbolistas, adestrador e directivos carnotáns, os cales, con malos modos e algunha que outra solta de brazos e pernas que lograron impactar nos colexiados dende o terreo de xogo ata os vestiarios onde lograron meterse tras sortear algúns apupos.

Dada a nosa relación anterior en Castriz, comuniqueille a intención de prestarlle toda axuda que necesitara para saír daquel pequeno entorto, cousa que rexeitou, aínda que sin sabelo el, quédeme por alí un tempo prudencial ata que os ánimos estiveron calmados.

Sinceramente, dende a primeira vez en Castriz, gardeille un grande afecto, e, aínda que logo do de Carnota pouco coincidimos nos campos de fútbol, si o fixemos algunha vez pola rúa en A Coruña ou en Corme. Anonimamente polo afecto que sentía por el, seguinlle sempre os pasos da súa carreira arbitral, mediante os xornais, a Radio Galega e as páxinas web que dispón a FGF e CTGA, e síntome súper contento que chegara a onde se atopa na arbitraxe, e penso que se non se malogra con actuacións que xa están espertando algunha que outra queixa poderá chegar mais alto. A verdade é, que non é fácil hoxe en día chegar ao cumio da arbitraxe, pois as probas aos que os someten: tanto técnicas, físicas como teóricas para os ascensos son tremendamente complicadas, incluso hai que saber idiomas.

Pero !ollo! Sr. Bruno Méndez, que a veces as subidas meteóricas en calquera profesión acaban pasándonos factura, e, o que ao inicio da súa carreira era sensatez, cordialidade, diálogo, bondade e xustiza, pode terminar sendo insensatez, malos modos, inxustizas e sobre todo rancor e vinganza.

E a estas dúas últimas palabras quero referirme nesta carta aberta que lle escribo publicamente, (rancor e vinganza) non quero ser mal pensado con vostede polo afecto que lle gardo, como lle dixen ao principio desta misiva, pero a súa designación para un partido de Segunda Galicia en domingo, (Malpica-Baio) sendo ademais preto da súa 2ª residencia habitual en festas, (cando esta totalmente prohibido no estamento arbitral) sendo árbitro de 3ª División, sóame algo ás dúas palabras antes sinaladas. Lémbrase á penúltima vez que nos vimos (a última foi o domingo) e que comentamos algo sobre un compañeiro seu do cal me dixo que estaba totalmente de acordo con el?. Estaría esperando pacientemente a súa ocasión para a efectuar as palabras enriba indicadas?. Solicitaríalle vostede ao designador do colexio (ao cal ven coñezo) que o mandara a este partido?

Son preguntas que só as sabe contestar vostede e que é moi posible que algún día se saiban, pero queira Deus que sexa, cando vostede se atope en Primeira División, iso me congratularía moito, por que a pesar da pésima actuación de vostede o pasado domingo perseguindo só a un equipo, continúo téndolle un grande afecto.

Pero recorde sempre esta frase canto mais alto se esté, “MAIS DURA SERÁ A CAÍDA”.

Ah!, saiba que deixei o fútbol ao final da tempada 2015/16, e que agora só asisto algún partido esporadicamente, o do domingo pasado foi dos PARTIDOS esporádicos.

 

* Esta é unha carta a iniciativa propia e meramente persoal sin pretender ofender, só é un caso de conciencia, así que por favor, non mesture a ningunha entidade deportiva no contido.

  • Luís E. Porto Varela, xubilado, exfuncionario do ISM e da Intervención Xeral da S. Social. Historiador da SCD Malpica.
 

Novas relacionadas

Fonte

  • Redacción de QPC

Comentarios