Xoves. 28.03.2024
El tiempo

Mario, Martín e Ramón: foise parte da historia do CD Baio

Mario, Martín e Ramón: foise parte da historia do CD Baio
O pasado domingo o CD Baio tributou unha merecidísima homenaxe a tres dos seus estandartes durante innumerable anos: Mario, Ramón e Martín recibiron o aplauso do Platas Reinoso, ese campo onde deixaron os seus mellores anos e onde colleitaron moitas alegrías, algunha decepción, e un montón de leccións de fútbol. A historia recente do Baio vai unida ó nome destes tres xogadores, que nas malas épocas tiraron do carro, e foron quen de ser espello e exemplo para toda unha xeración de futbolistas que agora toman o relevo. Os Bieito, MC, Norberto, Rubio, Yago Couto e cia teñen ben onde mirarse cando lles aparezan dúbidas de como actuar. Lendas doutros tempos arrouparon ós tres mosqueteiros. FOTO - SANTI SONEIRA MARIO ROMERO, nacido no ano 83, botou unha vida enteira vestido de branco e azul. Centrocampista nos seus inicios, acabou xogando ben acomodado no centro da defensa, aproveitando a súa rapidez e sabiduría para ser un dos defensas máis solventes da costa. RAMÓN GÓMEZ, nacido no 82, foi parella de baile de Mario en innumerables tardes na liña defensiva, co seu bo facer e sempre á disposición do equipo. É un clásico home de club, deses que xa escasean. MARTÍN PÉREZ é do 78, algo maior que os outros dous. Que podemos decir de Martín, un dos mellores xogadores da historia do fútbol costeiro, todo un referente coa súa clase e calidade. Cando levantaba a cabeza as defensas rivais temblaban porque non sabías a onde ía ir o balón, sempre con precisión milimétrica. Moitos dianteiros viviron da súa visión de xogo, e moitos porteiros temeron os seus mortíferos disparos. Tantos e tantos recordos acumulados, que pasan ó baúl da historia. "O mellor recordo e difícil de elixir, hai moitos e moi bos. O ascenso do 2014 a 1ª Rexional na promoción foi o que máis disfrutei, e sen dúbida foi o máis celebrado. Pero o recordo co que me quedo é poder compartir vestuario con amigos do meu pobo durante tantos anos" dinos Mario. Ramón coincide que ese ascenso "foi especial, pero tamén gardo un gran recordo do meu paso polos equipos de categorías inferiores" Aínda que Mario nos di que nunca tivo ofertas para saír de Baio, non creo que poida decir o mesmo Martín, xogador cotizado onde os haxa, que no seu momento sonou para grandes equipos como o Bergantiños, pero decidiu dar o seu fútbol totalmente ó Baio, excepto nunha cesión a Nantón nos tempos que todavía estaba por pulir o talento que gardaban esas botas. Ramón, pola súa parte, dinos que "sempre hai clubs que te chaman, pero ofertas serias serias houbo poucas" Agora é o que lles queda, acodarse na cantina e laretar sobre as novas xeracións. FOTO SANTI SONEIRA Sobre os seus compañeiros, coménta Mario que "Ramón xa era amigo antes de empezar no Baio, e despois xa empezamos xuntos o deporte escolar, e xuntos ata a xubilación. Foi un exemplo en esforzo para poder axudar ó club. Acórdome que con 10 anos íamos andando solos ó Balsiño, sin apenas luz, hoxe iso é impensable para as novas xeracións., que apenas se esforzan. Martín primeiro foi o noso referente, víamolo xogar cos xuvenis e alucinábamos, creo que un ano marcou 56 goles nunha liga de 14 equipos. Era unha máquina. Cando tiven oportunidade de adestrar con el xa veías que marcaba a diferencia. Durante aqueles anos estaba a un nivel impresionante. Para min é o mellor xogador da historia do Baio, un gran capitán e un gran amigo. É moi difícil que un xogador de tanto talento lle dedique toda a vida ó seu club, renunciando a xogar a maio nivel, pero vaise co respeto de toda a familia do Baio"  Ramón dinos que "ambos son moi grandes en todos os sensos, dentro e fora do campo. Son ben coñecidos en todos lados e será por algo" Sobre a diferencia entre os seus tempos e se poden saír xogadores coma eles no fútbol actual, "penso que hoxe en dia os rapaces teñen moitas máis actividades e preferencias, e tamén o numero de nenos nos pobos baixou moito. Cando nos empezamos só tiñamos o balón e unha bicicleta. Íamos po colexio e había veces que eramos máis de 20 rapaces xogando nunha pista de fútbol sala. Hoxe non ves un. O Baio ten sorte de ter a xeración de MC, Norberto, Rubio, Yago, que seguro aguantarán deste equipo moitos anos, pero é difícil que saia outra así", dinos Mario, mostrándose como un bo coñecedor das problemáticas que acucian ó fútbol costeiro. Xa non estarán dentro dos campos, pero debemos seguir escoitandoos porque hai sabiduría e coñecemento nas súas palabras. Sirvan estas liñas para renderlles unha merecida homenaxe dende QPC.

Comentarios