Mércores. 24.04.2024
El tiempo

O Bm. Camariñas melloran a imaxe e o Calvo mira cara arriba

O Bm. Camariñas melloran a imaxe e o Calvo mira cara arriba

Bonito partido o que se vió en Camariñas esta fin de semana. Gañou o 6 do Nadal Vigués, pero o Boya tivo opcións de gañar ata os últimos minutos, que cun xogador menos por exclusión de Xabi, xogou en desvantaxe nos últimos lances do partido. Os camariñáns seguen penúltimos con 8 puntos.

Pola súa banda, xogaba o Calvo Xiria na casa ante o Bm. Lalín, equipo que o precedía na táboa clasificatoria. O resultado final de 29 a 21 outorgaba dous puntos aos carballeses e lle permite subir un posto para colocarse na sexta posición da liga de 1ª Estatal masculina cando faltan sete xornadas para rematar a liga regular.

Bm. Camariñas - Magope Seis do Nadal (25-28)

  • BM. CAMARIÑAS: Cristian (p), Víctor (p), Fari, Fabián (3), Felipe (1), Pombo, Quin (3), Borja (4), Moncho (2), Salva (1), Catalán (5), José Ramón, Xabi (6), Perón.

No inicio do partido foron determinantes 5 balóns ao poste consecutivos do Camariñas, que propiciaron que os visitantes fósense no marcador, pero aos poucos os discípulos de Xota fóronse metendo en partir pese á alta porcentaxe de balóns perdidos.

Xa no segundo tempo, púxose por diante de dous goles, pero a mala sorte e a experiencia viguesa fixeron que a balanza decantásese polos visitantes. Partido moi disputado, que esperemos sirva para manter a moral e as gañas de manterse aos da vila dos encaixes na Liga Nacional.

Calvo Xiria - Embutidos Bm. Lalín (29-21)

  • CALVO XIRIA (15+14): Iago[p], Ramón, Alex García, Alex Zas (3), Sergio (4), Miguel (3), Manuel (4) -equipo inicial- Naya[p], Pablo (4, 1 de 7 metros), Dubra (4), Brais (2), Angel, Christophe (1), Cuco (4).

Comenzou o encontro cuns minutos de tanteo entre dous conxuntos que se xogaban moito no envite deste sábado, o control entre os xogadores era intenso, mais sen dureza, e non se permitían aos ataques a fluidez necesaria para atopar posicións cómodas para lanzar. Pero o partido endureceuse aos dez minutos xa que os xogadores dun e outro equipo déronse conta da nulidade que estaban amosando os seus ataques e que a defensa tornábase vital para evitar que o rival marchase no marcador. Había que engadir a iso que os dous porteiros botaban por terra as poucas ocasións claras de gol.

Con este panorama semellaba que o conxunto que collese a senda correcta no contraataque tería opcións de sacar vantaxe sobre o rival. E así foi coma o Calvo Xiria empezou a romper o partido. Tres goles consecutivos dábanlle distancia sobre o Embutidos que seguía sen atopar o camiño do gol. Ainda así, o partido non baixou en dureza e a consecuencia foi o cartón vermello directo amosado a Ramón por parte local e a Roberto Álvarez polo conxunto visitante. De seguro os colexiados buscaban retomar o mando dun partido que perderan minutos antes.

Ao final do primeiro acto o Calvo acadaba unha renda de cinco goles que lle facían afrontar con moita máis calma o segundo tempo. Trinta minutos nos que manexou con tino o balón e no que non cedeu en defensa nin en portería, para pouco a pouco ampliar a vantaxe ata levala aos oito goles co que cerrou o partido.

Foron de novo os carballeses un equipo que moveu, a partir do minuto vinte, con facilidade e intelixencia o balón, conseguindo que se marcasen goles dende todos os postos, sen descoidar en momento algún a súa retaguardia. So se lle pode poñer un pero ao partido desta xornada, os lanzamentos errados dende cómodas posicións. Mais semella que o conxunto recupera pouco a pouco a alegría no seu xogo, algo que será vital na visita que rendirá ao Paraxe en Chapela o vindeiro sábado.

Vindeira cita

  • S.A.R. PLASTIC OMNIUM - BM. CAMARIÑAS CONSERVAS BOYA: sábado 25/02/2012 ás 18:30h no P. MPAL. DEPORTES DE REDONDELA.
  • PARAXE CONSTRUCCIONES - CALVO XIRIA: sábado 25/02/2012 ás 18:30h no P. MPAL. DE CHAPELA.

Máis información

Crónicas 2011/2012

Novas relacionadas

Fonte

  • Redacción de QPC ([email protected]).
  • Notas de prensa do Balonmán Camariñas e do Calvo Xiria.

Comentarios