Venres. 29.03.2024
El tiempo

O home dos derbis

O home dos derbis
Pablo Rama O home dos Derbis Pablo Rama, o home dos derbis

Esta ponte festiva será de poucos quilómetros para os árbitros da Subdelegación da Costa, xa que ningún dos colexiados de Terceira División, Preferente Galicia e Primeira Galicia terán encontros da súa categoría, polo que todos eles quedarán a dirixir nesta fin de semana festeira encontros nas ligas da Costa.

Pablo Rama, colexiado de Preferente Galicia, converterase no home dos derbis da xornada, xa que o domingo dirixirá o sempre intenso derbi malpicán entre Buño e Cerqueda, dous equipos que ademais andan con urxencias clasificatorias neste comezo de temporada na Liga da Costa, e o sábado pola tarde dirixirá o derbi pontecesán en categoría xuvenil (O Pinguel, 16.00, Ponteceso-Corme).

O fútbol base da Costa abre no liderado

A pesar de que a categoría cadete é unha das que máis debilidades ten na Costa da Morte, o cal se reflicte no número de equipos que temos na competición local, o comezo de temporada das categorías de base está deixando un bo sabor de boca no Conco. Xunto ao bo facer do conxunto xuvenil (a pesar da derrota da pasada xornada diante do Compostela), é de destacar o arrinque do equipo cadete do Dumbría, que sumou cinco vitorias nas cinco primeiras xornadas e se atopa líder en solitario na Liga Galega Cadete, grupo 1.

Estreará o liderado nesta xornada (partido adiantado ao venres, ás 12 horas) recibindo a un irregular Lugo B (con arbitraxe de Bruno Méndez, David Cancela e Lucas Vicente) que leva unha peculiar temporada: perdeu os tres encontros disputados como local, pero gañou os dous que disputou como visitante, todos os partidos decididos pola mínima. Será, pois, un encontro a bo seguro disputado e interesante de ver.

Os liderados en xogo nas competicións senior e veteranas

Esta xornada os tres colíderes da Liga da Costa, os tres equipos que suman os seus partidos por vitorias, dirimirán o liderado a domicilio e en tres campos dos máis complicados da categoría.

O Corme visita ao cuarto clasificado (e tamén aspirante ao trono esta semana), Muxía, en partido dirixido por Rubén Reborido. O Ponteceso terá unha viaxe curta para enfrontarse a outro dos aspirantes, o Baíñas, actualmente quinto clasificado (David Castreje); en tanto o actual líder (por diferenza de goles, 18 a favor por tan só 1 en contra), o Mazaricos, se desprazará ao Agra da Filgueira para enfrontarse ao Monte Louro.

Pola contra, na Terceira Galicia o liderado xógase na casa. O sorprendente líder, Castrelo (tres vitorias e un empate), recibe ao sempre complicado Porteño en horario de tarde-noite (Municipal de Vimianzo, domingo, 19 horas, dirixido por Carlos Señarís), en tanto o Coristanco recibe na Rocheira ao equipo debutante, As Baleas (domingo, 16.30 horas, Marcos Ordóñez). E literalmente na casa o Nantón, segundo na clasificación, que non poderá auparse ao liderado pois ten xornada de descanso.

Haberá duelo por todo o alto na categoría raíña do fútbol veterano. O San Lorenzo, que conta os seus partidos por vitorias, rende visita ao Ponteceso, que só cedeu un empate en catro xornadas e podería asaltar o liderado na matinal do domingo. O partido será dirixido por Manuel Espasandín.

E idéntico escenario, ou moi parecido, atopamos na Primeira División do fútbol veterano, onde o líder, Xornes, rende visita ao segundo clasificado, o Fisterra, que tamén podería asaltar o primeiro posto. O encontro estará dirixido por David Vázquez.

Partidos interesantes nas categorías de base

Tamén hai moito en disputa no fútbol base costeiro. En categoría xuvenil, ademais do derbi pontecesán, disputarase o liderado a partido único no Eleuterio Balayo, entre Os Miúdos (actualmente segundo) e Fisterra (líder con catro vitorias en catro partidos).

En categoría cadete, tamén pode haber cambio de liderado. Despois de só dúas xornadas, tan só Outes e Seaia suman dúas vitorias, pero aos da Serra tócalles descansar nesta xornada, polo que o Seaia podería poñerse líder en solitario se é quen de sumar cando menos un punto no encontro que o enfrontará o domingo en Pedra Queimada á Esteirana (Rai Reborido).

Pola contra, en categoría infantil a competición está máis polarizada, con seis equipos aínda sen puntuar, e con catro equipos que sumaron os seus dous primeiros partidos por vitorias, aínda que non haberá enfrontamentos directos na cabeza.

----

Como cada semana, todas as designacións arbitrais da RFGF, categoría a categoría, en www.futgal.es.

Comentarios